luns, 28 de xaneiro de 2019

CRÓNICAS DESDE O OUTRO MUNDO (3)



                O Curmán de Undochán
     Redondeando o dito e malia o dito: este Río da Prata tórnase río cabal cando as tormentas do pai Paraná arrastran as suas augas medradas ata aquí, facendo do Prata un “rio marrón”, como intitulou ("Poemas del rio marrón") o finado amigo Rolando Faget, un uruguaio que por certa ponla viña dun Tajes camariñán emigrado no século XVIII: moi impresionado quedou cando o levei polas terras do seu ancestro, impresión reflectida nunha sua conferencia que deu en Montevideo, baixo o título de “El alma está en Galicia”.

     Aquelas tormentas, cando operan no propio Prata chegan a crear ondaxes moi grandes, tales as do Orzán coruñés, cos destrozos urbanos inevitábeis. Entón, este río marrón (ou leonado como gustan eufemistizar outros), non é apto para o baño en tanto non recupere a cor grisazulada decotío e a salinidade que o mar lle devolve…


     A este río como mar chegaron, durante dous séculos longos, miles e milleiros de galegos: daí que sexan chamados gayegos, gaitas ou yoyegas -isto no argot do vesre/revés rioplatense- todos os españois. Con todo, as nosas xentes non estiveron na fundación desta capital, que foi formada con porteños veciños e afastados canarios, estes en moita maior medida no XIX, lonxe das primeiras duas camadas sucesiva(1726, 1729).

     Será apenas vinte anos despóis desa fundación, cando chegan galegos, primeiro en goteo (maiormente soldados), logo en masa. E tamén moito canario máis, ata o punto de hoxe chamarlles canarios aos habitantes dos territorios rurais colindantes (a formaren o departamento -digamos provincia- de Canelones, eminentemente hortofrutícola)... e, ben máis adiante, dándolle apelativo de canario, cun chisco de bulra, a todo individuo do interior. Aclarando: do interior é todo o que non é da capital, equivalendo, daquela, ao que por aí se chama provinciano.
Velaí unha romaxe galega en Capilla de Farruco, no departamento de Durazno, monumento histórico, parte da estancia-fortaleza de Francisco Rodríguez (natural de Paraños-O Covelo, 1746).

     Curiosamente, logo dunha primeira etapa, en que os galegos se internaron no Uruguai profundo (antes e despóis da independencia -1828-1830), en moitos casos convertidos en estancieros pioneiros (terratenentes), acabaron en grande parte abandonando o terreno, entre outros, aos bascos e, por suposto, aos brasileiros, que seguiron invadindo (agora pacíficamente) o norte desta república limítrofe do seu Rio Grande do Sul, estado (un 150% máis extenso que o Uruguai...) creado a costa de territorios que foran españois e, portanto, destinados a seren uruguaios (ou uruguaianos como eu prefiro).



     Así foi como Montevideo reuníu o groso daquela inmigración nosa... ata os anos 1960, que marcan o cabo do Uruguai como destino, desde esas datas suplantado por Venezuela e máis tamén por Europa.

    Nota extemporánea sobre os femicidios: España, 1/1.000.000; Uruguai, 1/100.000...

Ningún comentario:

Publicar un comentario