Amosando publicacións coa etiqueta mitos e lendas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta mitos e lendas. Amosar todas as publicacións

sábado, 17 de abril de 2021

Cegoñas e bebés

Cando me contaron que ó meu amigo lle trouxera a cegoña un irmanciño, fiquei todo compunxido porque nunca vira aquela fantástica ave que desde París traía ós bebes nun atado collido co seu longo peteiro. Uns meses máis tarde, cando souben duns veciños que agardaban a cegoña paseime toda a tarde e parte da noite outeando o firmamento sen lograr ver á fornecedora de crianzas cruzando o meu espazo aéreo.

Comecei a desenganarme do conto cando o noso mestre nos falou das aves migratorias e dixo que as cegoñas viñan desde África na primavera pero non acostumaban a chegar a esta esquina da península. Daquela, como traen os meniños?.

Esa foi a miña primeira dúbida científico-mitolóxica.

Logo chegarían os contos infantís con toda a súa carga de fantasía, como o espantoso As cegoñas de Andersen onde se conta como estas aves lle levan nenos vivos a casas felices e nenos mortos a casas tristes. E arrastradas polo conto viñeron as lendas nórdicas e centroeuropeas onde se pon en relevancia a imaxe destas aves como un exemplo de familia feliz e atenta, polo que se dicía que ter un niño de cegoña no tellada atraía a sorte e ás parellas a posibilidade de xerar descendencia con maior facilidade. E unha das razóns polas que asociar a idea de ser as cegoñas quen traían ós bebes era o feito de que polo xeral os matrimonios celebrábanse entre os meses de maio e agosto e as cegoñas e o froito do matrimonio chegaba nove meses despois. Tanto é así que en Dresde existe unha desas fontes milagreiras coa figura esculpida dunha cegoña, onde se cre que a muller que bebe da mesma terá maior facilidade para acadar a gravidez.

Pero a lenda que lle serviu de inspiración a Hans Christian Andersen, para o seu conto, segundo veño de saber, fálanos dunha divindade nórdica encargada de traer de volta ó mundo as almas dos finados, rescatadas das lagoas en que son depositadas tras a morte. Unha deusa a quen as parellas lle rogaban para que lles outorgase o don da descendencia, e especúlase con que, como as cegoñas están decote en lugares pantanosos, é daí de onde recollen ós nenos non natos para levalos ós fogares dos devotos solicitantes.

Cando me contaron que ó meu amigo lle trouxera a cegoña un irmanciño, fiquei todo compunxido porque nunca vira aquela fantástica ave que desde París traía ós bebes nun atado collido co seu longo peteiro. Uns meses máis tarde, cando souben duns veciños que agardaban a cegoña paseime toda a tarde e parte da noite outeando o firmamento sen lograr ver á fornecedora de crianzas cruzando o meu espazo aéreo.

Mais, facendo certo o de que todos os mitos viaxan no espazo e no tempo, e que nalgún momento da historia sofren algunha modificación, sabemos que a imaxe da cegoña co neno no peteiro xestouse en Exipto, pero a ave era unha garza, a quen se relacionaba coa creación do mundo; e como destas si temos nesta parte do país, máis crible se lle faría o conto a calquera neno, se se mantivese a versión exipcia.

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).


domingo, 11 de abril de 2021

DE GALOS E GALIÑAS CANTORES

     

Por Pepe de Rocaforte


A etapa de Nájera a Santo Domingo da Calzada, que refería hai un par de días, tróuxome á memoria a lenda do galo de Barcelos, sobradamente coñecida; pero se por aquí aínda queda alguén que a descoñeza vouna referir nun plis plas . A historia vai dun peregrino galego que facendo por unha promesa o Camiño de Santiago, ó seu paso por Barcelos foi prendido e acusado do roubo duns cartiños na casa dun fidalgo de por alí. Sen máis requilorios a autoridade competente condenouno a morrer aforcado. O malpocado galego pediu como última vontade ser oído polo xuíz, petición aceptada magnanimamente polos encargados de levar a cabo a execución, e levado por tanto á casa da autoridade xudicial, que naquel momento se dispoñía a xantar un galo recén asado no forno.

O peregrino puxo a Deus por testemuña da súa inocencia e dixo que se non crían a súa palabra, ata o galo, que o xuíz se dispoñía a xantar, resucitaría e se poría a cantar. O xuíz respondeulle que fose collendo camiño da forca mentres el daba boa conta do galo. E se no tempo en que o galego era colgado da cordiña ó galo se lle ocorría poñerse a interpretar unha cantata, xa pasaría pola praza para tomar as necesarias medidas.

¿E que pensarán vostedes que sucedeu? Pois xusto no momento en que o galego se abaneaba no aire coa gorxa abrazada pola gravata de cánabo, o galo obxecto da papatoria recuperaba plumas e pico e empezaba a dar un concerto musical. Naturalmente o xuíz recapacitou e alá correu a anular a sentencia.

Certo que alguén amigo de buscar peliños no leite, como dicía o meu defunto amigo Manoel Riveiro Loureiro, poderíase preguntar: se o peregrino que facía o Camiño de Santiago era galego, ¿que raio pintaba de paso por Barcelos? Ou, coñecedor das famosas feiras da localidade, ¿decidira dar un rodeo por alí para mercar, non digo unha figura de barro de Rosa Ramalho, que aínda tardaría un par de séculos en nacer, pero algún outro cacharro, ou (como nalgunha ocasión fixen eu) mercar unhas maceiras e pereiras de castes aquí desaparecidas, para plantar na súa horta cando estivese de volta na casa?


Non sei, pero tamén se me ocorre pensar no que me contaba outro meu amigo, o xornalista e narrador José Viale Moutinho, quen nunha viaxe ó Brasil, no aeroporto, non lembro se de Río ou de São Paulo, cando esperaba para coller o voo para Lisboa oíu falar a carón seu a unha parella e gostoulle tanto o acento ou sotaque propio dos naturais de Ourense, que se achegou a eles para lle preguntar: “¿Os señores son galegos?” Ó cal se revirou o elemento masculino da parella para responder evidentemente indignado: “Gallegos son los portugueses”. Nun suposto similar paréceme máis posible que o peregrino do conto fose un portugués de entre Douro e Miño.

Pero ese mesmo amigo de atopar peliños no leite, tamén podería sentir algo de estrañeza no caso de saber que unha historia moi similar se contaba douscentos ou trescentos anos antes da portuguesa como sucedida en Santo Domingo de la Calzada, onde afirman que “cantou a galiña despois de asada”.

Na historia rioxana cóntase que os peregrinos, neste caso alemáns, eran tres: un matrimonio e o seu fillo, mozo de moi boa planta, por quen sentiu un súbito flechazo a filla dos donos do mesón onde os teutóns pararan a pasar a noite. Como o Adonis xermano non lle fixo o mínimo caso ós requirimentos amorosos de moza, esta, por despeito, meteu unha copa de prata na súa equipaxe e cando pola mañá marchaba da cidade o trío familiar, a moi rancorosa foi denunciar por ladrón ó rapaz diante da autoridade competente.

Acto seguido levouse a cabo o correspondente proceso, que rematou na morte por aforcamento do mozo. Pero ó día seguinte da execución da sentencia, os país, ó írense despedir do seu fillo defunto, observaron que continuaba milagrosamente vivo. A tal ver a malpocada parella correu á casa do correxedor para lle referir o milagre e este, que se dispoñía a xantar un galo e unha galiña asados, respondeulle que o mozo estaba tan vivo como aquel par de aves de curral que lle prepararan para o xantar. E xusto entón a parella de galiñáceas recuperou a plumaxe e a vida e empezou a cantar un fermoso dúo operístico. Ou cousa así.

   

martes, 1 de outubro de 2019

Polo calello dos milagres (5)


Por Far O'McKOW
            Perdéramos a noción de onde estabamos e seguimos sen decatarnos. Xa sei que os listos que isto lean van dicir que para algo está o GPS do móbil, pero tiñamos un só móbil e este sen wifi nin datos. O sistema de telefonía, alá, deixa moito que desexar. Os tendeiros que nos chamaban insistentemente distráennos procurando atallarnos con ofertas sedutoras, demostrarnos que teñen os mellores e máis baratos produtos para enchernos os ollos de cobiza, e a mochila de peso. Aínda faltaba un bo anaco para volver a xunto dos demais e nun cálculo rápido, o lugar de encontro non había de quedar máis aló de dúas rúas ou bloques de casas, pero non sabiamos de cales rúas ou bloques.

             Que doado lle é ó optimista oufanarse.

            Seguimos deixándonos levar por aquela riada de xente, por aquela procesión de penitentes mercadores sen rumbo fixo, sen un sendeiro marcado, como se lle marcaba á barca de Ra por onde ir na súa procesión anual. Pero de súpeto atopámonos sos, sen ningún europeo á vista. E non sei por que, pero o feito de non ver a ningún europeo preto, a pesar de que na historia da humanidade non pasaron vinte anos sen que dous europeos armasen algunha catástrofe ou conflito entre eles, desacougábame, pero non manifestalo para que non fósemos dous desacougados. Supoño que era o medo ó descoñecido, ó diferente, o que tamén aquí nos fai desconfiados. E daquela gardei a cámara coma quen agocha un certificado de vulnerabilidade.


            E era boa xente, a pesar de que nos fixeron pagar vinte euros por unha prenda que logo vimos nun feirón da Barbanza por cinco.


            Lembro ese momento no que a miña compañeira, esquecida da soidade de filiación en que estabamos quixo probar un pano de auténtica la de cabuxa, en palabras do vendedor, e como alí, naquel recuncho expositivo non tiña a cor ou o deseño desexado, invitáronnos a entrar nunha especie de almacén, un cuarto sen fiestras ocupado só por homes que convidaban á europea vestida de vivas cores, escote e saía curta a pasar ata o fondo, onde tiñan máis elementos para escoller, e como ela se amosaba remisa e temerosa,  de deixarse rodear de musulmáns, un deles animouna: “Entra, que nós somos boa xente, coma vós”. E eu, vencendo todos os medos e desconfianzas posibles, amosando certa seguridade que só era aparencia, tamén a animei.

            Agoniado, apurado ou como queira que se diga saímos coa mochila das compras apertando as nosas costas e derreando os ombros a unha rúa aínda máis estreita, escura, abarrotada e sucada de auga lixosa, exenta de facianas e acentos semellantes ós nosos.

             Parece mentira que aquí, neste aparente barullo sen orde, cada quen sabía moi ben onde estaba, agás nós. Necesitábamos esa mirada orientadora como a dos deuses e faraóns de Abu Simbel mirando sempre para a nacenza do sol ata o extremo de que o amencer do día do solsticio entra directa pola porta para iluminar todo o templo, como entre nós a luz do crepúsculo atravesa os rosetóns das nosas igrexas para deixar sobre o altar a súa viveza de cores, como as mesmas mámoas, a tantos quilómetros de distancia, se orientan segundo o ciclo solar de leste a oeste, e se por leste e oeste entendemos a alba e o ocaso, podemos falar daquela da vida e da morte, da esperanza e da conclusión. Un só ser, o sol que reúne en si a vida do edén e a morte do deserto. Ó final habemos de ter a seguridade de que en todas as terras do mundo e en todos os tempos, cando se necesitou render homenaxe a algún deus, todos pensaron no sol, e o mesmo sol coroaba a aqueles deuses con face humana ou de animal, como na aureola que ilumina a cabeza dos santos, no círculo rodeando a cruz de tantas esculturas, na representación da Virxe baixo a advocación de Nosa Señora da O, que adorna a barriga co resplandecente astro para indicar que o fillo de Deus que ocupa o seu vente é a luz do universo, como Horus, o fillo de Isis e Osiris o era; ou nesas cruces furadas dalgúns hórreos onde o sol da tarde se pon xusto por onde se amosa o furado, no cruce dos brazos da mesma. Por iso non é de estrañar que tamén naqueles colosos de Memnón se vise ó fillo da Aurora, morto baixo a espada de Aquiles, e por quen súa nai lle rogou ó pai de todos os deuses para que, ó menos unha vez ó día, o resucitase para preguntarlle como estaba, para saber del, como calquera pai ou nai quere saber dos seus fillos; e así, tras ser feridas estas xigantescas estatuas por un terremoto que as agretou, cando a través das gretas circulaba o aire pasando dos poucos grados da noite ás calores do día rinchando e asubiando na mesma hora do amencer, facíalle crer a todos que era o rapaz quen con tales voces falaba, dándolle os bos días a súa nai e dicíndolle como se atopaba.


      Por iso non é de estrañar que tamén naqueles colosos de Memnón se vise ó fillo da Aurora, morto baixo a espada de Aquiles, e por quen súa nai lle rogou ó pai de todos os deuses para que, ó menos unha vez ó día, o resucitase para preguntarlle como estaba, para saber del, como calquera pai ou nai quere saber dos seus fillos; e así, tras ser feridas estas xigantescas estatuas por un terremoto que as agretou, cando a través das gretas circulaba o aire pasando dos poucos grados da noite ás calores do día rinchando e asubiando na mesma hora do amencer, facíalle crer a todos que era o rapaz quen con tales voces falaba, dándolle os bos días a súa nai e dicíndolle como se atopaba.

            Unha lenda que me lembra o que se conta dunha veciña nosa a quen lle morreran dous fillos afogados, e cando a nai, convertida en rezadora andaba polas casas en que había algún finado dirixindo os rezos para lle encamiñar a alma, sempre acababa as súas pregarias pedíndolle ó finado que levase algunhas palabras de lembranza para a Outra Vida, “E cando chegues aló, se ves ós meus fillos dille que aquí imos tirando, que seu pai tivo un catarro este inverno, que a sardiña escaseou este ano e que eu só agardo a cando Deus o queira, para estar con eles”.

            Para estar cos nosos amigos tamén tiñamos que pensar cara onde ir, pero os gorentosos produtos apartaban do noso pensamento a precaución de non arredarnos demasiado e aló fomos andando, embelesados, polos vieiros do mercado. Por vieiros cada vez máis estreitos, e máis escuros, e máis lúgubres, e máis perdidos.