venres, 15 de maio de 2015

Pedras brancas nos castros



Seguindo con esta curiosidade do uso de pedras brancas nas construcións populares hoxe imos acercarnos á arquitectura castrexa. E se nos chaman a atención estas pedras de seixo branco, é porque gardan unha diferenciación con respecto ó resto da construción. Non son pedras que se coloquen en calquera sitio, é moi raro ver dúas xuntas, e polo xeral ocupan un lugar preferente e ben á vista. Máis sorprendente é que polo xeral non é o material máis habitual, e colócase de forma espaciada no muro, case como se fose un elemento de compensación da estructura.
Así nos chamaron a atención estas pedras que se ven no castro de Viladonga, curiosamente unha pedra en cada muro, ou en cada casa, e tal e como podemos apreciar, semella que están postas cara a rúa, para que quen pase as vexa, e isto, evidentemente non só é casualidade. Si pode ser estética como tamén formar parte dun ritual que nós non coñecemos, e postos en contacto con especialistas no tema, tampouco poden aventurar nada concluínte.

Pero como a comparación moitas veces é o que nos fai abrir portas, tamén en Neixón, aínda que non tan vistosas, aparecen unhas pedras brancas de seixo intercaladas no resto da construción. 
Unhas destas pedras vímolas nunha casa da Fonsagrada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario