xoves, 4 de febreiro de 2016

REIS E VAGAMUNDOS



Por Pepe de Rocaforte

            O outro día escribía Miguel-Anxo Murado un artigo no que falaba de Alfonso Graña, un paisano natural de Avión, emigrante ó Brasil nos anos vinte do século pasado, quen dunhas noutras chegou á zona peruana de Iquitos, na selva amazónica, onde acabou por se converter en rei dos xíbaros huambisa.

            Estas historias de emigrantes e aventureiros convertidos en reis de calquera pobo perdido, unhas reais e outras inventadas, escóitanse con certa frecuencia con diversos protagonistas e situadas en diversas localizacións xeográficas. Coñecendo a Murado, teño total confianza nas súas informacións, sempre contrastadas e fidedignas, e estou seguro de que o seu relato é real e está perfectamente documentado. Non sucede así noutros casos, aínda que tamén poidan ter a súa parte de verdade.
            Coñecido foi o caso de Miguel de la Quadra-Salcedo, famoso atleta dos anos sesenta, varias veces campión de España de lanzamento de disco e peso, quen mesmo chegou a bater o récord mundial de lanzamento de dardo ou xavelina, cun estilo copiado da barra vasca, estilo que pola súa posible perigosidade foi prohibido pola Federación Internacional, non sendo homologado o récord do lanzador español.
            Quadra-Salcedo deixou o atletismo e dedicouse a facer viaxes en plan aventureiro-periodístico polo mundo adiante. Entre os anos 1961 e 1963 percorreu boa parte da selva amazónica e del chegou a circular a fábula, tal vez cunha pequena parte de verdade, quen sabe, de que gracias á súa forza e adestramento no lanzamento do dardo chegou, o mesmo que Alfonso Graña por outros motivos, a ser rei dunha tribo amazónica despois de superar amplamente ó xefe anterior coa potencia dos seus lanzamentos.
            Pola cabeza ándame agora a voltas outro caso do cal non conservo memoria clara, doutro galego errante que chegou a feiticeiro con grande poder nunha tribo, desta vez por terras da África Central. Teño idea de ler o caso nalgún libro de viaxeiros portugueses, tal vez en “De Benguela às Terras de Iácca”, de Hermenegildo Capelo e Roberto Ivens, ou en “Como eu atravessei a África”, de Alexandre da Serpa Pinto. Volverei sobre o tema se atopo algo máis.

mércores, 3 de febreiro de 2016

Casiopea e o orgullo da beleza



            Esa constelación con forma de “W” que vemos preto da Polar, é Casiopea, raíña de Etiopía, esposa de Cefeo e nai de Andrómeda.
             Casiopea era moi guapa, pero tiña o defecto da presunción e do orgullo, era unha desas mozas que non necesitan avoa que as adule e van rompendo espellos e corazóns polo mundo adiante; tanto así que nese afán comparativo, ofendeu ó mesmísimo Poseidón, dicindo que as ninfas que a el lle servían de escolta, non tiñan comparación con ela. E a ofensa, coma sempre que se atacan os valores da casa de cada un, tanto molestou ó deus do mar, que botando man de Ceto, un mostro que tiña reservado para as grandes ocasións, encargoulle que se empregase a fondo contra o país e a familia daquela deslinguada, e así foi que Ceto, en forma de furacáns, maremotos e ventos descoñecidos, asolou a súa casa e as terras de Etiopía.
            Desesperada ela o seu esposo Cefeo consultaron ós augures, porque o malvado monstro aínda seguía perseguíndoos, e aqueles propuxeron calmar ó monstro aquel ofrecéndolle a beleza e os encantos da súa filla Andrómeda, e así o fixeron. Pero pasou por alí neses días de negociacións Perseo, que se namorou da rapaza e pelexou por ela contra Ceto, ata reducilo e convertelo nun anaco de coral inamovible no fondo do mar.
            Pero como a ofensa de Casiopea ás mozas da escolta de Poseidón non podía quedar sen castigo, o deus do mar atou á raíña etíope a unha cadeira e púxoa no ceo de maneira que, co paso das horas ela dese voltas arredor da estrela Polar, e por iso unhas veces está cara arriba e outras cara abaixo. Algo así como andar coa cabeciña tola, a voltas.

luns, 1 de febreiro de 2016

A alma en forma de pomba



           Neste mes de febreiro as pombas son unha constante tanto no santoral como nas iconografías que imos ver, e así, un lugar como o concello de Arteixo, onde a simboloxía avícola se manifesta tanto sobre os pináculos dos hórreos como nas lendas, nas esculturas das igrexas ou nos contos máis populares, pareceunos prudente viaxar ata esta parte de Galicia e acercarnos ó concello limítrofe da Laracha, onde a nosa amiga Ana Gago recolleu para este caderno o acontecido a un paisano, un mozo que quedou viúvo moi axiña, aló polos anos corenta ou cincuenta, e ó cabo dun tempo prudencial, decidiu volver ós bailes con amigos.
Unha noite, cando regresaba á casa, polo camiño aparecéuselle unha pomba branca que só el vía. E aquela pomba acompañábao sempre no traxecto do retorno.
 Un día a pomba pousóuselle na cabeza, e o home quixo espantala, pero daquela a ave faloulle e díxolle que non o fixese, que ela era a súa muller, que non lle importaba que el fose ós bailes porque aínda era novo, e que lle quedara unha misa sen pagar e que non descansaría ata que fose a pagala.
Como todos sabedes, unha da forma en que a alma se aparece ós vivos e coa forma de pomba cando a finada acadou a gloria.
Como complemento a este conto, pódese ver o artigo Aves de luz e esperanza