Por Pepe de Rocaforte
Nunha daquelas viaxes
fomos en Lisboa ó cemiterio de cans e recordo ter visto alí epitafios, algúns
tan curiosos como os que en París rexistrou Rubén Darío. De algún deles tomei
nota entón, pero vai ti saber onde foron dar as notas esas; xa non me paro a
buscalas porque sería traballo en balde. En compensación reproduzo algúns dos
rexistrados polo poeta: “Il sauva la vie á 40 personnes... Il fût tué par la
41eme”. “Bob
1886-1901. ta vie ne fût que souffrances. La mienne fût parsemée. Nous les
confondimes esperant les adoucir; mais la cruanté des hommes sut mettre un
terme à ce bonheur passager”. E así
sucesivamente.
O recordo da visita a un
cemiterio de cans tráeme a lembranza doutros sitios onde estivemos e ós cales
non volveriamos a partir da época en que os fillos se foron achegando ós quince
anos de idade. Entre os lugares que me veñen á memoria, os máis abundantes son
os parques zoolóxicos, cuxa relación podería empezar polo da Madroa, en Vigo,
para seguir polo de Lisboa, onde tanto atraía ós cativos o elefante ó que lle
poñías unha moeda na trompa e el ía facer soar unha buguina (ou tocar unha
campana, non o lembro ben).
Certo que as visitas a
zoolóxicos xa as empezara moito antes de nacer os meus fillos, desde a
tristísima Casa de Feras do madrileño Parque do Retiro ata o Zoolóxico do
Parque da Cidadela de Barcelona, pasando polo de Valencia e algún outro que
agora non me vén á memoria.
Doutros sitios onde
estiven cos rapaces e ós cales non volvín despois de eles deixar de
acompañarnos nas vacacións, recordo tamén ir con esa morea de miúdos, da que
quedou constancia en fotos, ó “Portugal dos Pequenitos” en Coimbra, que visto
desde a distancia actual paréceme algo así coma un precedente barateiro das Disneylandias
de hoxe en día, supoño que fermosísimas
cidades de esparcemento que confío non me ver obrigado a coñecer no tempo que
me quede de vida. Como tampouco espero volver, se continúa existindo, ó “Pueblo
español” de Barcelona, ese descendente, a maior tamaño, do “Portugal dos
Pequenitos” conimbricense.
Ningún comentario:
Publicar un comentario