Unha das máis fermosas historias de amor que
lembro remóntase a cando íamos á escola no Grupo e Moncho e Tucha eran
inseparables. Aquel era un amor sen segundas intencións, nin de cintura para
baixo nin de cintura para arriba, como dicía don Camilo. No recreo, se non
estaban xuntos, estaban cerca, e se non estaban máis tempo un a carón do outro,
era porque nós (cruelmente envexosos), os molestábamos e burlábamos con aquilo
de “o mociño e máis a moza...”. Pero como a todo ben alleo lle sae un usurpador
de algo, apareceu en escena o Virulillas pretendendo sementar a discordia cun
paquete de caramelos.
O asunto foi que aquel, acostumado desde ben
cativo a ter todo o que se lle antollase, chegou á adolescencia coas mesmas
mañas, ata o punto de considerar a Tucha como un obxecto máis a posuír, só
porque non o tivese outro; e nese afán acaparador, metíase no medio dos dous
durante o recreo, arredando e ninguneando a Moncho para ofrecerlle larpeiradas
á cativa, quen, moi prudente, non llas aceptaba, unhas veces por vergoña,
outras por pudor e outras por solidariedade co seu amigo. Como queira que fose,
cando o lerchán aquel os vía xuntos e non tiña con que engarguelala, incitaba a
quen fose para chufarse deles cantándolle o de “comen papas nunha poza”. E
eles, avergoñados arredábanse procurando entretementos e compaña do seu sexo.
Mais, mentres os pés estaban nun sitio a cabeza andaba noutro.
Tal foi que, na procura do trofeo, coa desculpa
do seu santo, o Virulillas decidiu facer unha festa na casa vella de seus pais,
unha especie de guateque ó que había que asistir coa invitación que el se
encargou de caligrafiar e repartir no recreo.
Durante os días previos, todos andabamos
aledados con aquela primeira festa con discos e cocacolas, e alí onde nos
xuntásemos ese era o tema de conversación, inexpertos como eramos en tales
asuntos. Aquel era o primeiro guateque a que íamos asistir e aquela tamén era
unha desas veces en que a ilusión da festa che arreda da mente a premeditada
exclusión que aquela encerraba. E xa todos sabedes o crueis que son os amigos,
sobre todo nestas idades, en relación cos namoramentos e como prevalece o
egoísmo sobre a solidariedade cando non entenden nin se esforzan por entender
os sentimentos alleos.
Pouco a pouco todos, agás Moncho, íamos tendo
a nosa invitación. Incluso as rapazas, Tucha entre elas, foran invitadas. Tan
contentos andabamos e tanto era o noso devezo que a ninguén lle acordou a
grande pena que nesa hora debía de estar pasando o único rapaz da parroquia que
non fora invitado.
Tardei anos en recoñecer que o primeiro
guateque ó que asistín convocouse como un acto de discordia e discriminación
que ningún de nós, foi quen de entender. E tampouco pensou ninguén no final
daquela cantiga que lle botábamos á parelliña no recreo: “o gatiño por detrás,
gache-gache meu rapaz”.
Só Tucha sentiu a forza da solidariedade e
non asistiu.
Ningún comentario:
Publicar un comentario