As
tarxetas de Nadal, ou mellor dito do solsticio, xa as enviaban os romanos do
Imperio ós seus amigos e parentes a modo de saúdo en compañía dalgún regalo
nestas datas, como un remedio apotropaico contra os males do inverno, unha
maneira de compartir bos desexos cando minguan as despensas.
Henry Cole |
Daquela,
as festas solsticiais comezaban na noite máis longa do ano celebrando o
nacemento de Mitra, asemade dentro dunha cova, sen pai nin nai que o xerase e
adorado non só polos pastores do entorno, senón tamén polas estrelas, a lúa e o
sol que baixaron a saudalo. Mitra era a luz do mundo. Tras o seu natal dábase
paso ás Saturnais, as grandes festas do inverno, con farturentos banquetes,
adornos florais, luces, aguinaldos para os escravos, xogos de azar e ata un día
dedicado ás bromas e ás inocentadas. Todo para combater o mal fado de tan
escuros días.
Chegou
o cristianismo e tratou de mandar a todos os saturneiros e mitreiros á cova do esquecemento
poñendo no seu sitio ó Neno Xesús, pero non lle quedou máis remedio que
readaptar os vellos ritos. Ano a ano fóronse recuperando uns e engadindo
outros. Creouse ó seu redor toda unha simboloxía para invocar a luz e o medre
dos días. O Neno, resplandecente como un sol, que di a panxoliña, rodéase simbolicamente
dunha nena virxe, un vello, un boi e unha mula, persoas e animais que non poden
traer vida a non ser por ese milagre único que todos coñecemos, o cal aviva
máis o mito. Os reis magos, cada un dunha raza, universalizaron o significado
da Natividade, copiáronse os adornos florais incluíndo a árbore precristiá dos
países nórdicos, para invocar o medre das plantas, dándolle valor simbólico a
aquelas que nestas datas amosan a cor verde da vida, e aínda máis se dan
froito.
Tardáronse
moitos máis anos en recuperar a tradición das tarxetas de felicitación, pero
tamén elas chegaron. A fama lévaa Henry Cole, un home de negocios na Inglaterra
de mediados do século XIX, quen lle pediu a un amigo pintor un debuxo alusivo,
do que logo mandou imprimir un lote de copias que usou para felicitar ós amigos
e vender o resto a un chelín. Non se fixo rico, pero tivo tanto éxito que uns
anos máis tarde xa era normal ver nas tendas de Londres tarxetas de Nadal á
venda; e no 1893, a raíña Vitoria encargou as súas primeiras postais para felicitar
ás súas amizades.
Sen
embargo, a pesar da fama de Mr. Cole, na década dos trinta daquel século XIX, os
traballadores do Diario de Barcelona xa se adiantaran, cando acordaron repartir
entre os subscritores unhas tarxetas de felicitación, cousa que estes
agradeceron correspondendo cunha propina; o cal animou a outros colectivos,
carteiros, serenos, varredores
e outros empregados municipais, que a troco dunha pequena felicitación recibían
o seu "aguinaldo".
As
postais de Nadal que me chegan son moi variadas e traen sempre unha carga de
solidariedade que procuro corresponder. Nalgúns casos estámpanse con fotos
familiares ou dalgún motivo propio destas festas no seu lugar de orixe, brindando
esa emoción que se agradece, como son de agradecer as dunhas nenas amigas
feitas cos seus propios deseños, esas mostras de bos desexos que nestes días
tamén eu quero facer extensivos a todos os lectores deste xornal.
(Este artigo foi publicado no especial de Nadal, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).
Ningún comentario:
Publicar un comentario