luns, 28 de xaneiro de 2019

CRÓNICAS DESDE O OUTRO MUNDO (3)



                O Curmán de Undochán
     Redondeando o dito e malia o dito: este Río da Prata tórnase río cabal cando as tormentas do pai Paraná arrastran as suas augas medradas ata aquí, facendo do Prata un “rio marrón”, como intitulou ("Poemas del rio marrón") o finado amigo Rolando Faget, un uruguaio que por certa ponla viña dun Tajes camariñán emigrado no século XVIII: moi impresionado quedou cando o levei polas terras do seu ancestro, impresión reflectida nunha sua conferencia que deu en Montevideo, baixo o título de “El alma está en Galicia”.

     Aquelas tormentas, cando operan no propio Prata chegan a crear ondaxes moi grandes, tales as do Orzán coruñés, cos destrozos urbanos inevitábeis. Entón, este río marrón (ou leonado como gustan eufemistizar outros), non é apto para o baño en tanto non recupere a cor grisazulada decotío e a salinidade que o mar lle devolve…


     A este río como mar chegaron, durante dous séculos longos, miles e milleiros de galegos: daí que sexan chamados gayegos, gaitas ou yoyegas -isto no argot do vesre/revés rioplatense- todos os españois. Con todo, as nosas xentes non estiveron na fundación desta capital, que foi formada con porteños veciños e afastados canarios, estes en moita maior medida no XIX, lonxe das primeiras duas camadas sucesiva(1726, 1729).

     Será apenas vinte anos despóis desa fundación, cando chegan galegos, primeiro en goteo (maiormente soldados), logo en masa. E tamén moito canario máis, ata o punto de hoxe chamarlles canarios aos habitantes dos territorios rurais colindantes (a formaren o departamento -digamos provincia- de Canelones, eminentemente hortofrutícola)... e, ben máis adiante, dándolle apelativo de canario, cun chisco de bulra, a todo individuo do interior. Aclarando: do interior é todo o que non é da capital, equivalendo, daquela, ao que por aí se chama provinciano.
Velaí unha romaxe galega en Capilla de Farruco, no departamento de Durazno, monumento histórico, parte da estancia-fortaleza de Francisco Rodríguez (natural de Paraños-O Covelo, 1746).

     Curiosamente, logo dunha primeira etapa, en que os galegos se internaron no Uruguai profundo (antes e despóis da independencia -1828-1830), en moitos casos convertidos en estancieros pioneiros (terratenentes), acabaron en grande parte abandonando o terreno, entre outros, aos bascos e, por suposto, aos brasileiros, que seguiron invadindo (agora pacíficamente) o norte desta república limítrofe do seu Rio Grande do Sul, estado (un 150% máis extenso que o Uruguai...) creado a costa de territorios que foran españois e, portanto, destinados a seren uruguaios (ou uruguaianos como eu prefiro).



     Así foi como Montevideo reuníu o groso daquela inmigración nosa... ata os anos 1960, que marcan o cabo do Uruguai como destino, desde esas datas suplantado por Venezuela e máis tamén por Europa.

    Nota extemporánea sobre os femicidios: España, 1/1.000.000; Uruguai, 1/100.000...

xoves, 24 de xaneiro de 2019

AGAMENÓN E A GUERRA DE TROIA


Por Pepe de Rocaforte
A novela de Vasili Grossman “Por unha causa xusta”, da cal fixen aquí un comentario a semana pasada, tróuxome á memoria unha das grandes epopeas da Grecia clásica, a “Iliada”, aínda que o meu recordo se refira a un momento anterior ó relatado no poema de Homero.
Con ocasión dunha pequena viaxe a Grecia hai cousa dun par de anos, unha filla miña recomendoume a visita a Micenas. Dicíame que ela sentira unha fortísima emoción ó ascender ás ruínas da cidade e cruzar a Porta dos Leóns. Naquel momento imaxinou encontrarse alí tres mil e pico de anos antes e contemplar a saída de Agamenón para embarcar na expedición de castigo a Troia. ¡Tres milenios antes e alí estaba ela no lugar onde se iniciara a guerra inmortalizada polo poeta cego de Quios!
Fun a Micenas e tamén me estremeceu o fío do lombo un arreguizo de emoción ó imaxinarme de par de Agamenón baixando a rampla de saída da cidade para ir embarcar nas naves que o esperaban no Golfo de Argos, un mar que me pareceu ver na distancia (Micenas está a uns quince/vinte quilómetros da costa), pero que agora repasando a fotos que fixen alí non o descubro por ningures. Quero pensar que tal vez fose por causa da bruma que aquel dia de calor difuminaba os confíns do horizonte. Non sei.
Nin tampouco sei se Agamenón foi o home representado na máscara de ouro que reproduzo aquí ó lado. Desde logo o aspecto do rei de Micenas non me canxa con ese individuo cun leve sorriso irónico nos labios e un bigote tan esmeradamente coidado. Como tamén me parece difícil que todos os xefes aqueos se puxesen de acordo para iniciar aquela guerra só para reparar a afronta sufrida por Menelao a causa da fuga da súa esposa Helena cun fermoso mancebo troiano (ou fose raptada por el, como tamén se di). Máis plausible resulta que a orixe daquel conflito bélico fose a posta en marcha dunha expedición de castigo contra os troianos que aproveitaban a súa situación estratéxica á entrada do Estreito dos Dardanelos para cobrar os seus bos tributos para permitir o paso das naves gregas que sucaban o Helesponto en dirección á Cólquida nas súas viaxes comerciais.
E citar a Cólquida lévame a outro punto adxacente: ¿por que nós ó “velocino de ouro” lle temos que chamar “vélaro de ouro”? ¿Coñecían vostedes o significado de “vélaro”? Eu non, e poderíalles contar a curiosa historia que me fixo coñecelo, pero ese é outro tema e polo tanto vouno deixar para unha nova ocasión, se se me presenta.