xoves, 26 de decembro de 2019

VIAXES COS NOSOS FILLOS


Por Pepe de Rocaforte


           Os traballos xornalísticos de Rubén Darío recollidos en “Parisiana” fanme evocar de novo algúns momentos do meu pasado. Neste caso foi a lectura do relato dunha visita, en Asnières, nos arredores de París, a un cemiterio para cans, gatos e paxaros, que me trouxo á memoria unhas vacacións cos meus fillos en Portugal, o paraíso estranxeiro máis asequible por aquel tempo (principios dos anos oitenta), sobre todo cando se viaxaba con rapaces.
            Nunha daquelas viaxes fomos en Lisboa ó cemiterio de cans e recordo ter visto alí epitafios, algúns tan curiosos como os que en París rexistrou Rubén Darío. De algún deles tomei nota entón, pero vai ti saber onde foron dar as notas esas; xa non me paro a buscalas porque sería traballo en balde. En compensación reproduzo algúns dos rexistrados polo poeta: “Il sauva la vie á 40 personnes... Il fût tué par la 41eme”.  Bob 1886-1901. ta vie ne fût que souffrances. La mienne fût parsemée. Nous les confondimes esperant les adoucir; mais la cruanté des hommes sut mettre un terme à ce bonheur passager”.   E así sucesivamente.

            O recordo da visita a un cemiterio de cans tráeme a lembranza doutros sitios onde estivemos e ós cales non volveriamos a partir da época en que os fillos se foron achegando ós quince anos de idade. Entre os lugares que me veñen á memoria, os máis abundantes son os parques zoolóxicos, cuxa relación podería empezar polo da Madroa, en Vigo, para seguir polo de Lisboa, onde tanto atraía ós cativos o elefante ó que lle poñías unha moeda na trompa e el ía facer soar unha buguina (ou tocar unha campana, non o lembro ben).
            Certo que as visitas a zoolóxicos xa as empezara moito antes de nacer os meus fillos, desde a tristísima Casa de Feras do madrileño Parque do Retiro ata o Zoolóxico do Parque da Cidadela de Barcelona, pasando polo de Valencia e algún outro que agora non me vén á memoria.
            Doutros sitios onde estiven cos rapaces e ós cales non volvín despois de eles deixar de acompañarnos nas vacacións, recordo tamén ir con esa morea de miúdos, da que quedou constancia en fotos, ó “Portugal dos Pequenitos” en Coimbra, que visto desde a distancia actual paréceme algo así coma un precedente barateiro das Disneylandias de hoxe en día,  supoño que fermosísimas cidades de esparcemento que confío non me ver obrigado a coñecer no tempo que me quede de vida. Como tampouco espero volver, se continúa existindo, ó “Pueblo español” de Barcelona, ese descendente, a maior tamaño, do “Portugal dos Pequenitos” conimbricense.


martes, 24 de decembro de 2019

Felicitacións en Nadal

     
O carteiro que viña pola miña rúa, antes de coller unha xubilación anticipada por falta de carga de traballo, dicíame que internet estaba acabando con eles. Queixábase porque nin sequera se mandan postais de Nadal. Nin de Nadal nin de nada. Con internet está morrendo unha tradición que ten máis de dous mil anos e conservala non é ser arcaico nin anticuado, é simplemente lembrar que no momento máis frío do ano, cando os días son máis curtos, lembrámonos das persoas que nos rodean mandándolle esa faisca de calor que non dá o wasap. Mentres a postal necesita artellar ou improvisar unha frase dedicada, un afecto persoal, o wasap só esixe copiar un chiste estandarizado, unha broma ou un símbolo. A postal permanece e o wasap bórrase. Digan o que digan, é impersoal. Fáltalle alma. Pero, tamén, certamente, mellor iso ca nada.
     As tarxetas de Nadal, ou mellor dito do solsticio, xa as enviaban os romanos do Imperio ós seus amigos e parentes a modo de saúdo en compañía dalgún regalo nestas datas, como un remedio apotropaico contra os males do inverno, unha maneira de compartir bos desexos cando minguan as despensas.
Henry Cole
      Daquela, as festas solsticiais comezaban na noite máis longa do ano celebrando o nacemento de Mitra, asemade dentro dunha cova, sen pai nin nai que o xerase e adorado non só polos pastores do entorno, senón tamén polas estrelas, a lúa e o sol que baixaron a saudalo. Mitra era a luz do mundo. Tras o seu natal dábase paso ás Saturnais, as grandes festas do inverno, con farturentos banquetes, adornos florais, luces, aguinaldos para os escravos, xogos de azar e ata un día dedicado ás bromas e ás inocentadas. Todo para combater o mal fado de tan escuros días.
Chegou o cristianismo e tratou de mandar a todos os saturneiros e mitreiros á cova do esquecemento poñendo no seu sitio ó Neno Xesús, pero non lle quedou máis remedio que readaptar os vellos ritos. Ano a ano fóronse recuperando uns e engadindo outros. Creouse ó seu redor toda unha simboloxía para invocar a luz e o medre dos días. O Neno, resplandecente como un sol, que di a panxoliña, rodéase simbolicamente dunha nena virxe, un vello, un boi e unha mula, persoas e animais que non poden traer vida a non ser por ese milagre único que todos coñecemos, o cal aviva máis o mito. Os reis magos, cada un dunha raza, universalizaron o significado da Natividade, copiáronse os adornos florais incluíndo a árbore precristiá dos países nórdicos, para invocar o medre das plantas, dándolle valor simbólico a aquelas que nestas datas amosan a cor verde da vida, e aínda máis se dan froito.
Tardáronse moitos máis anos en recuperar a tradición das tarxetas de felicitación, pero tamén elas chegaron. A fama lévaa Henry Cole, un home de negocios na Inglaterra de mediados do século XIX, quen lle pediu a un amigo pintor un debuxo alusivo, do que logo mandou imprimir un lote de copias que usou para felicitar ós amigos e vender o resto a un chelín. Non se fixo rico, pero tivo tanto éxito que uns anos máis tarde xa era normal ver nas tendas de Londres tarxetas de Nadal á venda; e no 1893, a raíña Vitoria encargou as súas primeiras postais para felicitar ás súas amizades.

Sen embargo, a pesar da fama de Mr. Cole, na década dos trinta daquel século XIX, os traballadores do Diario de Barcelona xa se adiantaran, cando acordaron repartir entre os subscritores unhas tarxetas de felicitación, cousa que estes agradeceron correspondendo cunha propina; o cal animou a outros colectivos, carteiros, serenos, varredores e outros empregados municipais, que a troco dunha pequena felicitación recibían o seu "aguinaldo".
As postais de Nadal que me chegan son moi variadas e traen sempre unha carga de solidariedade que procuro corresponder. Nalgúns casos estámpanse con fotos familiares ou dalgún motivo propio destas festas no seu lugar de orixe, brindando esa emoción que se agradece, como son de agradecer as dunhas nenas amigas feitas cos seus propios deseños, esas mostras de bos desexos que nestes días tamén eu quero facer extensivos a todos os lectores deste xornal. 

(Este artigo foi publicado no especial de Nadal, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

luns, 23 de decembro de 2019

CRÓNICAS DESDE O OUTRO MUNDO (50)


O Curmán de Undochán
“Caballero?” é unha das fórmulas interrogativas que, cada volta máis sustituída por “Señor?”, utilizan nalgúns comercios para saber que é o que vas procurando neles… A mín sempre me soubo a reminiscencia de “outras eras” –como di a canción “Lisboa antiga”- e estes días estáse crecentemente escoitando co acento caribense de tanto inmigrante venezolano, dominicano ou cubano, -só que pronunciado “cabaiero” no lugar do nativo “cabashero”-, o cal tal vez contribúa á sua supervivencia.                                                                            
            Hoxe, co risco de que me xulguedes reiterativo, e cumprindo a entrega número 50 –que para este escribidor de base é todo un récord-, vouna facer musical tal a Crónica 48. É que a palabra caballero –os portugueses distinguen entre o castellanismo cavalheiro e o luso cavaleiro- transpórtame ao exquisito vals peruano “Fina estampa”, de Chabuca Granda, opacado en parte polo moito máis divulgado seu “La flor de la canela”. Que son duas caras dun mesmo fenómeno: a apoloxía do ser humano, muller e home, con esa mestura de graza verbal e riqueza musical.

            Acho que o máis orixinal do poema é que, fronte a millenta requebros masculinos para a muller, este é xustamente o contrario, o piropo dunha muller para o home. Malia non vir moi a conto, un dá en cavilar se isto é machismo ou feminismo feminino… ou ningún dos dous ismos. A maiores, a música é singularmente ricaz polo seu dinamismo case acrobático.
            O xénero musical latinoamericano chamado vals criollo é o que abrangue estes do Perú (peruano é mesmo o famoso “Nube gris”), en cada país co seu tempo especial, máis ou menos lento (amodiño báilase o brasileiro “Luciana”, de Jobim) e os do resto de nacións, entre eles a nosa: “Desde el alma” é dos que máis gostamos. E todos con ese cheiriño de cousa antiga que aos mozos se lles figurará ainda mais vella. E, por suposto, a Arxentina, representada nesta crónica por “La pulpera de Santa Lucía”, todo un clásico rioplatense (pulpera: muller a cargo dunha pulpería, ou ultramarinos rural).                                                      
Coidamos que estes últimos valses nunca deron chegado ás Europas como si lograron aqueles de Chabuca (acaso mercé á voz de españolas como Ma. Dolores Pradera).
            Este era o xénero que me estaba faltando cando tratei do tango e, pouco, da milonga, a conformaren a música típica (urbana) fronte á música folclórica (rural) de que xa temos falado, Compre, por certo, disterar a milonga de natureza campesina (por exemplo, “Los ejes de mi carreta”) da milonga nada nos arrabaldos citadinos, a xeito de tango acelerado (escoitade “La puñalada”). Aquela milonga, como outros ritmos campeiros, serviu de inspiración a compositores clásicos como o arxentino Ginastera: a sua “Canción del olvido”, con letra do uruguaio Fernán Silva Valdés, habita todos os repertorios dos cantantes líricos ao máis alto nivel. (O nacionalismo musical ten nomes egrexios no Uruguai e máis na Arxentina).
W. Benavides, poeta fundamental da música folc uruguaia,
 ten escrito sobre a nova poesía galega
            En falando de música folclórica: se ben hai unha marcada identidade uruguaio-arxentina, haivos modalidades exclusiva desta banda do Prata. A zamba –tan a miúdo confundida con “o samba” brasileiro-, xunto coa citada milonga, serían un exemplo do primeiro: Yupanqui, Falú ou Rodríguez Castillos son, entre outros, nomes inmortais que as cultivaron en ambas beiras. Mais aquí temos os “cielitos” e os “tristes”, e tamén, ao norte do rio Negro, ritmos comúns co Brasil como a “chamarrita”, que disque véu dos Azores, ou o “shote” (que supomos etimolóxica versión do schottisch que mesmo déu pé ao chotis matritense)… co protagonismo do acordeón (chamado “gaita” polos riograndenses), e inspiradores de poetas tal Wáshington Benavides (1930-2017).
Amalia de la Vega
            Precisamente estáse a celebrar este ano, no seu centenario, a Amalia de la Vega (1919-2000), precursora do folclore uruguaio en tempos en que a muller, contrariamente ao campo tangueiro, era poouco vista neste eido da canción crioula. Algo esquecida durante décadas, omnipresente na nosa nenez, hoxe está a ser reivindicada, dedicándoselle o  Dia do Patrimonio 2019
                                                                                                                         
                                                                                                                                                                       

Frase extemporánea: Segundo o Banco Mundial, o primeiro país do continente en materia de ingreso per cápita anual en 2018 foi o Uruguai.