sábado, 9 de setembro de 2023

Ética e xenética

                                       

A endogamia foi o grande problema das cobizosas casas reais, incapaces de emparentar con quen non fose da súa caste, ata o punto de facer desaparecer estirpes e dinastías completas. Cando lembramos o noso rei enfeitizado, o último dos Austrias, esquecemos con frecuencia que quen herdou o seu trono, o primeiro dos Borbóns, tampouco era moi ben asisado, todos eles fillos de tíos casados con sobriñas, ou entre curmás durante longas xeracións, porque levaban moi a peito iso da cor do sangue, e a da plebe era demasiado vermella.

Se nos remontamos a tempos moi anteriores, xa os faraóns, tan endeusados eles, crían que ninguén que non fose da familia podía levar o mesmo sangue dos deuses nas súas veas.

Nisto, a xente do pobo, os humildes, tíñano un pouco máis claro, e a endogamia nunca estivo ben vista, tanto así que, ata para casar dous curmáns habían de pagarlle á Igrexa unha despensa, como se con ela xa se liberasen de calquera mutación xenética; e por se había erros extramatrimoniais, a veciñanza estaba sempre disposta a sacar do engano a aquelas parellas que, por falta de coñecemento, non sabían se estaban bailando cunha veciña ou cunha parente, facendo que os fillos ventureiros herdasen o alcume paterno cando non levaban o apelido. Todos coñecemos algún caso.

Finalmente, as casas reais tamén se decataron do problema, pero non foi ata estas últimas xeracións de príncipes e princesas que buscaron para emparentar alguén de sangue menos azul, inclinando as súas preferencias por actrices ou fillas de potentados que, a ser posible, favorecesen a renovación das arcas reais.

Agora o problema dáse cos doantes de esperma, esas boas persoas que espremen a súa semente xerminal de maneira semi altruísta, para axudarlle a algunha parella a conseguir descendencia, a troco, claro está, dunha bonificación económica polo tempo empregado e o consecuente desgaste físico.


E como unha boa masturbación sempre é mellor que sentar á porta do supermercado coa man estendida, contáronnos na prensa que un macho holandés acadou hai uns meses os titulares por ter feito unha doazón masiva de esperma, co que se calcula que puido facilitar a chegada ó mundo de 550 criaturas que nunca saberán se son parentes. Máis fillos ca ninguén na historia da humanidade nin sequeradaquela rusa, Valentina Vassilyeva, que viviu no século XVIII e tivo sesenta e nove crianzas, deixando moi por debaixo ó promiscuo Zeus, quen só recoñeceu a dezasete.

E é que ter moitos fillos arrastra, ademais dos consabidos problemas económicos para os pais recoñecidos, problemas éticos de futuro, se algunha desas crianzas, entre tantos irmáns ciscados polo mundo, non se decata de quen é da familia e quen non, sobre todo no caso deste vizoso doador que para acceder ó pago das súas contribucións seminais falsificou os datos e ninguén se decatou da masiva doazón, e da probabilidade de que as inocentes criaturas nacidas de tan abondoso semental, estean abocadas, sen querelo nin pretendelo, a cometer incesto e endogamia, con todos os problemas derivados, de consecuencias xenéticas, éticas e relixiosas.

Talvez, este cobizoso donante, ademais da gratificación económica, quixo emular a aquel emperador Mongol que tiña a todas as mozas do imperio formando parte do seu harén e agora o ADN demostra que todos os habitantes dos seus antigos dominios son portadores da súa marca xenética.

 Francisco Ant. Vidal

  (Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

Ningún comentario:

Publicar un comentario