(Músicos populares: subsistencia e resistencia cultural)
Felisa, a gaiteira de Bendilló |
Xa ninguén recorda o nome verdadeiro do Gaiteiro Perdido. Tampouco o doutros músicos populares que ao longo do pasado século percorreron os infindos camiños das montañas e os vales de Galicia. Descoñecemos en grande medida a memoria musical da nosa terra, na mesma medida que ignoramos a súa memoria histórica, en sensu estrito, así como o seu pasado literario ou artístico, a fonda raíz da súa cultura. En resumo, unha parte importante do noso patrimonio inmaterial.
Estas semblanzas de músicos populares de tempos idos, que tanta ledicia sementaron nos corazóns cansos dos homes en tempos ben díficiles, recollidas neste libro de Xosé Pérez Mondelo, que podedes descargar en formato electrónico, baixo o título O Gaiteiro Perdido, da nosa sección de “Libros na Artesa, son un intento de resgatalos da neve do esquecemento. En xusto pago.
Circuncríbense, fundamentalmente, á contorna do val de Quiroga, Ribas de Sil e Courel, mais ben podiamos encontralos en calquera outro recanto do país: cómpre recordar que até ben pouco, cada lugar, cada parroquía, cada bisbarra, eran un conservatorio, unha aberta escola músical. Os oficios aprendíanse no medio comunal e só dentro desa perspectiva, dentro desa cosmovisión e identidade colectivas, podemos entender a nosa vizosa vida musical doutrora. A música como oficio e paixón, alén dun complemento pecunario para a economía familar. E unha forma de subsistencia e resistencia.
"Os Padernes". Foto de Carlos Díaz Gallego |
Debaixo destes relatos musicais tamén pode sentir o lector, entreliñas, un testemuño da vida social e política, da propia historia contemporánea de Galicia, das súas formas de lecer e da súa creatividade, mais tamén das súas mágoas e o seu desamparo, da súa intrahistoria.
En definitiva, trátase dunha ollada sobre a música popular que, ao tempo, deita luz sobre diversos aspectos da nosa singularidade cultural e o noso destino histórico.
Bernardo Quiroga
Ningún comentario:
Publicar un comentario