sábado, 17 de abril de 2021

Cegoñas e bebés

Cando me contaron que ó meu amigo lle trouxera a cegoña un irmanciño, fiquei todo compunxido porque nunca vira aquela fantástica ave que desde París traía ós bebes nun atado collido co seu longo peteiro. Uns meses máis tarde, cando souben duns veciños que agardaban a cegoña paseime toda a tarde e parte da noite outeando o firmamento sen lograr ver á fornecedora de crianzas cruzando o meu espazo aéreo.

Comecei a desenganarme do conto cando o noso mestre nos falou das aves migratorias e dixo que as cegoñas viñan desde África na primavera pero non acostumaban a chegar a esta esquina da península. Daquela, como traen os meniños?.

Esa foi a miña primeira dúbida científico-mitolóxica.

Logo chegarían os contos infantís con toda a súa carga de fantasía, como o espantoso As cegoñas de Andersen onde se conta como estas aves lle levan nenos vivos a casas felices e nenos mortos a casas tristes. E arrastradas polo conto viñeron as lendas nórdicas e centroeuropeas onde se pon en relevancia a imaxe destas aves como un exemplo de familia feliz e atenta, polo que se dicía que ter un niño de cegoña no tellada atraía a sorte e ás parellas a posibilidade de xerar descendencia con maior facilidade. E unha das razóns polas que asociar a idea de ser as cegoñas quen traían ós bebes era o feito de que polo xeral os matrimonios celebrábanse entre os meses de maio e agosto e as cegoñas e o froito do matrimonio chegaba nove meses despois. Tanto é así que en Dresde existe unha desas fontes milagreiras coa figura esculpida dunha cegoña, onde se cre que a muller que bebe da mesma terá maior facilidade para acadar a gravidez.

Pero a lenda que lle serviu de inspiración a Hans Christian Andersen, para o seu conto, segundo veño de saber, fálanos dunha divindade nórdica encargada de traer de volta ó mundo as almas dos finados, rescatadas das lagoas en que son depositadas tras a morte. Unha deusa a quen as parellas lle rogaban para que lles outorgase o don da descendencia, e especúlase con que, como as cegoñas están decote en lugares pantanosos, é daí de onde recollen ós nenos non natos para levalos ós fogares dos devotos solicitantes.

Cando me contaron que ó meu amigo lle trouxera a cegoña un irmanciño, fiquei todo compunxido porque nunca vira aquela fantástica ave que desde París traía ós bebes nun atado collido co seu longo peteiro. Uns meses máis tarde, cando souben duns veciños que agardaban a cegoña paseime toda a tarde e parte da noite outeando o firmamento sen lograr ver á fornecedora de crianzas cruzando o meu espazo aéreo.

Mais, facendo certo o de que todos os mitos viaxan no espazo e no tempo, e que nalgún momento da historia sofren algunha modificación, sabemos que a imaxe da cegoña co neno no peteiro xestouse en Exipto, pero a ave era unha garza, a quen se relacionaba coa creación do mundo; e como destas si temos nesta parte do país, máis crible se lle faría o conto a calquera neno, se se mantivese a versión exipcia.

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).


Ningún comentario:

Publicar un comentario