mércores, 20 de setembro de 2023

OS XOGOS DA MEMORIA

Por Pepe de Rocaforte


Esta mañá levanteime cun nome a me dar voltas na cabeza, un nome que en principio soábame practicamente descoñecido. Pareceume raro, porque desde hai polo menos tres ou catro anos o que me sucede a cada paso con maior frecuencia é máis ben o contrario: o de borrárseme os nomes, principalmente os de persoas e os xeográficos: montañas, ríos, vilas, cidades e outros polo xeito.

Para combater dalgún modo esta perda de memoria ocorréuseme unha xogada que en principio me pareceu intelixente. Por exemplo: teño un amigo co cal me vén sucedendo o caso de que cada vez que vou falar del, lémbrome de todo o referido ó seu aspecto físico, onde vive, a que se dedica... Todo, menos o seu nome, que podería saber inmediatamente só con buscar en internet o título dalgún libro por el escrito. Pero non quero botar man desa solución fácil, só válida ademais en moi determinadas ocasións. Así, neste caso, decidín asocialo a un gato, e do gato, ás súas garras. E de aí xa chegaba facilmente a “Garrido”, o apelido buscado.

Outro exemplo: Un país do cal ata hai once anos o ignoraba practicamente todo. Viaxei a el en 2014 e volvín encantado de ver e percorrer cidades das que se me segue acordando o nome, e tan fermosas como Pula, Zadar, Split, Korcula, Dubrovnik... Pero o nome do país sempre se me atranca. Ata que se me ocorreu pensar nas ras da lagoa de Plitvice. ¿O croar das ras...? ¿Plitvice?... ¡Pois claro: Croacia!

O malo desta argucia non tardou en se me manifestar cando a quixen utilizar como recordatorio do nome doutro coñecido, poeta por máis señas, e non só se me resistiu o nome senón tamén a palabra elixida para recordalo. ¡Vaia agudeza a miña! Xa é preciso ser parvo para non ter en conta algo coas maiores posibilidades de se producir.

Pero volvo ó asunto inicial: Dicía que despertei cun nome a me petar nas paredes da cachola. Un nome que non relacionaba con ninguén. ¡Esto xa era o colmo! ¡Primeiro non son capaz de lembrar o nome dunha determinada persoa ou lugar e logo atópome cun nome que son incapaz de relacionar con ningún sitio ou persoa!

Despois, a forza de lle dar voltas empecei a matinar que ese nome me soaba un pouco, pero non sabía de que. “Gutierre de Cetina”, “Gutierre de Cetina”... Si, empezábame a soar coñecido, pero era incapaz de lembrar de que. ¿Tal vez un poeta? Si, eso é: un poeta. Fun inmediatamente buscar algún Gutierre ou Gutiérrez na enciclopedia e no primeiro que me bateron os ollos localicei estes versos: Ojos claros, serenos, / si de un dulce mirar sois alabados, / ¿por qué, si me miráis, miráis airados?... ¿Como se me borrara de tal xeito da memoria o nome do seu autor? ¡Un dos poemas máis fermosos que lin na miña adolescencia!


Empecei a lle botar un vistazo á biografía: nacido en Sevilla en 1520, morto en México, en Puebla de los Ángeles, en 1554. O lugar  onde morreu fíxome lembrar inmediatamente dunha noite en Nova York dous anos antes. Estabamos tres parellas ceando nun restaurante da 7ª Avenida coa Rúa 35, xa era tarde para os horarios americanos e non quedarían máis de dúas ou tres mesas ocupadas no local. Os meseros estaban practicamente desocupados e daquela aproveitei para lle preguntar ó que nos atendía a nós se era mexicano. Efectivamente érao, non podía ocultar o sotaque.  Díxome que era de Puebla. Entón conteille que nós estiveramos en Puebla un par de anos atrás e empeceille a falar das cousas que máis me gustaran da cidade: o templo de Santo Domingo, o Zócalo, o mercado do Parián... Paroume a relación, el non coñecía moito a cidade, non era da mesma Puebla, senón dunha pequena vila a non moita distancia. ¿Non será vostede de Tonantzintla?, pregunteille polo único lugar das proximidades que eu visitara. E non, tampouco era de Tonantzintla, máis pequeno aínda. Pero agora a pregunta que se me ocorre é: ¿como puiden hoxe lembrar, sen ningunha dúbida, os nomes de tantos lugares (e mesmo o nome propio do mesero: “Luis”) sen dúbida ningunha e en cambio son incapaz de me acordar de como se chama a primeira rúa que fai esquina con esta onde vivo?

Misterios do cerebro humano que nada bo me parecen presaxiar.

 

 

 

 

 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario