Por
Pepe de Rocaforte
O outro día escribía Miguel-Anxo Murado un artigo no que
falaba de Alfonso Graña, un paisano natural de Avión, emigrante ó Brasil nos
anos vinte do século pasado, quen dunhas noutras chegou á zona peruana de Iquitos,
na selva amazónica, onde acabou por se converter en rei dos xíbaros huambisa.
Estas historias de emigrantes e aventureiros convertidos
en reis de calquera pobo perdido, unhas reais e outras inventadas, escóitanse
con certa frecuencia con diversos protagonistas e situadas en diversas
localizacións xeográficas. Coñecendo a Murado, teño total confianza nas súas
informacións, sempre contrastadas e fidedignas, e estou seguro de que o seu
relato é real e está perfectamente documentado. Non sucede así noutros casos,
aínda que tamén poidan ter a súa parte de verdade.
Coñecido foi o caso de Miguel de la Quadra-Salcedo,
famoso atleta dos anos sesenta, varias veces campión de España de lanzamento de
disco e peso, quen mesmo chegou a bater o récord mundial de lanzamento de dardo
ou xavelina, cun estilo copiado da barra vasca, estilo que pola súa posible
perigosidade foi prohibido pola Federación Internacional, non sendo homologado
o récord do lanzador español.
Quadra-Salcedo deixou o atletismo e dedicouse a facer
viaxes en plan aventureiro-periodístico polo mundo adiante. Entre os anos 1961
e 1963 percorreu boa parte da selva amazónica e del chegou a circular a fábula,
tal vez cunha pequena parte de verdade, quen sabe, de que gracias á súa forza e
adestramento no lanzamento do dardo chegou, o mesmo que Alfonso Graña por
outros motivos, a ser rei dunha tribo amazónica despois de superar amplamente ó
xefe anterior coa potencia dos seus lanzamentos.
Pola cabeza ándame agora a voltas outro caso do cal non conservo
memoria clara, doutro galego errante que chegou a feiticeiro con grande poder
nunha tribo, desta vez por terras da África Central. Teño idea de ler o caso
nalgún libro de viaxeiros portugueses, tal vez en “De Benguela às Terras de
Iácca”, de Hermenegildo Capelo e Roberto Ivens, ou en “Como eu atravessei a
África”, de Alexandre da Serpa Pinto. Volverei sobre o tema se atopo algo máis.
Ningún comentario:
Publicar un comentario