venres, 15 de setembro de 2023

Don Ramón del Valle e Murguía


Con motivo do centenario do pasamento de Murguía acercámonos a don Ramón del Valle Bermúdez, pai de Valle-Inclán, periodista, laureado poeta, historiador e político, que foi amigo e estreito colaborador do Patriarca, segundo se nos revela polas moitas cartas que se intercambiaron, nas que este non dubida en pedirlle información sobre diversos monumentos, dunha e doutra banda da ría; un amigo con quen compartía tanto o gusto pola poesía como pola historia, e nalgún momento tamén por asuntos de política. Unha amizade que se manifesta, incluso tras o seu pasamento, con motivo da edición de Femeninas (1895), coa que Valle-Inclán se dá a coñecer como escritor cinco anos despois da morte de seu pai, a quen Murguía lembra no prólogo da citada novela: “la grande, la estrecha amistad que nos unió a su padre”. Un carteo que logo había de seguir co seu fillo, con Valle-Inclán, quen, en 1913, con motivo da homenaxe que lle ofrecen ó Cronista do Reino de Galicia, para celebrar o seu oitenta aniversario, envíalle unha extensa nota de felicitación: “mi saludo de admiración, de afecto y de respecto al patriarca de las Letras castellanas, al que siempre tuve por maestro”.

Son coñecidas as cartas que don Ramón del Valle lle manda, pois están recollidas en distintas edicións, e de entre elas resaltamos as tres enviadas no mes de setembro de 1866 onde aporta importantes datos sobre o megalitismo de Barbanza, empezando pola enviada o día 7, en que, tras queixarse da moita chuvia que caeu por estas terras durante os primeiros días do mes, impedíndolle facer algunha excursión que tiña programado; si puido levar a cabo un descubrimento de grande interese para a historia de Galicia: o dolmen de Axeitos, informándoo de quen é o propietario do terreo onde se atopa e o uso que este lle dá como secadoiro de fabas no teito e de esterqueira no interior, así como das lendas que hai arredor do mesmo, que os veciños coñecían como a casa do mouro, e temendo que algún desalmado, levado pola cobiza o destrúa na procura do tesouro que, tal e como asegura unha lenda, agocha o suposto mouro no seu interior.


Na citada carta tamén o informa sobre a situación do monumento, en leguas de distancia dende os puntos máis recoñecidos da bisbarra, e das medidas en cuartas, do propio dolmen, detalladamente descrito.

Temos presente que o sistema métrico fora implantado o 19 de xullo de 1849, co que aínda non debía ser de dominio xeral falar de metros e centímetros.

O día 22 dese mesmo mes e ano, entre amables palabras dálle conta da lenda de Valverde entroncada co lendario asedio de Carlomagno á mítica cidade, así como dun grupo de pedras que el interpreta como unha enfilación de  menhires no lugar de Balteiro, cuxas medidas lle enviará o 29 dese mes, empregando por primeira vez os milímetros, para dar conta da escala que usa no bosquexo que lle envía de “un milímetro por cada nueve pulgadas, o sea, cuatro milímetros por vara (sic)”.

No mesmo ano, pero xa a finais de novembro, parece ser que Murguía lle anuncia o propósito de facer unha excursión por terras de Vilagarcía onde por eses días está don Ramón con motivo do nacemento do seu fillo, pero en cartas posteriores non temos noticia de que se levase a cabo, como tampouco a temos de se se acercou nalgún momento pola Barbanza, a pesares dos moitos artigos e referencias que na súa obra fai sobre estas terras.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado no suplemento especial Nazareno-23 de la Voz de Galicia na edición de Barbanza).

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario