xoves, 30 de decembro de 2021

MEMORIA DOS SILENCIOSOS


Por Pepe de Rocaforte


  

Despois da metedura de pata de hai dúas ou tres semanas, cando escribín sobre unha exposición de Correa Corredoira no Museo Serralves do Porto, tratándose en realidade dunha exposición celebrada na sala Nasoni, eso si, tamén do Porto, debería estar escarmentado de confiar alegremente na memoria á hora de tratar un tema sen antes me informar debidamente.

Pero volvín desbarrar cando escribín que daquel grupo formado por Antón Risco, José Ángel Valente, Julio López Cid e outros mozos ourensáns alá polos anos cincuenta do século pasado, non me constaba que tivese ningún nome definido, quitándolle o creto, para máis inri, a un blog no cal aquela pléiade de grandes escritores, non debidamente coñecidos na súa terra (salvo o caso de Valente), era denominada como “Os Silenciosos”.

Se antes lle tivese dado un repaso a varios textos, que debo ter de man por algún recuncho da casa, de Julio López Cid, de José Eduardo Valenzuela ou de Antón Risco, nos cales consta que “Os Silenciosos” (“Os Silenciados”, dicíame o outro día un amigo) fora o nome elixido por eles e non atribuído por ninguén. Só con ter repasado as miñas colaboracións neste blog, non precisaría reiterar por enésima vez a miña petición de desculpas. Laméntoo moito, etcétera.

Pensando neso cando me decatei de que Antón Risco e Eduardo Valenzuela vivían na rúa de Santo Domingo, case ó lado do Parque de San Lázaro, José Ángel Valente vivía na rúa de Bedoya, que nacía perpendicular ó final da de Santo Domingo, e Virxilio Fernández, se non me engano, na rúa de Trives, logo de Buenos Aires, na proximidade da praza das Mercedes, é dicir: os catro a cousa de cen metros de distancia entre eles. Logo a casa dos López Cid encontrábase na rúa de Arcediagos, tampouco non demasiado lonxe das anteriores, a menos de cincocentos metros.. Desde ela contemplou Julio, debruzado á xanela da cociña, segundo conta en “Puente Carreira”, a proclamación do estado de guerra en xullo de 1936 por parte do comandante Casar ó frente dos militares golpistas de Ourense, baixo o arco central da casa do Concello.

Anos despois, a comenzos dos cincuenta, cando a estes cinco “Silenciosos” xa os camiños da vida os esparexeran polo mundo adiante lonxe de Ourense, a onde só regresarían, pero non sempre, en tempos de vacacións, foi cando cheguei eu a vivir na avenida de Buenos Aires, algo máis arriba da esquina de Bedoya. Nada ten de raro polo tanto que, xunto cos adolescentes novos amigos do meu novo barrio, as miñas viaxes exploratorias das vacacións de Pascua e de verao, se dirixisen habitualmente ós mesmos lugares a onde uns anos antes, camiñaran eles.


Algo máis adiante, cando me dedicaba a ler “Memorias dun emigrante”, do Antón Risco, ó ler o derradeiro relato do libro, “Ningures”, levei unha sorpresa ó descubrir que a historia se desenvolvía nunha aldea abandonada, un dos lugares, nos montes do outro lado do río da Lonia, a onde con maior frecuencia os rapaces do barrio iamos vivir as nosas aventuras exploratorias.

Así foi como empezaría, tempo andado, o meu trato con Antón Risco, daquela no Quebec, e como moitos anos despois, xa adulto nas proximidades da vellez, volvería camiñar, eu só, e pasaría a ponte da Lonia en busca da aldea morta, “Ningures”, ou “Valdoseira”, para lembrar os xa afastados anos da adolescencia.

Naquela pequena expedición, moi influído polo conto do Antón, fun redactando un texto, do que acompaño unhas liñas para rematar con elas a colaboración de hoxe:

Unha tarde de primavera volvín a Ourense, a cidade da que todos necesitamos estar distantes para amala máis e chorar de saudade por ela que non pode volver ser nunca Ourense, senón outra cousa, porque coma o río de Heráclito, ninguén regresa nunca á mesma cidade.

Aquela mañá botei a andar cara á ponte vella da Lonia que xa non era o esqueleto de pedra descarnada da miñas lembranzas, pero unha memoria antiga tendíame un fío guiador polos camiños que agora eran pistas, polo medio das casas diante das que había mulleres que tal vez eu xa vira alí de nenas, vellas nas que anos atrás cobizara formas tentadoras de rapaza nova, arrimadas a estas mesmas portas mentres eu pasaba camiño de descubrimentos inefables. Ata algunha, esa por exemplo, de cabelo branco, mandil abrazado á barriga deforme, despertara quizais en min un devezo fugaz trinta ou corenta anos antes.(...) O balbordo apagado da cidade quedaba atrás. O sol pousábaseme amigable no lombo, sol de primavera ourensá, forte, recio xa, meu vello amigo de adolescente. Pero a dor nas pernas que agatuñaban polos penedos concentrados sobre si, pacíficos e poderosos na súa inmobilidade telúrica, e os comenzos de afogo ó respirar, trouxéronme a confirmación, non fose esquecelo, do paso dos anos. Moderei o andar, recuperei a respiración. Entrábame polos ollos o arrecendo do fiúncho e polas ventas do nariz os pétalos da flor branca da esteva, o arrecendo amarelo, por ollos e boca, das flores da xesta, as sobreiras que resistiron o incendio e reviven pertinaces, o tronco mouro, nun afán agónico de sobrevivir ós exércitos de lume e mimosas que cercan o casal esmorecido que, por fin, ¡estaba alí! Diante de min tiña as vellas pedras e o silencio que baixaba perpendicular do ceu. Co peito oprimido por unha escura premonición observei as casoupas sen tellas, un lagar de pedra detrás dunha porta sen porta, o penso morto a unha beira, o rastro bravío do raposo na aba abrigada do norte pola penedía viva. Cara abaixo o anfiteatro que se centra contra a outra caeira para ocultar o río da Lonia ó fondo, baixo o sol en equilibrio sobre a calima. No lonxe, esvaído, o casarío de Ourense, como aquela cidade secreta do deserto á que se algunha vez se chega desaparecerá para sempre. As feridas abertas das pistas que gabean cara os chaleciños domingueiros onde facer o churrasco que borre por unhas horas a lembranza da oficina. Os ladridos dun can ó lonxe, como ecos da nada no fondo da historia. Cans que chegaron a carón de transhumantes pastores prehistóricos, detrás do cabalo dun mesnadeiro medieval, atados ó carromato famélico dos húngaros da postguerra. Aquí e alá unha mostra da man do home, xa harmonizada co entorno. Pedras esbarañadas dos socalcos, un pozo sen cambón na armadilla, uns pexegueiros selváticos, unha cepa retorta sen podar. E o silencio. O silencio máis frío no sol do mediodía, contornado polo canto dos grilos e o ladrido dun can ó que a distancia lle amortece a urxencia agresiva para viralo saudoso coma o salaio dun carro que nunca se volverá queixar, sube desde o fondo do val ou da historia...



Río da Lonia. Mende. Castadón. A Derrasa. Cachamuíña. Carballo da Merteira. Punto final.

Punto.

Final.



venres, 24 de decembro de 2021

O sol invictus

 

Todo ben escaso é motivo de solicitude. Pedimos saúde na enfermidade e sorte na adversidade con todo tipo de rituais. Pasamos o billete de lotería polo manto do santo e ofrecemos velas e exvotos para curar algún mal. E na procura do sol, fonte de vida e enerxía, animámonos a inventar as solainas, as galerías, os balcóns e ata os poios da porta da casa. El está na imaxe de san Ramón Nonato, o avogoso das parturientes, e en Nosa Señora de O, da Esperanza ou da Expectación, a Virxe grávida, como símbolo dunha nova vida.

Todo ben escaso é motivo de solicitude. Pedimos saúde na enfermidade e sorte na adversidade con todo tipo de rituais. Pasamos o billete de lotería polo manto do santo e ofrecemos velas e exvotos para curar algún mal. E na procura do sol,  fonte de vida e enerxía, animámonos a inventar as solainas, as galerías, os balcóns e ata os poios da porta da casa. El está na imaxe de san Ramón Nonato, o avogoso das parturientes, e en Nosa Señora de O, da Esperanza ou da Expectación, a Virxe grávida, como símbolo dunha nova vida.

Os mitos e as lendas son unha sorte de protociencia por medio da que se nos explica como se entendía o funcionamento do mundo pero tamén para convencernos da forza e da bondade das divindades.


Esas festas solsticiais romanas, realmente comezaban arredor dos Idus de decembro, que viña sendo sobre mediados do mes, cando as noites dominaban ó día e os sacerdotes romanos animaban ós fieis a celebrar unha sorte de invocación para que medrasen os días regalándolle a Neptuno catro cabalos que lle botaban ó mar, na seguridade de que el, logo, llos cedía a Apolo, o deus solar, quen se apuraba a xunguilos ó seu carro para transportar o sol polo firmamento. E facía o estreo desa nova cuadriga arredor do día vinte, en pleno solsticio de inverno. Entón os cabalos, cada día aprendían mellor o camiño, ían máis altos e os días medraban.

A partir destes mitos e algún outro que se lle uniu a través dos séculos, chegan ata nós todo tipo de símbolos invocando a luz e a vida, as rúas ilumínanse, regálanse froitos e doces, compártense desexos de fortuna e saúde, e nós, como herdeiros naturais daquel mundo grecolatino, corrixidos ou edulcorados polo cristianismo, celebramos o mesmo con outros nomes para facérmonos partícipes deses bos desexos entre amigos, veciños e familiares.

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

mércores, 22 de decembro de 2021

¿OS SILENCIOSOS?

Por Pepe de Rocaforte


    

Despois do paseo recordatorio co que andei a voltas arredor do “Grupo Poético Amanecer” da Coruña estas semanas de atrás, viñéronme á memoria os “Artistiñas” ourensáns, tal vez o grupo máis coñecido nos medios culturais da Galicia dos anos cincuenta e sesenta do século pasado (mención á parte para a chamada  “Xeración de La Noche”, outra cousa, ó meu ver, distinta).

Da tertulia e aventuras dos “Artistiñas”, na súa maioría pintores, no seu habitual centro de reunión na taberna de Tucho da Consolación, rebautizada por eles como “O Volter”, non vou escribir; máis que nada por non ter cousa ningunha que aportar ó xa de sobra coñecido, porque non tiven relación persoal con ningún deles, a non ser con Acisclo Manzano, e eso bastantes anos despois, cando aqueles rapaces que trataban de romper moldes dentro da pobre vida cultural da época, deixaran de ser unhas promesas das nosas artes para se converter nas figuras hoxe de todos ben coñecidas.

Así as cousas acordeime de outros mozos ourensáns daqueles tempos, que se movían un tanto á marxe de tertulias e medios máis ou menos bohemios do seu entorno. Ese grupo, para min innominado, non sei se por elección deles ou por denominación externa, resultou chamarse “Os Silenciosos”, segundo lin nun blog ó que non lle dei moito creto, tal vez por me parecer que en certo modo relacionaba a eses rapaces coa tertulia que no último terzo do século XIX tiñan en Zúrich o escritor Gottfried Keller, o pintor Arnold Böcklin e Carlo, fillo do pintor, tertulia cuxo nome Vila Matas traducía ó castelán como “Los Parcos”, mentres outros se inclinaban por “Los silenciosos”.

Formaban ese grupo José Ángel Valente, Antón Risco, Julio López Cid, Virxilio Fernández, José Eduardo Valenzuela e algún máis que agora mesmo se me escapa da memoria. Daquela eu sabía quen era Antón Risco, con quen me cruzaba a miúdo no Parque de San Lázaro e pola rúa de Santo Domingo. E tamén sabía do pintor Virxilio porque nunha ocasión en que o vira pintando as portas dunha carnicería preto da casa onde eu vivía (creo lembrar: a carnicería da Rogelia), un amigo meu contoume que aquel home era un artista e pintaba cadros. O cal vería confirmado nunha entrevista en “La Región”, onde contaba que nas súas correrías por Europa adiante se dedicaba a pintar para non morrer de fame. O xornalista preguntáballe: ¿Pintaba e vendía cadros? E Virxilio respondíalle: Non, non. Pintaba paredes”.

En xaneiro de 1960, outro membro do grupo, Julio López Cid, conseguiría o Premio Sésamo de contos co relato titulado “¡Pobre Celso!”, que non sería publicado ata 1975; pero con tal motivo puiden ter noticia del por outra entrevista en “La Región”, e saber que a aquela altura se encontraba internado nunha clínica de La Dehesa de la Villa, en Madrid, por causa dunha doenza pulmonar. A Julio López Cid nunca cheguei a velo persoalmente.


Polo que algún tempo despois cheguei a saber deles, parecíame que o nome máis axeitado para o grupo sería o de “Os Paseantes”. Ou, en todo caso, “Os Camiñantes”. E pensando neso tratei de lembrar o modo en que empecei a ter relación con eles; pero non acabo de chegar a un acordo comigo mesmo. Por unhas veces paréceme que con quen primeiro empecei a me relacionar foi con Antón Risco, pero por outras creo que foi a Julio López Cid a quen primeiro tratei.

E posto que quero contar como se produciu o inicio das miñas relacións con eles, e paréceme que facelo hoxe suporía alargar máis alá do debido esta colaboración, vouno deixar ata a semana que ven, a ver se entre tanto consigo lembrar con certeza con quen primeiro empecei a me relacionar.

¡Ata dentro de oito días logo! ¡E felices festas!, como corresponde desexar nestas datas.





sábado, 18 de decembro de 2021

Un cavilador con método

 

Dicían os antigos gregos que fora Afrodita quen creou os ollos, mesturando con arte os catro elementos, a auga, o lume, a terra e o aire, e despois acendeu dentro unha especie de fogueira por medio da que se iluminaban os obxectos para facilitar a visión. Era algo moi fermoso para contar, pero ó científico musulmán Alhacén (964-1049), despois de pensalo moito, non lle cadraba.

En Basora, a súa cidade natal, a aquel que se engaiolaba mirando un simple raio de luz, non lle prestaban atención cando negaba tal mito. Padecía do que padecen todos os caviladores: incomprensión e teimosía. Pero el seguía nas súas, sabía que non era un babiolo, pero tíñano por un infeliz, como se ten a todo aquel que non comparte as crenzas da maioría. ¿Como ía el a negar o que sabía todo o mundo?. Consciente de que se facía algo interesante dábanlle palmadiñas nas costas e se non cortábanlle a cabeza, un día, querendo darse a valer, ó saber dos problemas que tiñan en Exipto coas grandes enchentes do Nilo, comezou a dicir por foros, tabernas e rueiros que el era quen de moderar o seu ímpeto, e explicábao tan claramente que o califa do Cairo mandouno chamar para remediar o eterno problema das crecidas.

Alhacén púxose mans á obra, e despois de estudar o caso e de visitar o lugar máis idóneo para reter as augas, deseñou unha serie de represas na zona de Asuán, no mesmo lugar en que hoxe en día está a moderna presa construída durante a década dos anos sesenta do pasado século; pero daquela (séculos X e XI) non todo o que estaba ben na teoría se podía levar á práctica, e despois de gastar en dietas unha boa parte do presuposto, para non desdicirse, temendo a ira do sultán, fíxose pasar por tolo e deixou que o enclaustrasen durante máis de dez anos agardando a que curase.

Pero durante a suposta loucura e consecuente encerro, por aquilo de non perder o tempo, dedicouse a facer experimentos sobre a luz, aplicando por primeira vez os seus coñecementos de cálculo e xeometría, e polo que hoxe se considera o primeiro científico con método. Nesa reclusión, onde ninguén o molestaba, sacou tempo para redactar o máis grande tratado de óptica ata aquela nunca escrito, sobre a reflexión, a refracción ou como se forma o arco da vella, pero tamén para seccionar e estudar os ollos ata descubrir e demostrar que estes non iluminan a imaxe, como se dicía, senón que a forman.

E foi observando as luces e as sombras cando fixo outro gran descubrimento,  ó ver como un raio de luz que se coaba por un furado dentro dunha habitación escura, proxectaba na parede oposta a imaxe do exterior de maneira invertida, polo que estivo a punto de inventar a cámara fotográfica. Só lle faltou coñecer as propiedade do bromuro de prata para facer fotos, pero a falta del ofreceulle ós pintores e retratistas unha nova técnica para copiar escenas de maneira fidedigna, e se non fose porque era musulmán e o islam prohibe a representación do rostro humano, había de ter moitos devotos que lle gardarían lei, e quen sabe se hoxe non sería o patrón e avogoso dos fotógrafos e dos oculistas.

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).