xoves, 12 de abril de 2018

MONUMENTO Á CERVEXA


Por Pepe de Rocaforte
            Tortosa é unha cidade que aparece como diminuída e medio oculta, medio perdida no mapa de Cataluña, ou polo menos esa é a impresión que en principio me producía a min. Unha impresión falsa como puiden ver despois de ler un pouco da súa historia, ou visitar os seus monumentos urbanos, empezando polo Castelo da Suda, na súa orixe unha fortaleza árabe do século X, palacio real no século XIII e hoxe Parador de Turismo, dominante de todo o perímetro urbano desde a súa situación no alto da cidade. Ou a catedral gótica de Santa María, cunha colosal, a pesar de inacabada, fachada barroca. Ou o Palacio Episcopal gótico. Ou o Colexio de Sant Jaume i Sant Maties, renacentista.
Ou, e párome particularmente nel, o Palacio da Deputación do Xeneral, un austero edificio renacentista do século XVI, á beira do río, no cal se atopaba a Aduana que controlaba o paso polo Ebro e onde se recadaban as taxas polo tránsito de mercancías, tanto as que baixaban á costa, como as que ían río arriba cara ó interior, importantísima fonte de ingresos para a cidade. E párome neste edificio porque diante del non puiden por menos de lembrar a fermosa novela de Jesús Moncada, “Camiño de Sirga”, cuxa lectura recomendo a quen non a coñeza.
 Así e todo, se hoxe se me ocorreu escribir sobre Tortosa, non foi por ningún destes motivos, senón por outro máis vulgar e probablemente sen maior interese para o visitante da cidade. Refírome a unha interpretación popular sobre o monumento á Batalla do Ebro.

Esta obra do escultor catalán Lluís María Saumells foi levantada no ano 1966, como recordo e homenaxe ó exército franquista, sobre un dos piares da ponte que en 1938 fora destruída durante a retirada do exército republicano na Batalla do Ebro.
En marzo de 2016 o Parlamento de Cataluña instou ó concello de Tortosa a retirar o monumento, o cal provocou que en maio do mesmo ano o alcalde da cidade promovese unha consulta entre os seus cidadáns. Na consulta só participou arredor dun trinta por cento do censo electoral tortosino, e á pregunta de se se debía derribar ou non, un sesenta e tantos por cen dos votantes mostrouse partidario da continuación da escultura no lugar onde se atopaba.
Por ese tempo xa foran retirados do monumento a inscrición “Al Caudillo de la Cruzada y de los Veinticinco Años de Paz”, máis outra que dicía: “A la Promoción Ebro de la Guardia Civil”, así como o “Vitor” de Franco, polo cal o concello e a Deputación de Tarragona, estimando que a obra pode ser considerada hoxe como unha homenaxe ós mortos de ámbolos dous bandos, decidiron non retirala do lugar que ocupaba.
Actualmente seica circula un chiste que lle chama “O Monumento ás Cervexas”, porque nel aparecen “La Estrella” (ver foto número 1), “El Águila” (foto número 2) e “Cruzcampo” (na foto número 3 pódese observar a cruz e, detrás dela, só o campo). O meu informante díxome que lle contaran que aínda se poden sinalar dúas marcas máis de cervexas, pero non se lembraba de cales son, nin eu fun capaz de as descubrir. Proben vostedes a localizalas se teñen a vista, e a imaxinación, máis agudas que o trosma que esto escribe.

sábado, 7 de abril de 2018

Agasallos.


      Supoño que todos recibimos algunha vez un desafortunado regalo. Feito coa mellor intención pero desafortunado. Porque a maioría das veces, quen ten que escollelo, sen decatarse ou sen pretendelo, bótalle o ollo a aquilo que a el mesmo lle gustaría, esquecéndose de que os gustos persoais non sempre cadran. Aí temos bixutería perdida no fondo dun caixón e garabatas sen sacar do seu plástico protector.
Xulio fálanos dunha amiga súa que odiaba ser agasallada con colonia ou perfume, porque na súa opinión era unha maneira de chamarlle cheirona, e sen embargo ese é o regalo máis socorrido. Das flores, hai de todo, uns que as aprecian e outros que as teñen por un gasto inútil, ou como símbolo da brevidade da vida, algo desapropiado cando un galano debe levar consigo a simboloxía do cariño imperecedoiro. Antes regalábanse botellas de licor e agora de viño, a cada cal máis caro. E dos libros, se non se coñecen ben os gustos do beneficiado mellor non tocalos, porque só estaremos gastando os cartos en simple papel impreso. E a pesares de que se está impoñendo a moda dos cheques regalo, como a norma non escrita entre o agasallado e o agasallador é non saber canto custa o galano, segue habendo certo remorso con el.
Todo suma, e así hai tantos faiados e sotos abarrotados de trastes. Na casa duns amigos teñen unha bacía para o can que no seu día foi un agasallo de voda, e a día de hoxe non lle chaman a bacía de Tobby, senón a de Fulano. Ese si é un galano que mantén a memoria de quen a doou.
Durante unha charla á que asistín esta semana, o conferenciante contou o caso duns coñecidos seus (eu creo que era un conto sacado dalgún libro, pero sempre dá máis proximidade e certa dose de credibilidade cando ós personaxes se lles pon nome e apelidos), en que uns mozos recibiron duns parentes que vivían noutra cidade, como agasallo de voda, unhas lámpadas de sobremesa, para o dormitorio, escusándose de non poder asistir á cerimonia e ó banquete pola distancia que supoñía para eles a viaxe. E os noivos despois de buscarlle sitio, a pesares de que non lles gustaban nada, decidiron que non encaixaban coa cor da habitación, e ademais eran demasiado barrocas. Todo lles servía de desculpa para xustificarse e gardalas no alto dun armario, no andel das inutilidades e esquecerse delas.
Pasaron uns meses e aqueles parentes, unha tarde, chamaron á casa dos noivos dicíndolles que como viñeran a estoutra cidade e tiñan unhas horas libres, estaban no bar do baixo da súa casa, e se podían aproveitaban para tomar un café xuntos, ó que os noivos, sen dubidalo, invitáronnos a subir e así, de paso, víanlles o piso; pero inmediatamente lembraron as lámpadas enclaustradas, e no tempo que ós visitantes lles levaba subir no ascensor sacáronas do armario, puxéronas sobre as mesas de noite e meteron as súas (as do seu gusto) debaixo da cama, no mesmo intre en que chamaban á porta.
E todo foi moi ben, habitación por habitación, coas gabanzas propias do caso, ata que chegaron ó dormitorio, onde a esposa invitada recoñeceu axiña as lámpadas sobre a mesa e loounas como fermosas, agradecendo o aprecio en que as tiñan, o cal viña sendo unha maneira de lembrarse deles cada noite, e cun impulso que ás veces non medimos, feliz por tanta gabanza, a anfitrioa deulle ó interruptor e saíu a luz de debaixo da cama.

xoves, 5 de abril de 2018

DE VIÑOS E VERMUTS


Por Pepe de Rocaforte
   


            Faláballe o outro día a un compañeiro de paseatas de como aproveitando unha curta estancia en Reus, me desprazara a Cornudella de Monsant, distante de alí cousa duns trinta quilómetros, levado pola curiosidade de coñecer a localidade de nacemento dun antepasado familiar.


            Cando me ía aproximando ó meu destino, ignorante como son, levei a sorpresa de ver un cartel indicador informándome de que entraba na bisbarra do Priorato, o cal me fixo lembrar inmediatamente deste amigo paseante, polo feito de o seu pai rexentar hai anos unha taberna moi popular na Coruña, coñecida polo seu servicio de porróns con viño do Priorato, taberna que aínda hoxe subsiste, pero con distinto propietario.
Lembrando tempos pasados o meu compañeiro contoume que non coñecía Reus, a pesar de lle ter andado preto nalgunha ocasión e de ter ganas de dar unha volta por alí a ver se localizaba as bodegas que todos os anos fletaban un vagón cisterna con viño do Priorato destinado á tasca do seu pai. E dicíame que a pesar dos anos transcorridos aínda non se lle esquecera o nome e o enderezo do subministrador.
            Conteille que nun percorrido polas edificacións modernistas da cidade vira a Estación Enolóxica, pero aínda que relacionada co viño, non debía ter maior cousa que ver co almacenista que lle enviaba por tren os caldos do Priorato a seu pai.
             E falando de edificios modernistas, que se contan por ducias na cidade, díxenlle que me chamara a atención o Museo do Vermut, bebida que semella estar en pleno auxe por aquela zona, o cal non é nada de estrañar, porque, en canto a bebidas, xa durante o século XVIII Reus era, xunto con París e Londres, unha referencia mundial no comercio da augardente, o que a levou a se converter na segunda cidade de Cataluña, segundo nos informaba orgulloso un guía local.
            Pero tanto os augardentes coma os vermuts non entran nas preferencias do meu compañeiro de paseatas. A el o vermut que máis lle gusta é Carlos Vermut, ese mozo director de cine, autor dunha sorprendente película, “Magical Girl”, que se vostedes non a viron, recoméndolle que o fagan. Pero esta, como di o repetido tópico, xa é outra historia.