Por Pepe de Rocaforte
Xa hai tempo que non asisto a practicamente ningún acto relacionado con presentacións de libros ou intervención de escritores falando da súa vida, da súa obra, ou de calquera outra cousa desas.
As presentacións de libros, polo menos tal como eu os coñezo, paréceme un tipo de actos destinados a desaparecer nun prazo de tempo máis ou menos curto. Certo que ó longo dos anos viñeron sufrindo unha transformación, pero esta evolución foi en sentido máis ben descendente, camiño da extinción. A non ser que o escritor cuxo libro se presenta sexa unha personalidade coñecida, cun nome que aparece con frecuencia nos medios de comunicación, xa case ninguén, excepto os incondicionais do autor, acude a este tipo de actos, porque o posible asistente considéraos carentes por regra xeral dun mínimo atractivo que poida tentalo.
Para lle dar en certo modo ese atractivo en principio inexistente segundo a opinión máis común, as presentacións a pau seco foron incorporando de vez en cando algún tipo de intervención máis espectacular, polo menos na intención dos organizadores, aínda que con escasa imaxinación. O medio máis habitual consistía maiormente na oferta dun moderado piscolabis ó seu remate. Ou a actuación dun músico, ou dun pequeno grupo musical, para amenizar o transcurso do acto.
Neste aspecto, referíndome a estes, fago constar a excepción cando o autor presentado é unha especie de showman con suficiente gancho e simpatía, como pode ser o caso de Xurxo Souto, a quen xa hai certo tempo lle puiden ver un considerable éxito de público na presentación dun libro seu, por certo tamén merecente de lectura desde o meu punto de vista. Nese caso Xurxo amenizou a sesión cunha intervención musical que acabou sendo coreada por case a totalidade do público, sen dúbida incondicional do entusiasta escritor de Monte Alto, a quen se lle nota que se trata dun autor que conta cunha boa cantidade de fans.
Ningún comentario:
Publicar un comentario