Por Pepe de Rocaforte
“No sétimo ceu”, titulada en alemán “Wolke neun”, é unha película do ano 2008, dirixida por Andreas Dresen, na que se relata a aventura dunha muller que despois de moitos anos casada comenza unha relación amorosa fóra do matrimonio. O argumento resulta en principio un tanto manido; pero neste caso a historia iniciase a partir dunha situación non moi habitual: as idades dos protagonistas, dous homes e unha muller, oscilan entre os sesenta e tantos e os setenta e tantos anos, o cal nos trae o desenvolvemento dunha trama un tanto especial. Pero o que quero escribir hoxe non ten case nada que ver co argumento de “No sétimo ceu” (cuxa visión recomendo).
Ese par de detalles de mínima importancia son os seguintes: o primeiro prodúcese nun momento en que o marido da protagonista feminina vai ir visitar ó seu sogro, internado nunha residencia para xente mentalmente discapacitada. O home dille á muller: “Se algunha vez me vexo coma teu pai, lévame ó bosque e pégame un tiro”.
Non sei se vostede lería algunha das miñas últimas colaboracións nesta páxina, pero en caso afirmativo tal vez recorde unha, publicada hai dous meses co título de “Un tiro para Méndez Ferrín”, na cal informaba da presentación dun libro de relatos de Xosé Manuel del Caño, con ese mesmo título, no que, entre outras, se contaba a historia dunha ocasión en que o escritor de Vilanova dos Infantes lle dirixía ó narrador unha idéntica petición.
O outro mínimo detalle de “No sétimo ceu” aparece nunha escena na que os mesmos protagonistas, marido e muller, están vendo a tele na súa casa mentres na pantalla se ofrece a transmisión dunha competición de ciclismo tras moto. O detalle fíxome lembrar da miña adolescencia, cando o ciclista mallorquino Guillermo Timoner, un deportista hoxe practicamente esquecido, era a gran figura mundial dese deporte.
Timoner foi catorce veces campión de España de velocidade en pista e cinco veces campión mundial de medio fondo tras moto. Daquela a figura do ciclista mallorquino aparecía case a diario nas informacións deportivas, e o ciclismo tras moto parecíanos, ¿como non?, o deporte máis importante do mundo.
Logo o auxe destas competicións foi decaendo. A última información, moi escasa, que vin relacionada con elas foi a dos campionatos de Europa dos anos 2017 e 2018, gañados polo alemán Franz Schiewer. Tal vez fose a Alemaña o último refuxio onde sobreviviu tal deporte e por eso a vella personaxe de “No sétimo ceu” alimentaba a súa saudade frente á tele seguindo a transmisión dunha desas competicións da súa mocidade. ¿Chegaranos a pasar algo polo estilo coas restantes grandes competicións ciclistas? Non sei se será imaxinación miña, ou xa me vai parecendo que a paixón polo ciclismo en carreteira non é o mesmo que cando Miguel Indurain era o noso ídolo nesa modalidade deportiva.
E menos mal que a Rafa Nadal xa parece que empeza a lle coller o relevo outro novo tenista español. Menos mal, porque ¿que sería hoxe de nós sen o tenis na televisión?
Ningún comentario:
Publicar un comentario