xoves, 22 de marzo de 2018

BENJAMIN BUTTON E OUTROS CURIOSOS CASOS


Por Pepe de Rocaforte

     


            A semanas pasada falaba de certas coincidencias entre o conto “O neno suicida”, de Rafael Dieste, e o relato “Historia dun espello”, da escritora austríaca Ilse Aichinger. A raíz dese meu comentario, un amigo informoume de algo que a min se me esquecera, ou no seu día se me pasara: o curioso caso da película “O curioso caso de Benjamin Button”.
     Esa película, dirixida por David Fincher en 2008, que vin, pero da cal non me lembro ben, está basada nun conto de Francis Scott Fitzgerald, “O estraño caso de Benjamin Button”, publicado en 1922 e inspirado, segundo o propio autor, nunhas palabras de Mark Twain, quen seica dixo que a nosa vida sería máis alegre se nacésemos con oitenta anos e fósemos rexuvenecendo ata a idade infantil.


            Esta nova información faime pensar entón na posibilidade de que Rafael Dieste coñecese o conto de Scott Fitzgerald cando escribiu “O neno suicida” (recordemos: “O estraño caso” publicouse nos Estados Unidos en 1922, “O neno suicida” publicouse en Galicia en 1926, todo pode ser. Ou non ser).
            Pero como sucede co cesto das cereixas, tamén con motivo do meu comentario sobre a narrativa alemá do século XX, outro informante dáme noticia dos curiosos parecidos que atopou entre un conto de Jack London e unha historia referida no “Orlando furioso” de Ludovico Ariosto.
            Segundo este curioso lector hai un conto de London, titulado “Descrédito”, no cal se refire como un ladrón de peles no Ártico é feito prisioneiro, xunto cuns compañeiros, por uns nativos que os van torturar ata a morte. O ver a crueldade con que son torturados os seus compañeiros, o ladrón dille ó xefe da tribo que os apresou, que se o deixa vivo diralle a composición dunha menciña que aplicada a calquera parte do corpo pon a pel máis dura que o ferro, de tal xeito que nin coa arma máis afiada se pode cortar.

            O xefe acepta e permítelle ó prisioneiro ir recoller certas herbas e raíces, mesturalas, machucalas e cocelas en auga ata facer un xarope co que se empapa a caluga e todo arredor do pescozo. Dille entón ó salvaxe que probe co seu machado a cortarlle a cabeza e verá como é incapaz de o facer. O xefe ergue o machado e báixao con toda a forza. Resultado: o ladrón de peles é decapitado ó instante.
            Conclusión: aquel home temía por riba de todo as crueis torturas que lle acababan de ser aplicadas ós seus compañeiros e deste xeito púidoas evitar.
            Como digo, ou máis ben: como me din, no “Orlando furioso” cóntase unha historia case coincidente punto por punto. Vou tratar de ler ambas historias e xa lles contarei.

2 comentarios:

  1. Interessante, você gostou do filme? É excelente, sinto que história é boa, mas o que realmente faz a diferença é a participação do atriz Taraji P. Henson neste filme. A vi recentemente em Proud Mary, se você quise assistir filmes de ação online eu recomendo! É um filme muito bom, é uma boa opção para uma tarde de filmes. Se ainda não tiveram a oportunidade de vê-lo, eu recomendo, na minha opinião, este foi um dos melhores filmes de açao e suspense que foi lançado. O ritmo é bom e consegue nos prender desde o princípio, a historia está bem estruturada, o final é o melhor.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Como xa dicía no meu comentario, non me lembraba demasiado deste film de David Fincher, pero o que me quedou na memoria foi a boa impresión que me causou. Nesta ocasión referíame máis ben ás coincidencias de varios autores, moi afastados entre si,no referente ó tema tratado da vida vivida en sentido contrario.

      Eliminar