Pois aquí tendes un pombal da Terra Cha. Cando fixeron a ampliación da
estrada N-VI, esta singular edificación ficou nun lado, case en equilibrio
inestable sobre o terraplén da berma e bo é que non o derrubaron, aínda que
agora, con todo o tráfico que o ronda e todo o descoido de que é vítima, xa se
lle van vendo gretas que anuncian unha desgracia próxima. Oxalá me equivoque e
vexamos axiña que alguén saca un par de euros para curarlle as feridas.
Pero a esta singular construción quixera que lle miredes esa pedra branca
que brilla por encima da porta con lintel en arco de medio punto. Unha pedra que
simplemente é unha pedra que non garda a estética do resto, pero da que algo
nos fai intuír que se trata dun elemento apotropaico para atraer a fortuna.
E
como non hai nada que o testemuñe, salvo a nosa intuición, despois de lembrar o
xa falado aquí sobre un forno coa súa pedra da fortuna, os seguidores deste
caderno xa sabedes que a pedra branca é unha singularidade que atopamos en
moitas construcións, unha singularidade da que non se esqueceron os arquitectos
e canteiros que copiaron este pombal para poñer ó pé do castelo de san Paio de
Narla, onde a pedra branca do lintel é moito máis vistosa ca que vemos no
orixinal.
Pero este tipo de singularidade imos vela noutros lugares tales como
paredes de casas, muros de cerre de fincas ou mesmo nos castros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario