sábado, 24 de setembro de 2022

Música e terapia

 

  

Se a música amansa ou non amansa ás feras non o sei. De momento non me atrevo a facer a proba. Pero o que si sabemos é que dependendo da canción que escoitemos imos amosarnos irados ou alegres, tristes, tranquilos ou sosegados, porque non toda a música é igual e, como toda obra artística, segundo que acordes así aflorarán as nosas emocións.

Tamén é certo que dependendo do noso estado de ánimo estamos mellor ou peor condicionados para certas melodías. Xulio dinos que a empatía que temos con determinadas cancións depende en boa medida da nosa educación musical; ou, como é de supoñer, do que estamos afeitos a escoitar, daquilo para o que temos adestrado o ouvido. Apreciamos máis os sons con que nos bombardean dende as emisoras de radio ca aquilo que escoitamos en moi raras ocasións. Todo o cal vén a revelarnos por que non valoramos máis a música que etnicamente nos queda máis próxima ca outra de tonalidades alleas á nosa cultura. Ou por que, en liñas xerais, ten máis éxito unha guitarra eléctrica ca unha gaita.

Pero, ¿onde residen as emocións que a música ou outras formas artísticas nos aportan?

No corazón non, dende logo. O corazón non é máis que unha bomba de achique. As emocións son algo que se aprende e o aprendido queda arquivado ou almacenado nas diminutas células do cerebro, de maneira tan profunda   que poden trocar a estrutura dos mesmos xenes que nos forman e condicionan. Algo que se pretende demostrar o vindeiro día trinta deste mes en Compostela con un grupo de mil asistentes a un concerto da Real Filharmonia de Galicia, onde os ouvintes que o desexen, poden participar no experimento para comprobar a capacidade que a música ten para transformar a química do noso xenoma. Só é necesario tomar unhas mostras de sangue e cuspe á entrada e á saída do evento para, segundo se nos conta a través da prensa, demostrar como as melodías poden alterar a nosa bioquímica e ata onde poden servir para manipular ou estimular as distintas moléculas, e cales en concreto, con uns simples acordes, a fin de modificar condutas ou deseñar algunha terapia determinada. Quen sabe se na volta duns aniños nos substitúen o sintrom por unha canción dos Rollings, e para calmar as dores do ácido úrico nos van dar unha sesión de ópera, por exemplo.


Agora só nos falta saber que tipo de melodía se vai tocar no devandito concerto, porque non terá a mesma reacción unha persoa maior ca dun mozo, ante un rock ou un valse. Os investigadores xa terán tomado as súas precaucións para diferenciar a uns de outros e prever que os efectos dun punk non alteren as sensacións dun bolero.

Da  importancia da música sabemos dende os primeiros minutos de vida grazas ás nanas que nos calmaban e nos axudaban a coller o sono; e ata se conta que unha boa melodía pode facer revivir unha planta incluso en ausencia de auga e sol. Mitos á marxe, aquela está probada secularmente pero esta non, só é unha crenza sen demostración empírica. 

Sexa o que sexa, estou desexando coñecer os resultados do experimento, por saber se determinada música me vai evitar no futuro a necesidade de inxerir algún fármaco.

 

 (Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

Ningún comentario:

Publicar un comentario