sábado, 11 de maio de 2024

Ler en galego

 

 

                 

Ler supón un esforzo que só se vence co costume. Todos escoitamos desculpas para non ler, dende que lle doen os ollos ata ter que cambiar as gafas. A máis rara que escoitei foi a de non ter tempo. En troques quen ousa empregar algúns minutos na lectura cada día non soe dar escusas tan pouco cribles.

Cando o asunto é sobre ler en galego, o subterfuxio dos pouco lectores ampárase en cousas tan absurdas como que non entenden o galego moderno, e entón un non sabe que dicir, pois mentres hai quen pensa que recuperar o idioma que nos é propio é un retroceso que nos devolve ó século XIX e só serve para entendernos con catro vellos que non tiveron escola, outros aconsellan que mellor sería que escribísemos todos en castelán porque hai máis mercado. Non paga a pena discutir con ninguén da riqueza dun idioma, aínda que sexa tan minoritario como o Yuchi, unha lingua que, hai quince anos, só a falaban cinco anciáns nativos de Oklahoma. Imaxinádevos que é dela hoxe.

Cando unha lingua está en risco (e o galego estao) necesita dun compromiso de defensa, dun uso constante e diario na educación, nos negocios e nos medios de comunicación, o cal non significa que non se aprendan os outros idiomas cos que convivimos. Tamén é necesario recoñecer as distintas variantes fonéticas e de vocabulario que cada bisbarra ten. Pero o apoio principal é recoñecelo e usalo. Aínda lembro a un amigo que me confesaba, cando andábamos a mocear, que non sabía dicir palabras de amor en galego, de tan acostumados que estábamos a oír só as das películas. E non creo que sexa só cousa miña que, cando miramos unha película mexicana, se nos escapen moitas frases pronunciadas baixo os acentos propios. Sen embargo iso non evita que leamos a autores suramericanos aínda que de cando en vez teñamos que botar man dun dicionario para saber que son os “gallinazos” ou a “frazada”.


Cada bisbarra ten as súas variantes, e se a min me sinalan o uso da gheada, o seseo, o cheísmo ou as terminacións en “in” dalgúns verbos, tamén a nós nos parece raro que en Ourense lle chamen “mao” á “man”, o cal non nos impide ler e falar con ourensáns sen atrancos.

Lembro isto porque son moitas as persoas que, sendo galego falantes de toda a vida, din que non len en galego porque non o entenden, e entón, cando presumen de que, a pesar diso son bos lectores, pregúntolles se leron algunha vez a Aldecoa ou a García Márquez sen botar man dun dicionario, por non falar dos escritores do barroco e sen contar con autores como Valle-Inclán, que se permitía o luxo de inventar palabras e todos llas entendemos.

Podemos admitir a desculpa, pero non que se culpe a outros das nosas faltas. Todos os idiomas teñen formas dialectais que o mesmo contexto dunha frase xa nos aclara sen necesidade de perder o tempo consultando Google.

 Teño a sorte de coñecer a señoras hoxe xubiladas, que deixaron a escola cando souberon as catro regras e garabatear o seu nome, que se animaron a ler en galego e non din nada diso de que non o entenden, e incluso teñen autores preferidos que devoran e degustan con verdadeiro pracer.

 Francisco Ant. Vidal 

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia),


xoves, 9 de maio de 2024

PAUL AUSTER E SIRI HUSTVEDT

 


Por Pepe de Rocaforte

Paul Auster non foi precisamente un autor por quen eu sentise unha grande admiración. Xa antes de ler algunhas obras súas, que tampouco foron moitas, me sentía escasamente atraído pola súa imaxe, polo menos a imaxe que se vía nos artigos de prensa e nas fotografías relacionadas con el.

O primeiro libro seu que lin foi, se non me engano, “Leviatán”, que contén boa parte dos desenvolvementos máis típicos, e máis tediosos, do autor, onde atopamos a Peter Aaron (P. A.), o narrador, quen ó ter coñecemento da morte en estrañas circunstancias do seu amigo Benjamin Sachs, anteriormente activo loitador contra a guerra de Vietnam e autor dun libro de mocidade co cal, durante algún tempo, se convertera en autor de culto. Así comenza “Leviatán” a historia da amizade que unira a ambos escritores, Peter e Benjamin, amizade que acabaría marcando fondamente as súas vidas. Con este libro Auster ganou o “Premio Médicis” á mellor novela estranxeira publicada en Francia en 1993.

Tal vez unha das súas obras máis apreciadas fose “A triloxía de Nova York”, cuxos dous primeiros relatos, “Cidade de Cristal” e “Fantasmas”, non me chamaron particularmente a atención, aínda recoñecendo o seu atractivo, e a pesar da lectura doada que ofrecían, non me convenceron. A Juan Bonilla, autor do prólogo á “Triloxía” na súa edición castelá, nun texto que agora non atopo por ningures, linlle que algúns fragmentos deste libro facíanlle lembrar o “Molloy” de Samuel Beckett, opinión que comparto. Semellanzas curiosas que puiden observar , como as doutros varios fragmentos, probables axudantes no labor de formar en min unha opinión contraria.

E falo de semellanzas curiosas como aquela na que o narrador se pregunta: “¿que pasaría se, chegado a unha bifurcación na vida, en lugar de escoller este camiño, tivese seguido o outro?” Ou o desencadeante dunha acción por parte do narrador, a partir dunha chamada telefónica equivocada, fragmentos ambos que me parece ter lido noutros libros e escritos por outros autores.


E xa que me estou metendo en fariña, outro detalle moi común: o título da novela “Diario de inverno”, publicada en 1989, é idéntico ó doutra novela, dun autor galego, publicada en 1988. En fin, que como dicía aquel escritor de quen agora non lembro o nome, “nesta vida xa todo está escrito, incluído esto que acabo de escribir, naturalmente”. Así que falando de autor norteamericano e autor galego, tamén podería citar unha novela de aventuras do norteamericano, e outra novela de aventuras do galego. Máis curioso porque ningún destes autores escribira antes (nin despois) libros de aventuras.

E seguindo co tema das coincidencias curiosas, non está mal a dun autor atopar, nun medio de transporte público, unha descoñecida lectora dun libro seu. Curiosa, pero moi posible en realidade.

Chegado aquí vou parar nesta historia. E se vostede se pregunta que pinta logo o nome de Siri Hustvedt, direi que era dela de quen me propoñia escribir hoxe, pero chegado a este punto, paréceme mellor deixar o tema desa gran escritora, viúva de Auster, para a próxima ocasión con máis tempo e espacio. ¡Boa fin de semana!



sábado, 4 de maio de 2024

Bágoas

 


Chorar non é malo, o malo é ter que chorar, aínda que moitas veces o motivo sexa algo banal, coma cando estamos vendo unha película ou lendo un libro e nos emociona o que alí se conta, facéndonos brotar esas bágoas que nos refrescan a sensibilidade.

Xa sabemos o que nos van dicir os fisiólogos, que as bágoas son unha defensa do corpo, tanto para limpar os ollos como para alixeirar emocións, pero tamén son o desafogo da rabia e da angustia, da impotencia e da resignación, por iso nos entristecen tanto aquelas persoas que nunca choran como as que soltan o que damos en chamar bágoas de crocodilo, esas que caen sen dor nin pena, por puro finximento, símbolo de hipocrisía, como as que o animal derrama involuntariamente cando está devorando un antílope, tan só porque as mandíbulas do réptil comprimen os lacrimais, algo moi parecido a cando nós choramos de risa. Pero as bágoas de verdade, acompañadas polo xeral de beizos caídos e suspiros, son as que o corpo libera para amolecer a dor.

A ver quen non derramou unhas bágoas algunha vez. Incluso os varóns máis duros ante un acto de rabia ou de impotencia volven a cara para secar os ollos. Outras veces, a tristeza é tan grande que a sabedoría popular xa admite iso de que se lle secaron os ollos, cando a carraxe, a angustia ou a mágoa está tan metidas dentro de nós que o tomamos como algo natural, resignados a convivir coa dor.

Aí atrás saíu a noticia de que as bágoas teñen un olor que inflúe no comportamento camorrista, reducindo a agresividade, pero éme difícil de crer, a pesares de que sempre se lle dá máis valor a todo cando vén asinado por un grupo de científicos. A noticia falaba duns investigadores israelitas que observaron nun grupo de ratos como moderan a súa agresividade cando olen as bágoas das femias. Trasladando o experimento ás persoas comprobaron que os homes tamén diminuían a agresividade se ulían unhas bágoas femininas, incluso en xogos de mesa ou en campos de deporte.


E fáiseme difícil de crer porque daquela deberíamos ver algunha mostra de arrepentimento nalgún dos violentos machistas que cada pouco nos asaltan nos medios de comunicación, incapaces de refrearse, de ulir ou de sentir nada, por moito que a vítima bagulle despois da primeira trompada; a non ser que falten por demostrar os efectos secundarios dunha sobredose de pranto, que dexenere niso que se vén dando en chamar un corazón de pedra.

O mesmo feito de que fose un grupo de israelitas quen sacaron estas noticias é o que non me deixa darlle moito creto, pois, moi mal deben estar as pituitarias dunha boa parte dese país para non ulir a cantidade de bágoas que solta a poboación palestina. Ou talvez sexa que xa non teñen narices para sentir a dor allea.

A outra posibilidade é que sexa tan grande a dor dos gazatís, que tamén a eles se lles secasen os ollos.

E atención a iso que xa sabemos: que as bágoas dun neno só son a semente da ira e da vinganza. Que o moito pranto crea seres insensíbeis, resignados e dispostos a acadar os seus propósitos sen portar pola dor allea.

 

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbaanza de La Voz de Galicia).

sábado, 27 de abril de 2024

Alcumes e sambenitos



Lembrábamos estoutro día a crítica pretendidamente burlona e de ridiculización que fixo certo afamado académico da lingua española, quen, preguntando en Compostela por un enderezo contestáronlle con outra pregunta. Segundo el, iso de responder con outra pregunta era un sinal de identidade galego. A min quédame a dúbida de se non sería que el non preguntou con claridade, que non se expresou debidamente e o preguntado necesitaba máis información. Pero como o chiste era doado, non tardou o señor académico en poñer sobre papel a súa experiencia levando a ascua á súa sardiña.


Non hai pobo, aldea ou nación que se libre dalgún sambenito que lle colgan como sinal identificativo, como ás persoas lle colgan algún alcume. Aquí temos ós cataláns por agarrados e ós andaluces por graciosos, dicimos que os de Noia son zapateiros e os de Ribeira caixeiros, e nin todos os noieses lle daban á subela nin os ribeirenses roubaban a caixa das ánimas como fixo alguén que lle deixou o adeallo ese ós seus veciños. Hai uns anos todos os vascos eran etarras e agora todos os cataláns son independentistas, só porque as voces máis altas nos falen dun grupo que se fai oír sobre o resto da poboación.


Os mesmos apelidos foron no seu día alcumes e sambenitos, e aí temos Ferreiros, Blancos ou Capeláns para sinalar defectos físicos, oficios ou lugares de procedencia. Xa en tempo dos romanos, personaxes que pasaron á historia, como Cicerón, de nome Marco Tulio, recibiu o alcume por mor dun vultiño parecido a un garavanzo que tiña no nariz; e Nasón, de nome Ovidio, recibiu este apelido por mor do enorme nariz con que engalanaba a cara.

Tras a segunda Guerra Mundial todos os alemáns eran un malditos nazis, e ninguén se lembraba de grupos como a Rosa Branca que dende a mesma Alemaña loitaba contra os abusos do réxime, e moitos dos seus membros, por defender xudeus, acabaron na guillotina tras un xuízo sen dereito de defensa. A memoria é así de esquecediza.


Podes non coñecer O Grove, pero se un antepasado teu naceu alí hai douscentos ou trescentos anos, seguirás sendo Meco de por vida, e se ese antepasado naceu en Vilanova serás Repoleiro aínda que non che guste o repolo. Outros alcumes veñen de ter na familia a alguén con un nome pouco común, deses que nunca sabes cando é a súa onomástica, e así coñecemos a un Micaelo e a unha Nemesia, descendentes de alguén que levou tales nomes, porque unha das propiedades dos alcumes é que teñen xénero, así un Carpinteiro pode ter unha filla Carpinteira, e unha Costureira pode ter un fillo Costureiro aínda que no saiba enfiar unha agulla.

Os alcumes e sambenitos son unha marca de identidade, case sempre para recordar algo que, na maioría das veces só é unha anécdota, ou simplemente pola gracia que fai un nome mal pronunciado, como o dos Picheleiros de Santiago, dedicados a traballar o latón, a quen lle trocan o “e” por un “o” con claras intencións venéreas. Ou como aquela maneira de xeneralizar a conducta de toda una vila ou cidade, dicindo que mentres Vigo traballa, Santiago reza e A Coruña pasea, o mesmo que se dicía, na mesma orde, de Ribeira, Palmeira e a Pobra.


Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

sábado, 20 de abril de 2024

Bicos e morreos

Hai que ter moi mala memoria para non se lembrar dese noso primeiro bico, compartido e desexado, que quen máis e quen menos deu case na clandestinidade e logo nos quitou o sono. Esa ansia adolescente que se rememora durante toda a vida e nos fai soñar con un tempo sen volta. Aquelas promesas de amor eterno, polo que faciamos nosos os versos de Bécquer cando non sabía o que lle daría á súa amada por un bico.

Ninguén me sabe dicir por que son os bicos o preámbulo do amor, como a sinatura e acordo do mesmo, como tampouco me saben dicir por que dexenerou nunha forma de impoñer submisión, de abuso de poder, de botín de ladrón, como aquel do poema de Benito Losada que se xustificaba con que, como na cara llo deixara, non era roubo, e aínda pedía con todo descaro “vén, que aquí estou, e róubame outro a min” que tanto nos recorda a recentes acontecementos da maior vileza machista.

O que ninguén pode asegurar é como naceu esa idea de bicarse nin como evolucionou ata o morreo. Xulio asegura que os primeiros bicos eran lambetadas entre nais e fillos, unha maneira de lavarlle a cara ou de pasarlle a comida mascada como fan as gavotas cos poliños, que dalgunha maneira iría evolucionando ata converterse nun aloumiño de beizos e mostra de cariño e afecto. Os rusos danse tres bicos cando se saúdan, nós bicamos na fronte ós anciáns, na meixela ós parentes e nos beixos ás e ós amantes. Pero os bicos tamén son símbolo de traizón coma a de Xudas

Dise que antes de que Alexandre Magno chegara á actual India, a este lado do Mar Negro non se sabía dos seus praceres. Pero o Magno morreu tres centos anos antes de Cristo e Homero, catro centos anos antes ca el, xa nos falaba dos cariñosos bicos de afecto.


Andando o tempo, aquel costume que xa se usaba na India máis de dous mil anos antes da nosa era, pasou a tomar o valor dun obxecto a posuír pola forza, como quen procura con el o triunfo do seu poder, nada que ver con ese cadro de Gustav Klim, que tanto se pode contemplar en vertical como en horizontal, de pé como deitado, ou aquel bico de Rodin, que nos mostra ós amantes envoltos nun cariñoso e compartido abrazo sen submisión.

Do afecto ó abuso hai un paso. Celebrar unha vitoria con un bico roubado só é un abuso de aproveitado, de sometemento, como foi aquel que o fotógrafo Einsenstaedt captou entre un mariñeiro e unha enfermeira na celebración do final da Segunda Guerra Mundial, que Greta Friedman, unha austríaca refuxiada do nazismo, con quen todos concordan que era a verdadeira protagonista daquela escena, só lembraba que o mariñeiro era moi forte, apertábaa moito e para nada foi un momento romántico. Non, ningún roubo é romántico e esa famosa foto, que para moitos celebra a vitoria contra o nazismo, tamén denuncia o que durante séculos foi unha constante en todas as contendas, dende Troia ata os abusos dos máis recentes conflitos bélicos, onde a muller é o ser máis vulnerábel e sometido polos vencedores.

Recoméndovos A historia, unha fermosa novela da italiana Elsa Morante.


Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia.)