xoves, 9 de febreiro de 2017

OS ESTORNIÑOS



Por Pepe de Rocaforte
  
   No relato titulado “Volver ó fogar” Lucia Berlin empeza contando como todas as tardes, unha media hora antes de escurecer, os corvos acoden desde todos os puntos do pobo a unha árbore enfrente da súa casa despois de varrer o ceu voando en círculos.
     Este texto fíxome lembrar os nosos bandos de estorniños nas súas evolucións, veloces puntos negros en formacións compactas que tan pronto se esvaecen ó lonxe como reaparecen en reviravoltas inesperadas cando o ceu empeza a adquirir a cor das súas plumas nestas tardes pinchadas pola friaxe invernal.
     Nun primeiro momento pensei que “corvos” sería unha tradución errónea. Logo supuxen que a escritora norteamericana tal vez non sabería ben a que especie pertencían aquelas aves que se pousaban na árbore diante da súa casa. Ou ben podíase tratar dunha caste de corvos diferentes dos de aquí.
     En fin, sexa como sexa, fíxome lembrar de cando empecei a me fixar nas evolucións aéreas dos estorniños, hai anos xa, en Tarragona, véndoos chegar por milleiros nas tardes de outono sobre o mar, cara ó Balcón do Mediterráneo, para írense asentar nos plátanos da Rambla, entre a follaxe dourada que empezaba a caír, no medio dun escándalo de rechouchíos e acrobacias de Príncipes Cantacuzenos en voos sen motor.

     Xa á noitiña compría camiñar con coidado polos paseos para non ser vítima dos seus excrementos corrosivos que enchían de porcallada os coches aparcados debaixo, e para espantalos a policía municipal disparaba ó aire cartuchos sen balotes que os facían erguer de novo o voo nun algareo alporizado, máis breve desta volta, sobre as vías do tren e o anfiteatro romano, para regresar pouco despois o mesmo punto de onde os fixeran fuxir.
     De tanto admirar as súas acrobacias pensei en escribir un relato sobre eles, pero non se me ocorría cousa ningunha ó xeito e deixeino. Despois comprobaría que houbo máis escritores que, de maneira máis ou menos marxinal, se ocuparon do tema, desde Garcilaso, na súa Égloga Segunda: ...entonces siempre, como sabes, anda / de estorninos volando a cada parte / de acá y de allá la espesa y negra banda... ata algún escritor galego, Manolo Rivas, paréceme, aínda que agora mesmo non estou moi seguro. Así que ¿para que insistir no tema?

luns, 6 de febreiro de 2017

PAÍS PERDIDO



 Por Pura Tejelo


Alguén está dentro dunha botella
nun obradoiro de traballos manuais
montando arquitecturas
este anoitecer de farrapo des-
colorido.
Detrás de cada feble ventá de cris-
tal
a piques de estalar en tre-
boada,
irá
esta aperta perdida, ese berro adoe-
cido
como nunha vivenda
se asfixia a última man de pintura.
Unha chamada de auxilio
rolará pola corrente rápida
dentro da botella e a mensaxe
chegará a unha praia esquecida
achegándose aos pés dun neno
que recolle vidros varados de países de cristal.

----
De “A elegancia do século”.

xoves, 2 de febreiro de 2017

Ernst Glaeser – Un pequeno relato




Por Pepe de Rocaforte


Lévolle dedicadas aquí un par de divagacións á figura do novelista alemán Ernst Glaeser. Para deixalo a un lado, polo menos de momento, ofrezo hoxe unha breve historia que forma parte da súa novela “Der letzte Zivilist”, “O derradeiro defensor”, para dar unha pequena idea da súa escrita. Escuso dicir que a tradución fíxena da versión española do libro.

« [...] Ursel, [...] cando regresou do internado levou consigo a fotografía dun home nun marco de ouro, e ó pouco tempo presentouse un oficial na finca Weissenfels, un tenente de húsares, para pedir a man da rapaza. O pai deu toda clase de facilidades, porque quería desprenderse da filla [...] [Morto o pai,] aínda a carne non se desprendera dos ósos do vello e xa o oficial se retirara do servizo activo. Apareceu na finca e confesoulle a Ursel as súas débedas de xogo. Tanto rogou que Ursel accedeu a firmar un cheque por valor de cincuenta mil marcos.

»[...]O oficial sacou o diñeiro do Banco e marchou a Baden-Baden para pagar as súas débedas de xogo. Ursel contaba as horas faltantes para a súa volta. Pero o oficial nunca máis volveu a Weissenfels. Os xasmíns murcharon. O vento de novembro sopraba por riba dos campos. Ursel non abandonaba o cuarto desde había meses. Logo chegou unha carta cuns selos moi raros. Un criado subeuna ó cuarto da moza. Durante un longo tempo estivo Ursel contemplando aquela carta. Un capitán inglés contáballe que tiña o encargo de comunicar á señorita Ursel Fabricius a morte do tenente Dovivat, caído baixo as bandeiras da Súa Maxestade na loita contra os boers, e transmitíalle o derradeiro desexo do morto, que solicitaba o seu perdón no nome de Cristo.

»Dúas noites despois de recibir a carta, Ursel Fabricius mandou prender a cheminea no salón grande. Cando os leños renxían e todas as luces da sala resplandecían, baixou as escalinatas ataviada cun vestido de satén branco. Nos brazos levaba unha manchea de libros. Mandou saír da sala a todo o mundo e ficou soa diante do lume da cheminea. A carón seu estaban aqueles tomos, libros de poesía encadernados en pel con incrustacións de ouro e violetas murchas prensadas entre as follas. Novelas con valiosas viñetas e ex libris raros. Ursel Fabricius foi guindando, un detrás doutro, todos os libros ó lume. En silencio vía consumirse a poesía da súa adolescencia. Un mes máis tarde arrendou a finca ó primeiro licitante e marchou a París.

[...]

»Ursel [foi esquecida]. Ninguén, con excepción do Banco, volveu pensar nela. Alí figuraba unha conta corrente a nome de Ursel Fabricius. Cada tres meses recibía o Banco unha orde de pago que abonaba con puntualidade. Aquelas ordes viñan de diferentes capitais e países. Logo transcorreu un longo período de tempo en que nada se volveu saber de Ursel Fabricius. Só a renda era pagada con puntualidade. A conta corrente de Ursel aumentaba, e producía desacougo ver como medraban os números sen que a persoa aparecese.
 
[...]

»-Nunca esquecerei [dixo Schrader] aquel día de novembro do ano 1923. Estaba precisamente no Banco para liquidar algo, cando vin aparecer unha señora de certa idade ... Levaba un abrigo gris claro e cabelo cortado ó paxe ... Con ela viña un mozo con aspecto de gigolo. Estes casos eran frecuentes nos tempos da inflación. Atopábame precisamente ó lado da xanela cando ela pronunciou o seu nome ... Vendo á miña beira a Ursel Fabricius estremecinme ó comprobar o que facía o tempo de nós, en que nos convertía. Regresou o empregado e díxolle á señorita Fabricius que o director esperábaa. Andando de vagar cruzou por diante das xanelas cara ó despacho do director. O gigolo foi detrás súa. Eu collín os meus papeis e senteime nun banco. Esperaba a Ursel Fabricius. Moito tempo antes, unha noite de carnaval, bailaramos xuntos un minueto, ela disfrazada de figuriña de porcelana e eu de príncipe. Non pasaran dez minutos cando oímos un berro penetrante. Precipiteime ó despacho do director seguido dos empregados. O gigolo suxeitaba polos brazos a Ursel, quen cravaba as unllas no pescozo do director [...] “¡Ladrón, ladrón!”, increpábao. Sobre a mesa aparecían revoltos papeis e extractos de conta [...] O caixeiro chamou á policía [pero o director] renunciou espontaneamente a levar o asunto á xustiza. Durante tres horas estiven falando con Ursel. Non me quixo responder nin explicarme onde pasara aqueles anos fóra da nosa cidade. Desde entón non volveu pronunciar unha palabra. Dirixiuse a pé á finca. Un rapaz seguíaa cun carro onde ían as maletas. Ningún cidadán de Siebenwasser conseguiu volver ver a Ursel. Desde hai cinco anos vive en Weissenfels. A finca estase arruinando. Non sementan, non colleitan ... O capelán conseguiu unha vez chegar ata ela. Insinuoulle que o campo estragábase e as cortes estaban cheas de podremia. Ursel Fabricius respondeu: “Así me gusta; quero que todo esto podreza”.»