luns, 18 de maio de 2015

CALQUERA TEMPO PASADO



Por Pepe de Rocaforte

           Cando hai uns días me acheguei a Santa Cristina para tomar unha fotografía do mural de Xabier Correa Corredoira, onde figuraban uns golfiños sospeitosamente parecidos ós dun fresco do palacio de Knossos en Creta, da miña colaboración anterior, ocorréuseme dar unha volta pola praia a rememorar o aspecto do areal antes da explosión urbanizadora que modificou dun xeito radical a paisaxe daquel lugar e os seus arredores.
            Tirei entón un par de fotografías que hoxe expoño á vosa consideración. A primeira pode servir para que quen non coñecese o seu aspecto anterior se poida facer unha idea aproximada de cómo era aquelo antes da febre do cemento invasor.

Hoxe en día de toda a extensión de dunas de area fina só quedan unhas pequenas mostras no extremo correspondente ó concello dA Coruña. Do resto, pertencente ó concello de Oleiros, xa non digo nada. Cada quen pode formarse a súa opinión, e non dubido que en moitos casos esa opinión diferirá considerablemente da miña.
Todo eso tróuxome á cabeza o recordo dunha película de xa hai dez ou doce anos, “A propósito de Schmidt”, onde se conta a historia dun home recén xubilado, quen cheo de saudade e para combater o baleiro que se empeza a abrir arredor seu, decide viaxar á cidade onde naceu e viviu ata os seus oito ou dez anos.
O encontro coa realidade actual resúltalle traumático. Nada é como el esperaba. Continúa viaxe logo ata a universidade onde se graduou, a busca doutros recordos dun pasado feliz e o resultado vén ser similar. En fin,  a película fíxome pensar daquela que os intentos de regreso ó pasado só serven para nos convencer de que non paga a pena a rememoración e a saudade. Se o presente nos resulta en ocasións pouco grato, a volta atrás é case sempre bastante peor. E repítome eso a min mesmo para contrarrestar a saudade da vella praia de Santa Cristina e non esforzarme na recuperación dunhas sensacións que xa non poden volver.

Ningún comentario:

Publicar un comentario