sábado, 23 de setembro de 2023

Fame, apetito e gula



Na opinión de Xulio, no catecismo hai pecados que non deberían existir, como o da gula, sobre todo agora que se demostrou que o tal é debido a un mal funcionamento do mecanismo corporal e non sempre a un vicio reprobable.

A sensación de fame é algo que nos debilita e calmala pode parecer de galopíns, con esa ansiedade arroutada por meterlle algo á boca cando nos roe no estómago, cando iso que se dá en chamar o reloxo biolóxico nos avisa de que xa estamos entrando na reserva; e así, cando viaxamos a un pais con distinto fuso horario, como as tripas non entenden do cambio de hora, revoluciónanse pedindo o seu aínda que esteamos nesa moda do xaxún intermitente que din ser bo para retrasar o envellecemento, agora que xa ninguén fai privación nin abstinencia. Que por certo, o xaxún, chámese como se queira, haino en todas as relixións, e contra el, na nosa tradición, ter bo saque é síntoma de boa saúde e a quen vén de traballar non se lle taxa a comida, agás entre quen confunde o apetito coa gula.


Dende cativos aprendemos que non é o mesmo a fame que as ganas de comer, ou que ter bo dente non é ser comellón, como tampouco é o mesmo estar famento ca estar famélico. E se hai tantas maneiras de referirse ó de meterlle carburante ó corpo, é porque non sempre se entendeu ben iso do bo comer, de tal xeito que, mentres que ir a unha voda e deixar a comida no prato é de maleducados, tamén o é ser invitado a unha casa e papar como se nunca se vise comida diante, pois, dependendo de onde, non se valora por igual comer coma un adramán ca comer coma un paxariño.

Pero agora, cando a ciencia anunciou que xa coñece o mecanismo do apetito e da fame, agardamos que facer algunha desas dietas para lucir tipo, non represente máis sacrificio que o de tomar unha pílula que lle cambie a hora a ese desapiadado reloxo biolóxico que tantos trastornos nos dá.

O caso é que todos pensabamos que a fame era máis unha cousa da mente e do costume, con esa frase tan repetida, “é a hora de xantar”, que tantos sacrificios nos causa os días de cambio horario, e resulta que toda a culpa é dunhas minúsculas células que hai na graxa corporal, que axiña detectan cando a carga enerxética entra na reserva, revoluciónanse e mandan sinais ó cerebro para que faga renxer as tripas e sentir como que o estómago encolle, ata obrigarnos a abrir a neveira a fin de frear tan alarmantes mensaxes.

Agora tamén sabemos que cando esas células non funcionan ben a persoa vólvese larpana, lambona e comellona, traga sen taxa nin orde para acusarse diante da sociedade e do mesmo confesor como un guloso, pecado capital condenable co lume do inferno, cando realmente só é un fallo do mecanismo corporal. E entón cabe preguntarse, como apunta Xulio, se non habería que sacar á gula da lista de tales pecados, pois, segundo se vén de demostrar, o guloso pode selo por un defecto fisiolóxico que o confesor debería exculpar con un simple certificado médico, sen nada que ver con ningún tipo de maldade e a pertinente penitencia. 

 Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia). 




Ningún comentario:

Publicar un comentario