xoves, 21 de maio de 2015

Os xemelgos




Sen dúbida, a súa posición no ceo foi a recompensa que tiveron por tan bos irmáns e tan ben levados, e non tanto por acompañar a Xasón na procura do vélaro de ouro. Pero vaiamos por partes e digamos primeiro que, aínda que se di que eran xemelgos, a verdade é que son fillos da mesma nai pero de distinto pai, pois Leda, a quen Zeus engaiolou facéndose pasar por un cisne, xaceu na mesma noite co deus e co seu esposo Tindero. E os cativos naceron de cadanseu ovo que a amorosa nai puxo, e polo tanto, aínda que un era fillo da divindade e o outro era humano, tamén un era máis cauto nas obras o outro algo arroutado, pero sempre tan amigos e inseparables que as arroutadas dun arrastraban ó outro.
En certa ocasión foron á voda dunhas curmáns súas, e cando as viron tan fermosas pasaron de banquete e invitados e secuestráronas, acendendo a ira dos noivos que, despois de perseguilos en desigual loita, déronlle morte a Cástor o máis humano e vulnerable dos dous mentres que Pólux foi salvado por seu pai para levalo á compaña das estrelas. De tal maneira que, mentres un pasaba a morar no Hades, ou outro moraría no Olimpo, separados para sempre. Pero como eran irmáns moi ben levados, Pólux pediulle a seu pai que lles permitise permanecer xuntos, e por iso a constelación pasa medio ano no ceo e outro medio baixo a liña do horizonte.
Eles foron os que aplacaron unha tormenta que ameazaba con impedir a viaxe dos argonautas na procura do vélaro de ouro, cando apareceron sobre as súas cabezas unhas luces que co cristianismo pasarían a tomar o nome de “luces de san Telmo”. E tamén eles, moito antes de que o apóstolo Santiago o fixexa, aínda despois de mortos, en máis dunha ocasión viñeron ó mundo para loitar ó lado dos seus devotos montando un nun cabalo negro e outro nun branco contra inimigos case sempre máis numerosos.

mércores, 20 de maio de 2015

Seixas, con tres pombas por brasón

Colón, o almirante da Descuberta, deixou escrito no seu diario que atoparon unhas aves no camiño de América, chamadas seixas, co que seguramente o apelido non se refira á pedra de seixo, branca e forte como a estirpe que tal nome leva, senón a paxaros, como se ve no seu escudo. Por certo un nome de aves que xa non o recollen os dicionarios que este servidor manexa.
Sen embargo a razón pola que tres aves que parecen pombas adornan o escudo semella o capricho dalgún nobre do século XI, que amosou as súas armas fronte ós mouros cando aínda se chamaba Aceijas, e tiña o seu solar nas terras de Lugo, onde hoxe está Narla, en cuxo castelo se poden ver estas aves nun dos escudos da porta principal.

martes, 19 de maio de 2015

Pedras brancas



Casa na Fonsagrada
Por dura, a pedra de seixo poderíase considerar como un bo material de construción, máis non só é dura, senón que tamén é unha pedra que se resiste a ser modificada, tallada ou modelada, por iso en certa maneira, vén representar a firmeza de carácter, todo aquilo que semella duro e invariable, firme e suxeito á tradición.  E sendo branca é asemade símbolo de pureza.
O costume que coñecemos de bendicir e protexer unha casa comeza desde o momento da súa cimentación, cando o propietario deposita na base dunha columna ou no mesmo chan sobre o que se vai erguer a edificación unhas moedas, e nas catro esquinas da casa a terra do entorno dalgún santuario. Logo, unha vez feita, a casa será bendicida polo párroco, e antes de ser ocupada, un membro da familia derramará na mesma soleira o sangue dunha galiña, a ser posible branca. Todos estes remedios cunha fonda tradición xa coñecida no mundo clásico e que nós herdamos e adaptamos.

Pero a amiga Esperanza Abelairas Vilariño, da Fonsagrada, unha amante de recoller e conservar a memoria etnográfica, mandoume estas fotos da que foi casa materna do seu esposo Agustín Ferreiro Fernández coñecida como "Casa de Rellán", en que aparecen unhas pedras de seixo branco incrustadas na parede, e das que o albanel que facía a reforma da casa lle dixo que era un vello costume para escorrentar ós malos espíritos, fados ou trasnos que quixesen molestar ós moradores.
E a pregunta coa que quero seguir con esta serie de artigos que puxemos baixo o epígrafe “as pedras brancas” é: ¿Tiñan as pedras brancas dos castros ou dos pombais que vimos o mesmo significado que lle dan a estas?.
Mais, tamén hai pedras brancas coroando as casas, onde maioritariamente se poñen pináculos, tal a que vimos nun hórreo da Pontenova.