xoves, 26 de novembro de 2015

Dúas rulas namoradas



Dúas ruliñas namoradas, as cabeciñas xuntas, o peteiro ocupado nalgún froito do seu paraíso. As rulas sempre foron o símbolo do amor e da fidelidade, porque se supón que a parella de rulas nunca se divorcia nin se enganan entre si.
¿Que estas da foto poden ser pombas?. Pois tamén, á fin ambas son da familia. Como poden ser outro tipo de aves, e incluso, como non se lle ve peteiro algúns dirán que son monstros, pero para min (perdoen os puristas) son ruliñas humanizadas, esas que cando se fan as beiras danzan no ceo con estrondoso bater de ás, que acotío vexo pousadas nunha póla, as dúas namoradas, pegadiñas e cariñosas coa cabeza rozándose, contándose cousiñas, como se ningunha forza do mundo puidera endexamais arredalas, nesa pose tan amorosa que ata forma un corazón. 
E por esta fidelidade amosada, elas foron escollidas pola igrexa como símbolo da unión dos fieis, de perpetua lealdade, pero tamén para exemplificar ós matrimonios e que non se traizoen.
¿Entendedes ruliñas e ruliños?

mércores, 25 de novembro de 2015

OLIVENÇA



Por Pepe de Rocaforte
            De novo Xosé Luís Méndez Ferrín me dá pe para unha colaboración nesta páxina co seu artigo do pasado sábado en “La Opinión”, titulado “Havemos de ir a Olivença”.
Estiven por primeira vez en Olivença un día de forte calor do mes de xullo de hai cousa duns vinte anos, despois de percorrer, en paralelo á fronteira, vintetantos quilómetros dunha estrada infernal  desde Badajoz      .
Fun para coñecer aquel Xibraltar arrebatado a Portugal en 1801, na “Guerra das Laranxas”, e se me levasen cos ollos tapados e me deixasen no medio da “Plaza de España” oliventina, crería atoparme nunha vila portuguesa. Logo, ó percorrer as rúas do centro e ver a casa do concello, antigo pazo dos Duques de Cadaval, co escudo das quinas sobre unha porta manuelina, ou a Praza de Santa María, entre o castelo e a igrexa, ou os azulexos da capela da Santa Casa de Misericordia, ou a igrexa da Madalena, afirmaría xa sen dúbida estar en Portugal.
Pero ó falar coa xente xa cambiaba a música. Uns mozos cos que parei a conversar, moduladores dun perfecto sotaque extremeño, afirmáronseme orgullosos de ser españoles y muy españoles, sen unha mínima fírgoa de emoción lusitana, a pesar de bastantes apelidos reveladores da súa orixe portuguesa, e do moito portugués que aínda escoitei entre os xornaleiros desocupados que mataban o tempo nos bancos da praza á espera de quen os viñese contratar para algún traballo eventual.
Aqueles mesmos mozos encargáronse, así e todo, de buscar e presentarme a Joaquim António Fragoso Da Silva, segundo eles o único partidario da reintegración a Portugal da vila oliventina. Certo que Fragoso Da Silva, aínda que residente en Montitero, é natural de Monsaraz e conserva con orgullo a súa nacionalidade portuguesa.

            Segundo el aínda hai bastantes oliventinos, hoxe de cincuenta e tantos anos para arriba, falantes de portugués, pero constataba o case total abandono do idioma por parte da xente nova e tense queixado en reiterados artigos publicados en Portugal –“O Despertador” de Elvas, o “Jornal de Notícias” e o “Correio da Manhã”, de Lisboa- do esquecemento en que teñen a Olivença os responsables da cultura no Goberno portugués.
Fragoso Da Silva obsequioume cun libro da súa autoría, “O Regimento de Cavaleria nº 3 – Dragões de Olivença”, onde refire a historia do Rexemento que de 1742 a 1801 defendeu a praza, e díxome non ter perdida a esperanza de que un día desapareza a raia e Olivença se reencontre co mundo ó cal pertenceu durante máis de cinco séculos, desde que os reis Don Dinís de Portugal e Fernando IV de Castela firmaron o Tratado de Alcañices. Pero toda a xente con quen falei, agás el, dinme ver eso como practicamente imposible.
Logo quéixanse aquí da nula vontade dos xibraltareños para se reintegrar a España. Melillenses e ceutís, o mesmo que os oliventinos con Portugal, néganse a que as súas cidades sexan cedidas a Marrocos. ¿Non si que a cousa a verían de xeito distinto se a posibilidade de cambio fose a favor dunha nación para eles “con maior prestixio”?

luns, 23 de novembro de 2015

Esmoleiro de san Vitorio en Begonte



Entre os curiosos esmoleiros que atopamos por Galicia adiante, saíndo de Begonte camiño de Cospeito, e case no límite do municipio, atopamos este dedicado a san Vitorio, un santo que ten capela en Damil, a onde os romeiros acoden a facerlle festa na fin de semana anterior ó 14 de maio, para pedirlle a curación das afeccións da pel, sobre todo a sarna, e saúde para os mozos que han (habían) de cumprir o servizo militar.
A imaxe que se garda no esmoleiro fala por si soa da devoción popular, onde máis importante que a beleza é a presencia do santo. E se ben non podemos asegurar a cal dos moitos santos con tal nome pertence, optamos por dous candidatos: o de Le Mans e o de León, porque do de Le Mans leva o hábito de diácono e do de León a palma do martirio e os lirios da pureza.

Sabemos do primeiro que viviu no século V, e din as haxiografías que era un subdiácono, casado e pai dun cativo, que en certa ocasión se atopou con san Martiño de Tours, quen tendo vacante a sede episcopal de Le Mans, lle propuxo a el ocupala. E e dito e feito, no mesmo día que el tomou ós hábitos, a súa muller entrou nun convento e o seu fillo foi bautizado.
Do de León, cóntase que era un dos moitos fillos que tivo san Marcelo, e que durante a persecución de Diocleciano foi torturado e condenado a morte por decapitación xunto con dous dos seus irmás.
Sexa un ou sexa outro, algo bo deben facer para que se lle teña tanta devoción.