xoves, 19 de abril de 2018

O ARQUIPÉLAGO DO INSOMNIO


Por Pepe de Rocaforte
            Cando levo unha temporada sen atopar unha lectura que me convenza, case sempre me queda o recurso de botar man dun libro de António Lobo Antunes. E nunca me falla. Pero hoxe... Hoxe animeime a ler “El archipiélago del insomnio”, novela que tiña na casa desde hai sete ou oito anos e que non me puxera a ler antes, á espera de ter o texto en portugués, “O arquipélago da insónia”.
            Paréceme que esta debeu ser a derradeira novela que lle verteu ó castelán Mario Merlino, un tradutor de quen me parecían moi aceptables as versións que facía xa hai anos dos artigos do autor portugués para o suplemento de libros de “El País”. Pero pouco a pouco empeceille a percibir certas disonancias, que agora me parece ver ampliadas nesta novela.
            Polo tanto non sei se a opinión que me formei  deste libro será inxusta e se tivese diante o texto en portugués opinaría de xeito distinto. Pero como non o teño, comentarei a impresión que me causou en castelán.
            En primeiro lugar: Lobo Antunes parece sentirse moi a gusto co modo narrativo no cal semella estar definitivamente asentado. E dá a impresión de terlle ben collida a música, pero o que nesta novela lle falla é a letra. ¿Ou será ó revés? ¿Que lle ten ben collida a letra e o que lle falla é a música? Non o teño moi claro.
            A estrutura narrativa, repito, tena moi clara, aínda que fracciona o relato cada vez algo máis do que, ó meu parecer, sería conveniente. Ó mellor faino para lle dar ó lector parte do traballo que a el lle leva construír a obra. Por outro lado, parece que cada vez cústalle máis meterse nas personaxes e ós seus monólogos fállalle un pouco a harmonía necesaria para facelos cribles.
            Hai cousa xa duns vinte anos, Antunes dicía nunha entrevista que se lle empezaba a aproximar o seu período de seca narrativa, de esterilidade creativa, porque despois dos sesenta anos un autor xa non pode escribir nada de interese. Non eran exactamente as súas palabras, pero como non teño de man o texto orixinal, dou o que me parece unha idea bastante aproximada.
            ¿Será eso? ¿Que o que se escribe despois dos sesenta anos xa nin por aproximación se pode achegar ás mellores obras escritas anteriormente? Non o sei, aquí deixo a miña impresión, á espera de volver ter nas mans outra novela de Lobo Antunes, pero en portugués por se acaso, aínda que non sei como o porá en castelán Antonio Sáez Delgado, o seu novo tradutor.

sábado, 14 de abril de 2018

Un bo encabezamento


  
               

     Imaxinade por un intre a alguén que ó cabo do día recibe tantas cartas que necesita dun secretario que llas cribe. ¿A cal lle vai dar máis importancia despois de ler un feixe de remites descoñecidos?. Suponse que a quen mellor o engaiole. Igual que cando entramos nunha librería a escoller a próxima lectura, que se non nos convence nos primeiros parágrafos o libro fica condenado ó po do andel.
     Por iso teño para min que o seguinte parágrafo ó “Querido”, “Amado” ou “Estimado” dunha carta (ou dun e-mail) é o que realmente vai captar o interese do destinatario, sobre todo cando se trata de pedir algo; máis aínda co corpo da mesma con toda clase de xustificacións e explicacións. Ese primeiro parágrafo ha de levar certa dose de sedución para facerlle notar ó receptor o proveitoso que para el será atender o requirimento do solicitante.
     Podería relacionar aquí as respostas que recibín en contestación a algunha solicitude de información, pero sobre todo podería enumerar o amplo feixe de silencios, daqueles a quen non souben engaiolar e non portaron pola miña curiosidade sobre algún tema, dando a calada por resposta. Son consciente de que algún outro silencio foi por non saber que responder, e os  menos por dirixir a dúbida a unha canle equivocada. Con todo sempre lle botei a culpa, ou polo menos sempre contemplei a posibilidade de que a falta de contestación estivese motivada por non saber chamar a atención cun adecuado encabezamento. Pero tamén hai quen sabe recoñecer o seu descoñecemento modestamente e non por iso deixa de contestar, con humildade e solidariedade, tal como o demostra a carta que conservo de J. L. Sampedro aportándome información sobre un asunto etnográfico que el recolle nunha novela súa, e sen entrar en detalles máis ou menos científicos, si me aporta datos xeográficos e temporais de moita valía.
     Sen dúbida, a arte do ben pedir está nesas primeiras liñas capaces de fascinar, animar e captar a atención lectora. E se se consegue, podemos ter por ben seguro que a carta será lida e atendida de cabo a rabo. Por desgracia, en moitos casos, preguntas fundamentais caeron en saco roto por falta de engado e sedución en parágrafo tan fundamental.
     De quen se di que si soubo escribir un bo encabezamento é do matemático Robert Langlands, a quen en 1967, con trinta anos, xa lle andaba na cabeza o que co tempo sería a súa “teoría das representacións” que tantos galardóns lle aportou, e como naquela idade Langlands era tan só un novato profesor universitario, quixo expoñer as súas dúbidas con alguén máis douto e experimentado, como era o matemático André Weil, a quen lle escribiu o que no mundo das ciencias se considera un encabezamento de antoloxía, a pesares de que a min, despois de lelo e relelo dáme a impresión de que o estado de ánimo de Weil cando lle chegou o carteiro tivo que ter moita influencia:
     “Se desexa lela como unha pura especulación, sentiríame agradecido, e se non estou seguro de que terá unha papeleira ó alcance da man”.
     E si, Weil leu a extensa carta de dezasete folios e contestoulle. Intercambiaron opinións e Langlands, como dixen, acadou ó largo da súa vida os maiores galardóns no campo das matemáticas desenrolando o tema alí exposto. Agora quédame unha dúbida: ¿Que pasaría se Weil  tirase coa carta á papeleira?.

xoves, 12 de abril de 2018

MONUMENTO Á CERVEXA


Por Pepe de Rocaforte
            Tortosa é unha cidade que aparece como diminuída e medio oculta, medio perdida no mapa de Cataluña, ou polo menos esa é a impresión que en principio me producía a min. Unha impresión falsa como puiden ver despois de ler un pouco da súa historia, ou visitar os seus monumentos urbanos, empezando polo Castelo da Suda, na súa orixe unha fortaleza árabe do século X, palacio real no século XIII e hoxe Parador de Turismo, dominante de todo o perímetro urbano desde a súa situación no alto da cidade. Ou a catedral gótica de Santa María, cunha colosal, a pesar de inacabada, fachada barroca. Ou o Palacio Episcopal gótico. Ou o Colexio de Sant Jaume i Sant Maties, renacentista.
Ou, e párome particularmente nel, o Palacio da Deputación do Xeneral, un austero edificio renacentista do século XVI, á beira do río, no cal se atopaba a Aduana que controlaba o paso polo Ebro e onde se recadaban as taxas polo tránsito de mercancías, tanto as que baixaban á costa, como as que ían río arriba cara ó interior, importantísima fonte de ingresos para a cidade. E párome neste edificio porque diante del non puiden por menos de lembrar a fermosa novela de Jesús Moncada, “Camiño de Sirga”, cuxa lectura recomendo a quen non a coñeza.
 Así e todo, se hoxe se me ocorreu escribir sobre Tortosa, non foi por ningún destes motivos, senón por outro máis vulgar e probablemente sen maior interese para o visitante da cidade. Refírome a unha interpretación popular sobre o monumento á Batalla do Ebro.

Esta obra do escultor catalán Lluís María Saumells foi levantada no ano 1966, como recordo e homenaxe ó exército franquista, sobre un dos piares da ponte que en 1938 fora destruída durante a retirada do exército republicano na Batalla do Ebro.
En marzo de 2016 o Parlamento de Cataluña instou ó concello de Tortosa a retirar o monumento, o cal provocou que en maio do mesmo ano o alcalde da cidade promovese unha consulta entre os seus cidadáns. Na consulta só participou arredor dun trinta por cento do censo electoral tortosino, e á pregunta de se se debía derribar ou non, un sesenta e tantos por cen dos votantes mostrouse partidario da continuación da escultura no lugar onde se atopaba.
Por ese tempo xa foran retirados do monumento a inscrición “Al Caudillo de la Cruzada y de los Veinticinco Años de Paz”, máis outra que dicía: “A la Promoción Ebro de la Guardia Civil”, así como o “Vitor” de Franco, polo cal o concello e a Deputación de Tarragona, estimando que a obra pode ser considerada hoxe como unha homenaxe ós mortos de ámbolos dous bandos, decidiron non retirala do lugar que ocupaba.
Actualmente seica circula un chiste que lle chama “O Monumento ás Cervexas”, porque nel aparecen “La Estrella” (ver foto número 1), “El Águila” (foto número 2) e “Cruzcampo” (na foto número 3 pódese observar a cruz e, detrás dela, só o campo). O meu informante díxome que lle contaran que aínda se poden sinalar dúas marcas máis de cervexas, pero non se lembraba de cales son, nin eu fun capaz de as descubrir. Proben vostedes a localizalas se teñen a vista, e a imaxinación, máis agudas que o trosma que esto escribe.