mércores, 7 de xuño de 2023

UN PORTUGUÉS EN GALICIA (I)

Por Pepe de Rocaforte

 No ano 1886 o xornalista e político portugués Inácio Francisco Silveira da Mota, da Academia Real das Sciencias de Lisboa, fixo unha viaxe polas principais cidades galegas, da que deixou constancia nun libro titulado “Viagens na Galliza”.


Armado dunha “Guía de Galicia”, de Cesáreo Rivera e Víctor M. Vázquez, publicada en Madrid en 1883, o viaxeiro chegou a Vigo nos primeiros días de maio de 1886 co desexo de «coller ideas e sensacións novas, ver terras descoñecidas, asistir a estraños espectáculos e ampliar dalgún xeito a existencia».

«Visiten outros as capitais florecentes dos grandes imperios, as ruínas das famosas cidades, que o decurso dos tempos devastou», di Silveira da Mota. «Desta vez eu só podo peregrinar aquén dos Pireneos. Em pobres, humildes terras  que os viaxeiros desdeñan». Os propósitos parecen dicir que “estaban verdes”.

A pesar destas sospeitosas palabras, o viaxeiro confésase inimigo da «soberbia e malévola presunción con que en xeral os estranxeiros, e sobre todo os ingleses, avalían, entre nomeadas e calumnias, as institucións, os costumes, as letras, a ciencia, as artes, a nobre e gloriosa historia das dúas nacións da península». Algo que a el nin lle pasaba pola imaxinación.

Os primeiros contactos co noso país empezaron en Vigo, cidade que causou boa impresión en Silveira, especialmente o Paseo de Alfonso XII, «grandioso comezo da estrada de Baiona, frondosa alameda desde onde se avistan en panorama fascinador as augas da ampla baía».


O Areal e a Ribeira, co seu labirinto de «calellas estreitas, escarpadas, sombrías, sucias, tortuosas, que poden equivaler en pequena escala á rede de travesías e calellóns sen saída do noso barrio de Alfama», non ofreceron ó viaxeiro edificios «que polo valor artístico ou polas recordacións históricas merezan particular atención».

Así e todo estas zonas «ofrecen tamén curioso espectáculo polos seus diversísimos aspectos. Aí congostras en zig-zag, rúas angostas, escuras e lamacentas desembocan xa en prazas aseadas; e por entre o vulto de humildes cacharufos de mariñeiros e pescadores, campan casas e palacios, que van paso a paso transformando a poboación antiga na moderna, e substituíndo á vila, que no século pasado contaba pouco máis de mil habitantes, pola cidade populosa e próspera, que hoxe existe.

Unha noite na que a lúa fulxía nun ceu sen nubes, Silveira sentiuse invadido por «un turbillón de afectos grandiosos e simpáticos» ó contemplar as vacilantes sombras producidas pola foresta de mastros e antenas dos barcos ancorados nos peiraos, entre o faiscar das ondas, na soedade, o silencio e a tranquilidade das formas vagas das montañas que se perdían na extensión do horizonte, alá por onde rutilaba ó lonxe a luz dun faro nas Illas Cies.

O 14 de maio, día de mercado, tivo o viaxeiro ocasión de ver algúns respectables exemplares do antigo traxe galego «desterrado hai moito tempo das cidades e das vilas». E chamou sobre todo a súa atención un muiñeiro tocado cun casquete adornado con dúas plumas de galo, e unha labradora, robusta, “mal cepillada e avermellada”, ataviada cunha cofia de malla branca, lazos e fitas de seda escarlata, colete de pano verde, manteo cor de tabaco e unha saia de percal, mostra «do poderoso influxo da moda na corrupción de usos, hábitos e costumes ata das propias razas montañesas».

 (Continua).

 

sábado, 3 de xuño de 2023

Murguía e Vicetto

 

        

 
Vicetto publica Los hidalgos de Monforte, en 1851, en Sevilla, onde por eses anos vive e traballa, e cando os ecos desa novela de ambientación histórica lle chegan a Murguía, principia entre eles unha profunda amizade epistolar na que chegan a tratarse de irmáns,

e se un non usa ese termo o outro recrimínao con amabilidade, en razón a que a idea literaria de ambos parece seguir un mesmo roteiro. Vicetto chega a dicirlle que hai unha misión de martirio para os dous, pero tamén que non hai gloria sen sacrificio, tanto que proxectan escribir unha magna historia de Galicia. Logo, cando Vicetto, con 32 anos, se traslada á Coruña, recibirá a visita dun Murguía de 23, que chega de Madrid cos primeiros éxitos (e co orgullo) baixo o brazo, pero ese primeiro encontro parece ser que foi algo decepcionante.

Murguía danos a entender que a decepción veu cando o ferrolán apreciou a súa baixa estatura, pero se atendemos ó que un e outro deixaron escrito, podiamos pensar que a razón principal foi unha cuestión de liderado competitivo. Un era dez anos maior e o outro un mozo moi envaidecido. Non se nos escapa que, naquel encontro e nas cartas que se escriben, Vicetto aconséllalle que se busque un traballo do que vivir, que o periodismo e a literatura, por moi nobres que sexan, non lle van dar de comer. Entendemos que Vicetto veu dicirlle que ata esa tivo a sorte de contar coa axuda da familia, que era un consentido e xa era hora de que se buscase os seus propios ingresos. Anímao a que fale cos amigos de Madrid, que poden buscarlle un emprego; pero o orgulloso Murguía non entendeu o consello que viña, precisamente, dun home que se fixo a si mesmo, orfo de pai ós dous anos e de nai ós quince, tras o cal deixa a escola de garda mariñas do Ferrol para ingresar no exército durante a primeira guerra carlista. Publica con vinte anos a súa primeira novela e ós 26 deixa o exército para ser funcionario de prisións. Sempre con un salario que lle dá liberdade para escribir sen dependencia.

Certo que Murguía tamén viña de acadar o seu primeiro éxito como novelista e non lle faltaban periódicos onde escribir, pero o consello de Vicetto era o dun amigo e el non o entendeu. Pouco a pouco fóronse arredando, tanto, que Vicetto chega a referirse a el como o señor Martínez, a sabendas de que Murguía sempre evitou o apelido paterno, e acabarán escribindo, cada un, a súa propia Historia de Galicia, en cuxos prólogos se acusan de falta de rigor ou de prosa pouco elegante.

Tras a morte de Vicetto, o 28 de maio de 1878, Murguía vai telo presente no seu libro Los precursores (1886), lembrando dende a primeira liña as discrepancias co outrora amigo, que, segundo di, nunca foron inimigos. Pero tampouco ben levados.

Con todo, pódese dicir que Murguía foi o biógrafo de Vicetto, a quen describe como un tipo alto e ben parecido, pero tamén como “el hombre más débil que he conocido”. E non é certo, se temos en conta a súa traxectoria militar e de funcionario, tanto de oficial de prisións como de intendente da fábrica de moeda de Xuvia ou director do Diario de La Coruña,

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia)