luns, 18 de maio de 2015

CALQUERA TEMPO PASADO



Por Pepe de Rocaforte

           Cando hai uns días me acheguei a Santa Cristina para tomar unha fotografía do mural de Xabier Correa Corredoira, onde figuraban uns golfiños sospeitosamente parecidos ós dun fresco do palacio de Knossos en Creta, da miña colaboración anterior, ocorréuseme dar unha volta pola praia a rememorar o aspecto do areal antes da explosión urbanizadora que modificou dun xeito radical a paisaxe daquel lugar e os seus arredores.
            Tirei entón un par de fotografías que hoxe expoño á vosa consideración. A primeira pode servir para que quen non coñecese o seu aspecto anterior se poida facer unha idea aproximada de cómo era aquelo antes da febre do cemento invasor.

Hoxe en día de toda a extensión de dunas de area fina só quedan unhas pequenas mostras no extremo correspondente ó concello dA Coruña. Do resto, pertencente ó concello de Oleiros, xa non digo nada. Cada quen pode formarse a súa opinión, e non dubido que en moitos casos esa opinión diferirá considerablemente da miña.
Todo eso tróuxome á cabeza o recordo dunha película de xa hai dez ou doce anos, “A propósito de Schmidt”, onde se conta a historia dun home recén xubilado, quen cheo de saudade e para combater o baleiro que se empeza a abrir arredor seu, decide viaxar á cidade onde naceu e viviu ata os seus oito ou dez anos.
O encontro coa realidade actual resúltalle traumático. Nada é como el esperaba. Continúa viaxe logo ata a universidade onde se graduou, a busca doutros recordos dun pasado feliz e o resultado vén ser similar. En fin,  a película fíxome pensar daquela que os intentos de regreso ó pasado só serven para nos convencer de que non paga a pena a rememoración e a saudade. Se o presente nos resulta en ocasións pouco grato, a volta atrás é case sempre bastante peor. E repítome eso a min mesmo para contrarrestar a saudade da vella praia de Santa Cristina e non esforzarme na recuperación dunhas sensacións que xa non poden volver.

venres, 15 de maio de 2015

Pedras brancas nos castros



Seguindo con esta curiosidade do uso de pedras brancas nas construcións populares hoxe imos acercarnos á arquitectura castrexa. E se nos chaman a atención estas pedras de seixo branco, é porque gardan unha diferenciación con respecto ó resto da construción. Non son pedras que se coloquen en calquera sitio, é moi raro ver dúas xuntas, e polo xeral ocupan un lugar preferente e ben á vista. Máis sorprendente é que polo xeral non é o material máis habitual, e colócase de forma espaciada no muro, case como se fose un elemento de compensación da estructura.
Así nos chamaron a atención estas pedras que se ven no castro de Viladonga, curiosamente unha pedra en cada muro, ou en cada casa, e tal e como podemos apreciar, semella que están postas cara a rúa, para que quen pase as vexa, e isto, evidentemente non só é casualidade. Si pode ser estética como tamén formar parte dun ritual que nós non coñecemos, e postos en contacto con especialistas no tema, tampouco poden aventurar nada concluínte.

Pero como a comparación moitas veces é o que nos fai abrir portas, tamén en Neixón, aínda que non tan vistosas, aparecen unhas pedras brancas de seixo intercaladas no resto da construción. 
Unhas destas pedras vímolas nunha casa da Fonsagrada.

xoves, 14 de maio de 2015

O KORRUNTXO DO OKUPA




Cómo as cousas que utilisamos acotío son chamadas por nós abreviadamente de puros comodóns. Non só é costume infantoxuvenil, mais tamén dos maiores e desde sempre iso de profe e cole, mani e poli, presi e compa, peli e disco, coca e dépor... Aí tedes, se non, o súper-... (mercado) cando super é calquera cousa ghrande (superman inghlés fronte ao superhome noso). Pola contra o oposto mini- seique non tivo tanta fortuna.
E tamén o sine-... (matógrafo), sendo sine indicador de movemento. Mesmo o -bus (neste caso escollendo o cabo da palabra no canto do prinsipio que sería o máis común), que pode ser auto-, omni- ou micro. É o que chaman os ghramáticos prefixos e sufixos.

Logho poderíamos falar do kilo/quilo-... (metro, vatio, etc.), significando mil, como megha- ven sendo un millón, nonsí? Ou da moto-... sicleta, sendo moto outro indicador de movemento (como en motoneve, motonave, motoserra...). E moto lévame a foto-... grafía, se referindo á lus.
A moto evócame o metro-... (ferrocarril metropolitano, tamén chamado subte-... subterráneo), e o metro transpórtame... ao taxi... (taxímetro, val disir, carro ou coche con medidor de quilometraxe, ou sexa, con taxímetro)... no primeiro caso metro indicando matrís (como en metrópoli) e no seghundo significando medida. E o auto.? Pois sería calquera obxecto que se movese por sí mesmo (por oposisión á antigha tracsión a sanghe, meus pobriños!), sendo así que nós utilisámolo para o automóvil... como lle chamamos turismo ao coche de turismo...
...por onde imos direitiño ás palabras enteiras, que mesmo abrevian duas palabras que foron en orixe, así: microondas (por forno microondas), ou piano (que en sí significa suave en italiano, por pianoforte), ou chelo (por violoncelo, tamén itálico), ou clave (por clavesín ou clavicordio), ou lavadora (por lavarroupa), ou, para seghirmos con aparatos electrodomésticos (normalmente abreviados en electrodomésticos a secas) frighorífico (que tamén designa o establesemento industrial a base de frío). E por qué disimos a tele- (tirado de televisión) e non o tele- (por televisor)? Vedeaí outros dos chamados apócopes, como mili (por milisia)... e xa non nos metamos no campo dos nomes das xentes, maiormente mulleres, como Pili, Mari, Consu, Puri, Tere, Jose, Fransis, Inma, etsétera, etsétera...
E por qué diremos simplemente piso para falar dunha vivenda nun piso que non está a res do chan?