luns, 4 de febreiro de 2019

CRÓNICAS DESDE O OUTRO MUNDO (4)


                                                                                    O Curmán de Undochán
      Non me queda outra que tornar ao mar! (Será a miña afeizón que me fai dicir que, así sexa París, unha cidade sen mar non me serve). Esa mar océana que fica 130 km. ao leste desta capital, onde as convencións xeográficas determinan que o Río da Prata (nome, por certo, que lle daban e dan os lusobrasileiros) remata no acidente xeográfico  onde se asenta a cidade de Punta del Este que, con Mar del Plata (Arxentina) e Viña del Mar (no Pacífico chileno), conforma a triada dos balnearios do chamado Cono Sul. O océano uruguaio, pois, chega ata os límites co Brasil.
      O porto de Montevideo está ao norte da Cidade Vella. E nel xa marcaron presenza os galegos decimonónicos, formando na colla de estibadores (pandilla de changadores). Mesmo no aspecto estritamente marítimo, famoso foi Benito Borrazás (Coruña, 1854), capitán que dedicou longos anos ao salvamento de náufragos, ao punto de co tempo (1957) levar o seu nome a embarcación que a tal cometido se dedicaba.
      Se non for no peirao, moitos galegos xa se instalaban na propia Cidade Vella, primeiro como dependentes, despóis como donos de almacenes e boliches, isto ata ben entrado o século XX. Almacén é o equivalente ao ultramarinos español. Boliche denomina unha vinería, que tamén podía facer parte do almacén (logo se chamou baar ou bar). A pulpería viña a ser un almacén e boliche, todo en un, no medio rural.
     (Como non lembrar a un almacenero eminente, ao que lle quedaba pequeno o negocio, cal foi D. Antón Crestar Faraldo, un culto activista fundamental do galeguismo nesta beira do Prata, que nos anos 80 foi homenaxeado no seu Miño natal: ideas suas foron as Xornadas de Cultura Galega -desde 1956- ou o encargo da cabeza de Castelao que acabou instalada en Rianxo, pola primeira volta na nosa terra. Como exemplo de bolichero venme ás mentes Manolo Touriño, de Agudelo-Barro, ao que o lexendario cantautor Alfredo Zitarrosa lle dedicou unha peza, na que intercala anacos en galego tales "Polo rio abaixo vai"... ou "Tua nai non o ten"...).
De 1931 é este bar fundado polo galego Jesús Tasende
     Moreas de boliches esquineiros, dos que ainda resta un comprido número, marcaron a vida dos montevideanos: difícil era que tras do mostrador (ou estaño) non estivese un pachorrudo galego. E os nomes de onte e de hoxe, quer do apelido, quer da aldea do dono, así o cantan: Outes, Don Trigo, Castrobó, Facal, Torrado, Coristanco, Tasende, Añón, etc., etc. Aí se cataba e cata a grapa (italianismo que se impuxo ao noso augardente ou oruxo), grapa con limón; mais tamén a cana brasileira, amén da infinita gama de beberaxes de toda caste... isto sen saírmonos do consumo tradicional e enxebre.
     
     Nota extemporánea: "El lunes remata Taibo/ y cuando Taibo remata/ todo el mundo gana plata" (rematador ou martillero: subastador de toda clase de enseres; o anuncio é histórico).

sábado, 2 de febreiro de 2019

Illamento social


                


     Onde queda aquel cemiterio de aldea, que tanto botaba de menos o esqueleto do ollo de vidro, de Castelao, porque ó menos alí, arredor da igrexa, xuntábanse cada domingo os veciños a falar e o finado podía pórse ó día cos acontecementos da veciñanza, mentres que nun de cidade os finados viven illados, anda cada un á súa, e non participan das vicisitudes dos paisanos. Por iso mesmo é tan estimulante cando, paseando por unha das chamadas “rotas do colesterol”, encontramos amigos ou veciños que por algunha razón non acostumamos a ver nos locais máis usuais de encontro, tal o bar ou o adro da igrexa, e o paseo que noutras ocasións dura unha hora (a mínima cantidade de tempo recomendada polo meu médico de familia), a andaina, ou máis ben a duración do paseo, pode estenderse por máis de dúas horas. O que vén demostrar o illados que vivimos a pesar de que os medios de comunicación nos fan chegar antes a noticia dun caiuco perdido no medio do mar ca o regreso do noso veciño dunha campaña pesqueira.
     Botamos en falta a comunicación directa, a necesidade de reunirnos, de verlle a cara ó noso interlocutor, e por iso se fan tantas ceas de antigos alumnos, amigos do barrio ou compañeiros de mili, pero despois de expiarnos en saúde e logros volvemos a esa reclusión premeditada sobre a que, sen embargo, veño de saber que foi tan fundamental na evolución como o ser gregario, segundo apuntan uns investigadores escoceses, deixando claro que os animais que se apartan da manada poden desenrolar funcións que melloran a especie, non sei se por cavilar en paz, por evitar as críticas de prólogo ó seu labor ou por non seguir a norma (rariños hóuboos sempre, chámese san Xerome, Galileo ou Newton).  Algo que, na miña experiencia, faime lembrar, asemade, a aqueles veciños túzaros e insociables, que responden ó saúdo cun único movemento de cabeza, que expían desde detrás das cortinas a quen vén ou quen vai, ou que se fan os despistados cando se encontran con alguén; pero tamén a aqueles outros que na súa aparente soidade melancólica ou de romántica cavilación atraen a curiosidade do sexo oposto. A soidade dá para todo.

     Sempre se pensou que se evolucionamos foi porque nos relacionamos, e quen non ficaba extinguido, que se temos xenes de neandertais é porque o sapiens tampouco andaban con melindres racistas, porque intercambiamos opinións e habilidades ou nos axudamos nas faenas cotiás. Aínda así tamén recoñecemos que moitas veces sentimos a necesidade de que non nos molesten, de recluírnos, esquecernos de todo canto nos rodea e ficar paspando, algo que estes investigadores escoceses, como queda dito, valoran como un proceso positivo no campo evolutivo, comparándoo (ou poñendo de exemplo) coa  actividade dun sapo australiano, cuxo macho se arreda de todos procurando unha vida de ermitán en novas e arredadas rexións, para facerse o interesante e atraer ás femias da contorna co fin de estender a súa especie e conquistar por medio da descendencia novos territorios e lugares de expansión. O que me lembra aquela pasase da haxiografía de san Simón o Estilista, quen sabendo de que pé coxeaba, tíñalle prohibido ás mulleres acercarse a onde el meditaba sobre unha columna, e cando unha devota fan se lle acercou procurando a súa beizón, botoulle tal sarta de pestes que a pobre seareira morreu do desgusto.
     Pola miña parte seguirei asistindo ós parladoiros tabernarios sempre que me sexa posible.