martes, 5 de marzo de 2019

Madamas e Galáns de Cobres



        Como unha premonición tamén os campos que bordean a estrada que nos leva a Cobres (Pontevedra) se visten coas chorimas que anuncian a primavera. E ó chegar á parroquia e preguntar por onde andan as Madamas e os Galáns, o veciño que nos atende indica sinalando ó ceo que andan percorrendo as casas bailando alí onde teñan a ben pagarlles o aguinaldo e que son moi doados de localizar, só hai que agardar a que boten bombas e ir ata o lugar onde estas sonaron. E aló fomos, seguindo o son dos estoupidos e a lene nube de fume que deixan ata atopalos fronte a unha casa, danzando co son da gaita e o pandeiro, lucindo todo ese colorido que os converte nun adianto da primavera, cos floreados gorros que identifican a estas figuras características do entroido da banda norte da ría de Vigo.

      A presenza de Madamas e Galáns documéntase desde o século XVIII, pero está moi claro que os vestidos evolucionaron desde aquela, só hai que fixarse nas saias e no tipo de adobíos con que se engalanan. Os homes con pantalón e garabata, pero tamén con colares, mantóns do tipo dos de Manila e profusión de fitas que engalanan o traxe, distínguense das mulleres porque elas non levan garabata nin pantalóns, senón a saía pola altura dos xeonllos, e unha boa ou bufanda de cores claros ó pescozo, moi propia da Belle Epoque. Ambos (Madamas e Galáns) seméllanse nos floreados gorros con que se cobren a cabeza, sobre os que, entre flores de tea que intuímos naturais algunha vez, non faltan espellos, colares e a representación dos máis vistosos insectos da primavera, bolboretas sobre todo, ou, nalgún caso e en gorros masculinos, algunha boneca. Especie de terrarios con ninfas incluídas. Símbolos que, como xa temos visto, tamén se dan noutras figuras do entroido tradicional evocando o florecer dos campos.

      Madamas e Galáns camiñan moi ordenadamente detrás dos gaiteiros, e ambos deixan que as fitas con todo tipo de deseños e incluso mensaxes ondeen ó seu paso. 


      Cando chegan á casa de quen lles ofrece o aguinaldo, danzan na porta ou na eira, unha ordenada danza, como se con ese baile lles estivesen transmitindo a boaventura e a prosperidade ós moradores da mesma. E aínda a maiores, se na casa hai alguén encamado que non pode saír a velos, entran unha Madama e un Galán a saúdalo, a levarlle coa súa presencia unha brote de esperanza nesta primavera en que todo renace. A fin estes son unha benzón para cada lugar por onde pasan

Ningún comentario:

Publicar un comentario