O Curmán de Undochán
Non me queda
outra que tornar ao mar! (Será a miña afeizón que me fai dicir que, así sexa
París, unha cidade sen mar non me serve). Esa mar océana que fica 130 km. ao
leste desta capital, onde as convencións xeográficas determinan que o Río da
Prata (nome, por certo, que lle daban e dan os lusobrasileiros) remata no
acidente xeográfico onde se asenta a
cidade de Punta del Este que, con Mar del Plata (Arxentina) e Viña del Mar (no
Pacífico chileno), conforma a triada dos balnearios do chamado Cono Sul. O
océano uruguaio, pois, chega ata os límites co Brasil.
O porto de
Montevideo está ao norte da Cidade Vella. E nel xa marcaron presenza os galegos
decimonónicos, formando na colla de estibadores (pandilla de changadores). Mesmo no aspecto estritamente marítimo,
famoso foi Benito Borrazás (Coruña, 1854), capitán que dedicou longos anos ao
salvamento de náufragos, ao punto de co tempo (1957) levar o seu nome a
embarcación que a tal cometido se dedicaba.
Se non for no peirao, moitos galegos xa se instalaban na
propia Cidade Vella, primeiro como dependentes, despóis como donos de almacenes e boliches, isto ata ben entrado o século XX. Almacén é o equivalente
ao ultramarinos español. Boliche denomina unha vinería, que tamén podía facer
parte do almacén (logo se chamou baar ou bar). A pulpería viña a ser un almacén e boliche, todo en un, no medio
rural.
(Como non
lembrar a un almacenero eminente, ao
que lle quedaba pequeno o negocio, cal foi D. Antón Crestar Faraldo, un culto
activista fundamental do galeguismo nesta beira do Prata, que nos anos 80 foi
homenaxeado no seu Miño natal: ideas suas foron as Xornadas de Cultura Galega
-desde 1956- ou o encargo da cabeza de Castelao que acabou instalada en Rianxo,
pola primeira volta na nosa terra. Como exemplo de bolichero venme ás mentes Manolo Touriño, de Agudelo-Barro, ao que
o lexendario cantautor Alfredo Zitarrosa lle dedicou unha peza, na que
intercala anacos en galego tales "Polo rio abaixo vai"... ou
"Tua nai non o ten"...).
De 1931 é este
bar fundado polo galego Jesús Tasende
|
Moreas de
boliches esquineiros, dos que ainda resta un comprido número, marcaron a vida
dos montevideanos: difícil era que tras do mostrador (ou estaño) non estivese un pachorrudo galego. E os nomes de onte e de
hoxe, quer do apelido, quer da aldea do dono, así o cantan: Outes, Don Trigo,
Castrobó, Facal, Torrado, Coristanco, Tasende, Añón, etc., etc. Aí se cataba e
cata a grapa (italianismo que se impuxo ao noso augardente ou oruxo), grapa con
limón; mais tamén a cana brasileira, amén da infinita gama de beberaxes de toda
caste... isto sen saírmonos do consumo tradicional e enxebre.
Nota extemporánea: "El lunes remata Taibo/ y cuando
Taibo remata/ todo el mundo gana plata" (rematador ou martillero:
subastador de toda clase de enseres; o anuncio é histórico).
Ningún comentario:
Publicar un comentario