A tempada de praia ten dúas datas que marcan o inicio e o final: cando san Xoán bendice as augas (24 de xuño) e o Nazareno (terceiro domingo de setembro), a partir do cal xa se nota a friaxe nos ósos. E se naquela primeira data se festexaba o triunfo da luz sobre as tebras, no Nazareno celebramos o triunfo da vida sobre a morte.
De
antigo é neste mes, despois de feitas as recoleccións do verán, cando, seguindo
esa orde de celebracións entroncadas cos ciclos da natureza, os deuses e os santos
cumpren unha función auxiliadora alí onde as capacidades humanas non son quen
de chegar. Nestes días, cando dá comezo a caída das follas e o inverno está ás
portas ameazando con acurtar as horas de sol, os devotos de todas as épocas
dedican ás súas divindades protectoras, diversas mostras de agradecemento polos
favores recibidos, fosen ou non fosen pedidos con anterioridade, tanto polas colleitas
como pola saúde, ó tempo que se lle roga para pasar con ben a invernía, á
espera dunha nova primavera. Os romanos facíano ó largo da primeira quincena de
setembro, sen faltar unha populosa procesión levando ás súas deidades
protectoras polas rúas que a cotio percorrían os cidadáns, para que tomasen
contacto cos lugares da vida diaria; os exipcios festexaban a Isis, a divina
esposa do bondadoso Osiris e nai de Horus, o ollo que todo o ve. E nós tamén,
no final do estío, todas as semanas e en todas as bisbarra, poñemos no
calendario algunha divindade protectora, contra o mal e as enfermidades, xa
sexa coa celebración do natalicio da Virxe María, coa santa Eufemia, san Campio
ou o san Miguel, avogosos contra os males do corpo e da mente, sen faltar a
desculpa de liberar ós endiañados. Todo un mes de gratitude e prevención en múltiples
lugares do pais, algunhas de cuxas romaxes transcenden os límites de Galicia
pola súa singularidade. E entre elas destaca, por emotiva, a celebración do
Nazareno de A Pobra de Deán, para amosar, como xa dicimos, o triunfo da vida
sobre a morte.
É este un festexo que, a pesares de ser potenciado a partir da Baixa Idade Media coa lenda do rexedor Liñares e a súa suposta primeira procesión coa mortalla e o cadaleito que lle tiñan preparado tras unha longa e severa enfermidade, vén a entroncarse con outros vellos costumes que forman parte da nosa mitoloxía lendaria como as procesións de defuntos, a Santa Compaña, herdeira doutro ritual do tempo dos romanos en que o cabeza de familia saía á medianoite a calmar ós finados para que non molestasen ós vivos, polo que é de supoñer que as raíces desta procesión que celebramos na Pobra son moito máis antigas, e a do rexedor Liñares é unha anécdota na longa tradición que a sustenta, tendo como referente a unha divindade que foi quen de vencer á morte a pesares do duro martirio que sufriu e que agora vén en auxilio dos devotos, nesta vila que alguén definiu como un casal rodeado de camposantos.
Pídese pola saúde e agradécese que se nos conceda unha prórroga de estancia neste mundo adiando para máis adiante –e canto máis tarde mellor- a chegada a ese marabilloso paraíso que ninguén bota en falta, porque, por moito que se promete unha nova vida tras a morte, os devotos prefiren seguir neste val de bágoas, arroupados por todos os conflitos entre amigos, veciños e familiares baixo a máxima de “máis vale malo coñecido...”
Sen ser tan morbosa como a de Ribarteme, pois aquí os curados non se meten dentro do cadaleito (iso queda para outra), si é concorrida e cargada de emotividade. Faces que espertan en quen as ve, sexa ou non crente, un sentimento de heroicidade, porque son un exemplo de resistencia e de apego á vida. Durante a procesión deste Divino avogoso dos imposibles, a un encólleselle a alma e sente humedecer os ollos cando no medio desa multitude desfilan rostros de dor e resignación, caras que levan na pel a cor da cera e os sucos da irremediable amargura que deixa a traxedia da enfermidade, aínda que, por agora, vaia triunfando a vida.
(Este artigo foi publicado no suplemento especial sobre as festas do Nazareno 2022 en La Voz de Galicia).
Ningún comentario:
Publicar un comentario