Por Pepe de Rocaforte
A novela de Vasili Grossman “Por unha causa xusta”, da
cal fixen aquí un comentario a semana pasada, tróuxome á memoria unha das grandes
epopeas da Grecia clásica, a “Iliada”, aínda que o meu recordo se refira a un
momento anterior ó relatado no poema de Homero.
Con ocasión dunha pequena viaxe a Grecia hai cousa dun
par de anos, unha filla miña recomendoume a visita a Micenas. Dicíame que ela
sentira unha fortísima emoción ó ascender ás ruínas da cidade e cruzar a Porta
dos Leóns. Naquel momento imaxinou encontrarse alí tres mil e pico de anos
antes e contemplar a saída de Agamenón para embarcar na expedición de castigo a
Troia. ¡Tres milenios antes e alí estaba ela no lugar onde se iniciara a guerra
inmortalizada polo poeta cego de Quios!
Fun a Micenas e tamén me estremeceu o fío do lombo un arreguizo de emoción ó imaxinarme
de par de Agamenón baixando a rampla de saída da cidade para ir embarcar nas
naves que o esperaban no Golfo de Argos, un mar que me pareceu ver na distancia
(Micenas está a uns quince/vinte quilómetros da costa), pero que agora
repasando a fotos que fixen alí non o descubro por ningures. Quero pensar que
tal vez fose por causa da bruma que aquel dia de calor difuminaba os confíns do
horizonte. Non sei.
Nin tampouco sei se Agamenón foi o home representado na
máscara de ouro que reproduzo aquí ó lado. Desde logo o aspecto do rei de
Micenas non me canxa con ese individuo cun leve sorriso irónico nos labios e un
bigote tan esmeradamente coidado. Como tamén me parece difícil que todos os
xefes aqueos se puxesen de acordo para iniciar aquela guerra só para reparar a
afronta sufrida por Menelao a causa da fuga da súa
esposa Helena cun fermoso mancebo troiano (ou fose raptada por el, como tamén
se di). Máis plausible resulta que a orixe daquel conflito bélico fose a
posta en marcha dunha expedición de castigo contra os troianos que aproveitaban
a súa situación estratéxica á entrada do Estreito dos Dardanelos para cobrar os
seus bos tributos para permitir o paso das naves gregas que sucaban o
Helesponto en dirección á Cólquida nas súas viaxes comerciais.
E citar a Cólquida lévame a outro punto adxacente: ¿por
que nós ó “velocino de ouro” lle temos que chamar “vélaro de ouro”? ¿Coñecían
vostedes o significado de “vélaro”? Eu non, e poderíalles contar a curiosa
historia que me fixo coñecelo, pero ese é outro tema e polo tanto vouno deixar
para unha nova ocasión, se se me presenta.
Ningún comentario:
Publicar un comentario