sábado, 10 de setembro de 2022

Tarxetas e croquetas


En certa ocasión, preparando un acto arredor da figura dun dos persoeiros da nosa literatura, o escritor e dramaturgo Manolo Lourenzo aconsellounos, para garantir o éxito cunha afluencia masiva de espectadores, que se anunciase con “tarxetas e croquetas”. E tiña razón. A tarxeta, aínda saída dunha multicopista, singularízanos entre a masa; e fronte a unha mesa todo semella congratularse para ben, como se as palabras entrasen mellor se se acompañan dun regular movemento de mandíbulas. Tarxetas e croquetas veñen sendo o sinal da presencia da gula e da soberbia que nos é innata, actuando sempre como un imán de público.

Chámese cóctel, lunch ou simplemente tomar un viño, calquera acto social gaña cando os asistentes falan entre si cunha copa na man. A mesa posta facilita a reunión e a festa, e as vacacións son sempre un convite sen tregua que nos chega despois de tres ou catro meses preparándonos para eses días de asueto, que non de descanso, coas súas mil celebracións para perder, na volta dun mes, todo o que con tanto esforzo pre-estival, a base de dietas de ensalada e longas sesións de ximnasio, conseguimos para lucir tipo fino nas praias da bisbarra, sen avergoñarnos cando habemos de amosarnos en calzóns.

Comer é unha necesidade, pero tamén unha marca de distinción e de relación social, tal vez por iso, ó largo dos meses de verán, as comisións de festas afánanse en promover exaltacións gastronómicas en cada concello, parroquia ou asociación de veciños, dende os percebes de Aguiño ás xoubiñas de Rianxo, pasando polo mexillón de Boiro (¿ou será de Cabo de Cruz?). E todo para que ó final volvan a recuperarse esas gorduras que con tanta carraxe combatemos despois dos cocidos do inverno.


Pero como non hai romaría sen invitado nin voda sen tarxeta, e é de mala educación non estar a altura dos demais engulindo manxares, creo que había que darlle a razón a Xulio cando di que a ciencia non avanzará mentres a medicina e a farmacopea non encontren un remedio para poder comer e beber a pracer sen que sexa daniño. Unha pastilliña despois da enchente e coma novos, sen efectos secundarios. Porque hai que demostrar bo saque, e cando volves dun ágape a resposta máis socorrida canto che preguntan que tal, é a lista de pratos que foron servidos. Tamén os mandatarios, despois de andar a sopapos de metralleta rematan as súas discusións sobre armamento con un suculento banquete mentres os seus súbditos padecen o indicible fronte á caixeira do supermercado e botan contas para chegar a fin de mes. E nós mesmos non entendemos unha romaría sen viandas e bota de viño, que é a mellor maneira de facer amigos, de dar mostras de boa veciñanza e de selar as paces entre os discrepantes. Iso si, invitando sempre a que o veciño de romaxe comparta a empanada, o lacón asado ou o pólo frito.

E como o verán foi tempo de cuchipandas, volvemos das vacacións recuperados, no noso propio peso, falando das moitas enchentes e encherolas en que participamos sen mover máis músculo que os do maxilar inferior. E ata nos sentiremos agradecidos cando nos digan “que ben che vexo”, aínda que esteamos máis barrigudos ca uns días antes do solsticio.

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).



Ningún comentario:

Publicar un comentario