Que sería de todos nós se non fose polas meigas, curandeiras, bruxas e albeites que, xeralmente do xénero feminino, estaban especializadas nas distintas facetas da sanidade que agora chamamos con nomes máis técnicos e masculinizados, traumatólogos, psicólogos ou médicos de familia.
Aquelas mulleres, polo xeral a competencia máis directa dos santuarios cando a medicina tiña máis de maxia, sorte e milagre ca de ciencia, disfrazaban os seus remedios a base de herbas e ungüentos con oracións e escritos invocando a presencia dalgunha divindade para non ser acusadas de facer pactos co diaño. E o caso é que curaban e moitos dos seus métodos aínda son remedio eficaz contra as longas listas de espera do SERGAS. Eu mesmo aliviei a dor dun dedo escordado a base dunha pasta de allo e graxa de porco recomendada polo amigo Afonso, Xulio atalla o trancazo con mel e limón e alguén me asegurou que evitou o COVID cunha dose matinal de vapores de eucalipto.
Na memoria da veciñanza está sempre presente algunha muller especializada en aliviar unha escordadura, en sacar unha espiña da garganta ou devolverlle o ánimo a un doente coa peletilla caída.
Tamén coñecemos as milagrosas virtudes da auga da fonte de san Benito de Seráns contra as verrugas ou o aceite da lámpada de santo Adrián. E cando o santo non curaba a cousa era que non estaba de Deus ou que a esmola deixada era moi cutre, pero se quen non lograba a cura era unha desas meigas, axiña a elevaban á categoría de bruxa e se non acababa ardendo na fogueira acababa cos ósos rotos nunha sala de tortura.
Agora xa non funciona a Inquisición, para frear a estas persoas que a troco dun puñado de fariña ou un par de ovos che devolvían a saúde de maneira máis rápida e eficaz ca aqueles milagreiros santos a quen lle atribuían os méritos que tiñan realmente a auga da fonte. E sen embargo, a pesares da forte imposición dos inquisidores para evitar esa competencia curadora, non foron tantas as bruxas españolas condenadas á fogueira como foron en Alemaña, Suíza ou Francia. Aquí, no século XVII, só houbo vinte e tres xuízos por cada cen mil habitantes, cando en Suíza tiveron case mil. Esa é unha realidade que desminte a mala fama que temos, xa sexa polas estampas de Goya, por algún conto de Alan Poe, por nós mesmos propagando a bruxería como un sinal de identidade ou polos médicos aqueles que pensaban que era o corazón o lugar onde se gardaban os sentimentos, e denunciaban á competencia.
Claro que moitos daqueles xuízos eran por envexas e acusacións de malos veciños. E xunto con estes xuízos que nunca evitaban a tortura, había moitos casos de enfermos mentais que realmente crían que voaban ou que Lucifer ceaba con eles cada noite; e aqueles xuíces, tan ansiosos por demostrar que o demo existía e argallaba o mal, non desexaban máis que escoitar unha desas fantasías para acender a pira purificadora e propagar ós catro ventos a moita razón que tiñan.
Por sorte para todos nós, tamén houbo outras persoas máis sensatas que, aínda alcumadas de magos e alquimistas, non dubidaban en preguntar a composición desas fórmulas meigas a base de herbas para encontrar o principio activo que deu paso ó medicamento.
Ningún comentario:
Publicar un comentario