sábado, 30 de setembro de 2023

Día da Ciencia en galego

 

Manuel Colmeiro

O 4 de novembro conmemórase o Día da Ciencia en galego, unha idea que nace despois de que se publicase no DOG do 25 de maio de 2010 un decreto da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria para o plurilingüísmo, obrigando a impartir en castelán as clases de Matemáticas, Tecnoloxía, Física e Química no ensino non universitario; como se o noso idioma só servise para facer poesía.

Con tal data preténdese pór en valor o uso do galego, que coma calquera idioma vale tanto para falar de letras como de números. Xa a principios dos anos oitenta, cando me tocou facer unha serie de artigos sobre ciencia, técnica e trebellos, presentábasenos o problema de como definir en galego os distintos elementos da electrónica e da tecnoloxía en xeral, daquela aínda se empezaba a falar dos CD, do vídeo, do micro-ondas ou das cociñas de indución, e incluso se nos facía raro usar palabras como parafuso ou píxel, cando se tocaba o tema da cámara de fotos electrónica. Era unha eiva que tratábamos de remediar na medida do posíbel. Agora xa temos libros de temática científica.


Cada ano, como pasa co Día das Letras, escóllese a un relevante científico galego a quen homenaxear, e neste 2023 o escollido foi o economista Manuel Colmeiro (1818-1894), de quen a Academia di que era “polifacético, fecundo e recoñecido, cunha obra que influenciou a múltiples economistas, xuristas e historiadores, así como unha forza de cambio económico e social en Galicia e en España”. Profesor da USC e da Universidade Central de Madrid, era todo un intelectual que, aínda que por motivos da época en que viviu, a súa obra foi escrita en castelán, traballou arreo no ámbito da economía política, moitas veces co foco posto nas circunstancias propias da nosa terra. Licenciado con vinte anos e doutor con vinte e tres, ós vinte e catro deu ó prelo un ensaio de longo título: Memoria sobre el modo más acertado de remediar los males inherentes a la extremada subdivisión de la propiedad territorial de Galicia, no que aborda o tema do minifundismo e como remedialo. Nos seus traballos afronta a economía como a ciencia que debe estender o benestar á maioría da poboación, non admite o traballo infantil e de exercerse recomenda que se regule, é partidario de que os sindicatos medien nos conflitos laborais, defende a creación das caixas de aforro e dunha mellor e maior rede viaria así como de ampliar a educación de nenos e nenas. Ostentou os cargos de deputado, senador, conselleiro do Estado e fiscal do Tribunal Supremo.

Cando Murguía estaba escribindo o seu inacabado Dicionario de autores galegos, pediulle a Manuel Colmeiro información sobre a súa vida e obra, ó que este responde por carta aportando un detallado currículo onde, ademais das obras e cargos que ostentou, hai un amplo resumo da súa participación en congresos no estranxeiro e da pertenza a distintas sociedades como o Instituto de Xenebra, o Instituto Imperial de Francia, a Real Academia de Ciencias Morais e Políticas ou o nomeamento de comendador da Orde de Carlos III.

O vindeiro 4 de outubro renderáselle unha magna homenaxe dentro dos actos de divulgación que no seu honor se veñen celebrando ó longo de todo o ano.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, da edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

Ningún comentario:

Publicar un comentario