mércores, 13 de maio de 2015

Pombal da Terra Cha



Pois aquí tendes un pombal da Terra Cha. Cando fixeron a ampliación da estrada N-VI, esta singular edificación ficou nun lado, case en equilibrio inestable sobre o terraplén da berma e bo é que non o derrubaron, aínda que agora, con todo o tráfico que o ronda e todo o descoido de que é vítima, xa se lle van vendo gretas que anuncian unha desgracia próxima. Oxalá me equivoque e vexamos axiña que alguén saca un par de euros para curarlle as feridas.
Pero a esta singular construción quixera que lle miredes esa pedra branca que brilla por encima da porta con lintel en arco de medio punto. Unha pedra que simplemente é unha pedra que non garda a estética do resto, pero da que algo nos fai intuír que se trata dun elemento apotropaico para atraer a fortuna.
 E como non hai nada que o testemuñe, salvo a nosa intuición, despois de lembrar o xa falado aquí sobre un forno coa súa pedra da fortuna, os seguidores deste caderno xa sabedes que a pedra branca é unha singularidade que atopamos en moitas construcións, unha singularidade da que non se esqueceron os arquitectos e canteiros que copiaron este pombal para poñer ó pé do castelo de san Paio de Narla, onde a pedra branca do lintel é moito máis vistosa ca que vemos no orixinal.
Pero este tipo de singularidade imos vela noutros lugares tales como paredes de casas, muros de cerre de fincas ou mesmo nos castros.

martes, 12 de maio de 2015

Biedma, quen rescatou ás secuestradas



Falan as crónicas do valoroso señor don Índigo Íñiguez de Viedma, que sendo galego e estando ó servicio do rei de Aragón, soubo que saíndo a raíña e as súas damas a pasear, foran apresadas polos mouros, co que el, cun puñado de homes perseguiu ós seus inimigos ata rescatar á señora e á compaña que levaba, máis chegando ó pazo real decatouse de que faltaba unha das acompañantes, e que precisamente a que faltaba era a súa propia esposa, polo que volveu por onde viñera, ata atopar ós secuestradores e rescatar á esposa.
Por tal valentía o rei ofreceulle o que lle pedise, e el só lle pediu un bastón para o seu escudo. E por iso ás oito cazolas que xa tiñan os Biedmas por armas, engádeselle agora o bastón.
Aínda que teñen a orixe no solar galego, os Biedmas repoboaron as terras andaluzas de Xaén e hoxe non quedan Biedmas en Galicia.

domingo, 10 de maio de 2015

.-.-.

                                                         Manuel M. Murguía

xoves, 7 de maio de 2015

Prado, o eufórico amador



Sendo Prado semella lóxico que dun prado saíse a estirpe, pois tal e como nolo contan os cronistas e estudosos da nobiliaria galega, toda esta familia procede dun infante que facendo gala de galantería acompañou a unha doncela a un prado apartado onde o galán, convertido en fera, sen reprimir os desexos que a beleza lle causaron, abalanzouse sobre a moza e usaron como leito de procreación a herba mol. Tanto así, que non nos atravemos a dicir se o lema escollído por esta nobre familia se refire a ese amor eufórico ou a outro máis de lealdade patria cando toma para si a frase evanxélica recollida por Mateo: “Anque me sexa necesario morrer contigo, non che negarei”.
Tal vez daí veña que non se acaban de poñer de acordo os xenealoxistas en se o fondo do escudo ha de ser verde como a herba ou dourado como o pracer, tomando por armas o león e algunhas veces engadindo un pino.