xoves, 22 de marzo de 2018

BENJAMIN BUTTON E OUTROS CURIOSOS CASOS


Por Pepe de Rocaforte

     


            A semanas pasada falaba de certas coincidencias entre o conto “O neno suicida”, de Rafael Dieste, e o relato “Historia dun espello”, da escritora austríaca Ilse Aichinger. A raíz dese meu comentario, un amigo informoume de algo que a min se me esquecera, ou no seu día se me pasara: o curioso caso da película “O curioso caso de Benjamin Button”.
     Esa película, dirixida por David Fincher en 2008, que vin, pero da cal non me lembro ben, está basada nun conto de Francis Scott Fitzgerald, “O estraño caso de Benjamin Button”, publicado en 1922 e inspirado, segundo o propio autor, nunhas palabras de Mark Twain, quen seica dixo que a nosa vida sería máis alegre se nacésemos con oitenta anos e fósemos rexuvenecendo ata a idade infantil.


            Esta nova información faime pensar entón na posibilidade de que Rafael Dieste coñecese o conto de Scott Fitzgerald cando escribiu “O neno suicida” (recordemos: “O estraño caso” publicouse nos Estados Unidos en 1922, “O neno suicida” publicouse en Galicia en 1926, todo pode ser. Ou non ser).
            Pero como sucede co cesto das cereixas, tamén con motivo do meu comentario sobre a narrativa alemá do século XX, outro informante dáme noticia dos curiosos parecidos que atopou entre un conto de Jack London e unha historia referida no “Orlando furioso” de Ludovico Ariosto.
            Segundo este curioso lector hai un conto de London, titulado “Descrédito”, no cal se refire como un ladrón de peles no Ártico é feito prisioneiro, xunto cuns compañeiros, por uns nativos que os van torturar ata a morte. O ver a crueldade con que son torturados os seus compañeiros, o ladrón dille ó xefe da tribo que os apresou, que se o deixa vivo diralle a composición dunha menciña que aplicada a calquera parte do corpo pon a pel máis dura que o ferro, de tal xeito que nin coa arma máis afiada se pode cortar.

            O xefe acepta e permítelle ó prisioneiro ir recoller certas herbas e raíces, mesturalas, machucalas e cocelas en auga ata facer un xarope co que se empapa a caluga e todo arredor do pescozo. Dille entón ó salvaxe que probe co seu machado a cortarlle a cabeza e verá como é incapaz de o facer. O xefe ergue o machado e báixao con toda a forza. Resultado: o ladrón de peles é decapitado ó instante.
            Conclusión: aquel home temía por riba de todo as crueis torturas que lle acababan de ser aplicadas ós seus compañeiros e deste xeito púidoas evitar.
            Como digo, ou máis ben: como me din, no “Orlando furioso” cóntase unha historia case coincidente punto por punto. Vou tratar de ler ambas historias e xa lles contarei.

sábado, 17 de marzo de 2018

O vertedoiro celestial


 
Como se todo o ben viñese do ceo e non da terra que pisamos, sempre agardamos que el nos bendiga ou que del nos caia a sorte como o maná daquela vez. Pero iso non soe pasar. Pasou no bíblico deserto, e non sabemos se non sería unha licencia literaria coma tantas outras, porque do que do ceo nos pode caer todos temos algunha anécdota que contar, sobre todo se somos de porto de mar. E para exemplo de que non todo o que cae é bo, lembraredes o de Esquilo, que o pobre refuxiouse no campo precisamente para evitar contrariedades celestiais, tal vez confundindo o ceo cos balcóns ateigados de testos colgados nas rúas polas que andaba, e foille caer na cabeza unha tartaruga, un dos animais máis pegados ó chan que existen. Asemade, saberedes que o paraugas inventouse como medio protector e se do ceo caesen cousas boas os tellados terían forma de funil.
     Ninguén está libre da mala sorte, e agora menos, con todo ese reboutallo de ferranchos, motores, cables e chapas dos satélites artificiais en desuso que flotan abandonados á súa sorte arredor da terra, aproximándose perigosamente ós puntos en que alcanza a gravidade para traelos tal raios de Zeus que nos partan. E se ben cando son anacos pequenos, o roce coa atmosfera convérteos en diminutas estrelas fugaces que case nin se ven, doutros sabemos que cruzan por encima das cidades como bólidos provocando o pánico.
     O temor, estes días, para nós, galegos e portugueses do norte, é que nos caian os restos dunha estación espacial china co rimbombante nome de Pazo celestial, un laboratorio que tras escasos tres anos de funcionamento, no pasado 2016 quedou fóra de control e ameaza con caer nas nosas latitudes arredor do primeiro de abril, e este si que non é unha tartaruga. Pero tranquilos, din os expertos que as posibilidades de que colla a alguén pola rúa é moi baixa, de un entre un billón, mais aínda así aí está a probabilidade, como está que caia sobre o tellado dunha casa. (Inimaxinable).
           Deste caso sabemos porque o aparello é chino, e en occidente a tecnoloxía china ten peor fama que as aeronaves rusas na teleserie “Big Bang”. Con todo, o problema non é o fabricante, senón ese vertedoiro que temos sobre as nosas cabezas aínda que non o vexamos, e contra o que xa se levan feito moitas propostas para erradicalo, sen que ninguén se anime a dar o primeiro paso. Contra el advertiu Donald J. Kessler, un experto da NASA para quen o aumento dese tipo de desperdicios provocará un alto risco de accidentes nesa capa da atmosfera, tal vez a máis transitada polos satélites, que ó atopar tantos obstáculos no seu traxecto, aumentan en función exponencial a posibilidade de colisións e consecuentemente de máis refugallos sen control, algo que leva o nome de “síndrome de Kessler”. Un síndrome que vén sendo o contrario do tan coñecido de Dióxenes (quen por certo, promulgaba todo o contrario do que fan os que padecen tal trastorno). Neste caso a chatarra acumúlase por abandono e por desidia. Un descontrol no que non se poñen límites, porque a todos lles é moi doado mandar unha nave que nun tempo máis ou menos útil vai dar uns beneficios á compañía que a lanzou, pero logo, cando xa non é rendible, é máis barato cortar toda comunicación con ela e que sexa o que a gravidade queira e cando queira, unha verdadeira lotería sobre as nosas cabezas, o que nos demostra que tanto debaixo da alfombra como no espazo interestelar, o lixo é unha porcallada e un perigo.
(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición Barbanza de La Voz de Galicia)

xoves, 15 de marzo de 2018

NARRATIVA ALEMÁ DO SÉCULO XX


Por Pepe de Rocaforte
            Acabo de ler nestes días unha antoloxía da narrativa alemá do século XX, que máis ben debería titularse “Narrativa en Lingua alemá do século XX”, porque na escolma figuran autores suízos, como Peter Bichsel ou Max Frisch, austríacos, como Heinrich Waggerl e Peter Handke, e ata un grego, Vagelis Tsakiridis.
            Na antoloxía hai desde grandes vultos literarios sobradamente coñecidos, como Heinrich Böll, Peter Weiss, Max Frisch, Günter Grass, Peter Handke, a outros para min descoñecidos. Pero o que en maior medida me chamou a atención nesta lectura foi atopar puntos coincidentes  entre algúns relatos dos autores xermanos con outros relatos de escritores galegos, teima miña xa recorrente a de buscar estas similitudes. E non falo de plaxio, copia ou imitación, porque non teño ningunha dúbida de que tanto por unha parte como pola outra, as probabilidades de coñecemento dos textos similares son practicamente inexistentes.
            Sinalarei en primeiro lugar o conto “Historia dun espello”, da austríaca Ilse Aichinger. Nel a protagonista inicia o relato no momento da súa morte, cando o crego remata a oración fúnebre diante da súa tumba. Logo vaise sucedendo a súa vida cara atrás ata finalizar no inicio, ou máis ben na disolución, sen aparencia traumática, no seo materno.
            Creo que nin falta fai citar o relato de Rafael Dieste, “O neno suicida”, publicado en 1926. O conto de Ilse Aichinger é de 1954, pero parece improbable que a escritora austríaca coñecese o texto do autor galego. De calquera xeito, aínda que o esquema de ambas narracións sexa similar (a historia vista en sentido contrario), mentres o conto da escritora austríaca só é un exercicio de virtuosismo literario, por dicilo dalgunha maneira, o de Dieste é unha exposición do terrible que sería a existencia do home vivida ó revés.

            Outro conto, “O coche dos xudeus”, de Franz Fühmann, móvese arredor da circulación duns rumores que inducen a unha  determinada situación de pánico colectivo de consecuencias imprevisibles (ou máis ben totalmente previsibles para os inductores).
            No relato alemán unha nena chega á escola co rumor de que polas aldeas circula un coche amarelo no que van catro xudeus armados con longos coitelos en busca de nenos para matalos, sangralos, mesturar o sangue con fariña e comelos nas súas festas horribles. O narrador, un neno, de regreso a casa á saída da escola, ve vir un coche de cor parda rodando amodo cara a el. Ó se fixar mellor observa que a cor do coche, máis que parda, é amarela. Dentro van tres homes, só tres. Pero un debe ter baixado. Si, alí vén un que o chama. O rapaz dá a volta e fuxe á carreira. Ó día seguinte conta na escola a súa aventura, os compañeiros rodéano para oír a historia, el quere sobre todo fascinar a unha nena loira de cabelo curto, súa veciña. Pero precisamente esa nena rise del. Conta que o día anterior veu un tío seu visitar a familia. Acompañábano no seu coche pardo dous amigos e cando viron vir un neno pararon para lle preguntar onde quedaba a casa dos seus parentes e o neno escapou cheo de medo. Toda a escola se bota a rir, a nena loira a que máis, e o narrador vaise esconder nos retretes. Malditos xudeus, eles eran os culpables do seu bochorno, os culpables de todo. “¡Xudeus, xudeus, xudeus!... Eran culpables... Xudeus, xudeus, xudeus. Odiábaos”.
            O relato de Manuel García Barros, “O home da saia”, non conta unha historia determinada. Trata da propagación de rumores, en aparencia  preventivos, tendentes a crear un determinado estado de ánimo. Empeza así: “E andan, e andan, e máis é certo, que inda fai poucos días na ponte do Zarabeto comeron un rapás da Estrada e outro de Ouzande, deixándolle a roupa no fondo dunha herbeira colgada dun espeto” (...) “E andan, e andan, e máis é certo. Son engalicados que mandou o médico para curárense, que se botaran polas aldeas ás rapazas, canto máis novas millor, e andan, e cóllenas” (...) “E esperan ós rapaces no camiño da escola, ou por onde queira que anden, e collen ós máis gordos (...) para quitarlles o sangre prá reina que disque está tíseca”...
            O relato de García Barros publicouse en 1930. O de Franz Fühmann en 1968. Tanto un coma o outro falan de como se propagan uns rumores tendentes á formación de determinados estados de ánimo na xente máis crédula.