sábado, 13 de febreiro de 2016

O guateque do Virulillas



Unha das máis fermosas historias de amor que lembro remóntase a cando íamos á escola no Grupo e Moncho e Tucha eran inseparables. Aquel era un amor sen segundas intencións, nin de cintura para baixo nin de cintura para arriba, como dicía don Camilo. No recreo, se non estaban xuntos, estaban cerca, e se non estaban máis tempo un a carón do outro, era porque nós (cruelmente envexosos), os molestábamos e burlábamos con aquilo de “o mociño e máis a moza...”. Pero como a todo ben alleo lle sae un usurpador de algo, apareceu en escena o Virulillas pretendendo sementar a discordia cun paquete de caramelos.
O asunto foi que aquel, acostumado desde ben cativo a ter todo o que se lle antollase, chegou á adolescencia coas mesmas mañas, ata o punto de considerar a Tucha como un obxecto máis a posuír, só porque non o tivese outro; e nese afán acaparador, metíase no medio dos dous durante o recreo, arredando e ninguneando a Moncho para ofrecerlle larpeiradas á cativa, quen, moi prudente, non llas aceptaba, unhas veces por vergoña, outras por pudor e outras por solidariedade co seu amigo. Como queira que fose, cando o lerchán aquel os vía xuntos e non tiña con que engarguelala, incitaba a quen fose para chufarse deles cantándolle o de “comen papas nunha poza”. E eles, avergoñados arredábanse procurando entretementos e compaña do seu sexo. Mais, mentres os pés estaban nun sitio a cabeza andaba noutro.
Tal foi que, na procura do trofeo, coa desculpa do seu santo, o Virulillas decidiu facer unha festa na casa vella de seus pais, unha especie de guateque ó que había que asistir coa invitación que el se encargou de caligrafiar e repartir no recreo.
Durante os días previos, todos andabamos aledados con aquela primeira festa con discos e cocacolas, e alí onde nos xuntásemos ese era o tema de conversación, inexpertos como eramos en tales asuntos. Aquel era o primeiro guateque a que íamos asistir e aquela tamén era unha desas veces en que a ilusión da festa che arreda da mente a premeditada exclusión que aquela encerraba. E xa todos sabedes o crueis que son os amigos, sobre todo nestas idades, en relación cos namoramentos e como prevalece o egoísmo sobre a solidariedade cando non entenden nin se esforzan por entender os sentimentos alleos.  
Pouco a pouco todos, agás Moncho, íamos tendo a nosa invitación. Incluso as rapazas, Tucha entre elas, foran invitadas. Tan contentos andabamos e tanto era o noso devezo que a ninguén lle acordou a grande pena que nesa hora debía de estar pasando o único rapaz da parroquia que non fora invitado.
Tardei anos en recoñecer que o primeiro guateque ó que asistín convocouse como un acto de discordia e discriminación que ningún de nós, foi quen de entender. E tampouco pensou ninguén no final daquela cantiga que lle botábamos á parelliña no recreo: “o gatiño por detrás, gache-gache meu rapaz”.
Só Tucha sentiu a forza da solidariedade e non asistiu.

venres, 12 de febreiro de 2016

VIAXEIROS POR ÁFRICA



Por Pepe de Rocaforte

Para localizar o lugar onde vira a referencia a un trotamundos galego convertido en feiticeiro dunha tribo africana estívenlle botando unha ollada a tres libros de exploradores portugueses. Un deles, “Como eu atravesei a África”, de Alexandre da Serpa Pinto, e outros dous, “De Benguella às terras de Iácca” e “De Angola à contra-costa”, de Hermenegildo Capelo e Roberto Ivens.
            En ningún deles dei co que buscaba, pero en cambio localicei unha curiosa información que me pasara totalmente desapercibida cando, hai xa anos, lera eses libros.
            Para poñer un pouco en antecedentes a quen lle poida interesar contarei que por decreto de 11-5-1877 o oficial da mariña Hermegildo Capelo foi elixido para dirixir unha expedición científica, auspiciada pola “Sociedade Geográfica” portuguesa, dirixida a explorar os ríos Cuango e Zaire e levantar mapas das terras da África centro-austral. Para acompañalo Capelo elixiu ó tamén mariño, Roberto Ivens. E a eles uniríase o militar Serpa Pinto, con quen axiña empezarían as discrepancias sobre os traballos a realizar.
            A intención de Serpa Pinto era (ó meu parecer) emprender unha viaxe aventureira para atravesar o continente desde o Atlántico ó Índico, máis que dedicarse á misión encomendada. Así as cousas, en Caconda, unha vila da provincia angolana da Huíla, ó non poder impoñer as súas pretensións, decidiu proseguir adiante pola súa conta, deixando reducidos practicamente á metade os abastecementos e a xente con quen contaba a expedición.
            No libro de Capelo e Ivens coméntase o “incidente” do seguinte escueto modo ó final do capítulo VII do seu libro: “Até Cassanje, camaradas e amigos. Silenciosos e cabisbaixos separàmo-nos”.
            Tiñan xa na imprensa “De Benguella às terras de Iácca” cando recibiron un exemplar do libro de Serpa Pinto, “Como eu atravesei a África”, editado en Inglaterra. No capítulo V do primeiro tomo, titulado “Vinte días de agonía” encontráronse cunha versión moi particular de Serpa Pinto sobre a separación, e daquela agregaron ó seu texto unha “Nota importante”, onde se defendían das acusacións do militar aristócrata.
            Todo esto fíxome meditar un pouco sobre as diferenzas de carácter entre uns viaxeiros e outros, e o fiables que en ocasións poden ser as informacións dunha e outra parte. Tamén (e principalmente por eso me animei a escribir estas liñas) me confirmei na necesidade de, cando un libro nos parece interesante (e ás veces aínda que non nos interese tanto), volvelo ler ó cabo do tempo. Seguramente descubriremos nel cousas importantes, ou polo menos aproveitables, que na primeira lectura nos pasaran desapercibidas.

luns, 8 de febreiro de 2016

Os Troteiros de Bande

Os Troteiros de Bande xa saen unha semana antes do Entroido a percorrer as aldeas do municipio invitando á xente a participar das celebracións, a entrar na primavera. Corren por camiños e corredoiras facendo soar as chocas da cintura e os cascabeis e axóuxeres das polainas.
            O traxe que visten é de aparencia simple, pero cargado de simbolismo, aínda que algúns elementos viñeron a substituír ós antigos. Así o mesmo gorro, que antes era de palla, agora confeccionase con telas ou incluso cartolinas, e adórnase con fotos recortadas da prensa de papel cuché, sempre con escenas da vida cotiá, pero o que non pode faltar é un espello cadrado na fronte, un espello que devolve a mirada, o facinium, o mal de ollo se alguén ten malas intencións con estes heraldos da primavera. E del colga un pano de gancho que tapa o rostro do troteiro.
            O traxe, sempre de cor branco, adórnase con fitas de cor, moi poucas, pero suficientes para darlle ese toque alegre que amosa a nova estación, pero sabemos que outrora, esas cintas, e sobre todo, o adorno que percorre o lateral da perna era unha edra atada.

            Como elemento defensivo, ademais do espello que devolve o aollamento, ármanse cun pao especialmente escollido, entre aqueles ós que unha edra se enrroscou, dándolle esa forma de espiral que o envolve.
E imos cara Cobres a coñecer as Madamas e Galáns

venres, 5 de febreiro de 2016

FRÁXILES CANDÍS



                                                                        Por Pura Tejelo
                        Ilustración de Lola Fernández

A  avenida ábrese inmensa
desvalida
vai dun a outro lado
entre os lampos dos autos perseguida
navegando nunha travesía fonda
un destino de serpe.

Unha pista de patinaxe xeada
                                             fóra de hora
sen oropeis deportivos
sen o beixo calmoso das nubes.

Unha man sen piedade
                                     co seu índice
vai apagádonos,
disposta a xogar coas nosas vidas,
fráxiles candís.