xoves, 23 de abril de 2020

DAS NOVELAS ÓS LIBROS DE VIAXES


Por Pepe de Rocaforte
Un amigo con quen manteño frecuentes conversas telefónicas para non perder o costume de falar de vez cando, preguntábame o outro día como, na relación de libros de viaxes que dei a semana pasada, non incluíra ningún título de Richard Burton (non o actor de cine, senón Richard Francis Burton, para entendernos mellor), sabendo da miña admiración por el. O motivo polo que o fixen foi o de non querer citar libros relacionados con África, un tema xa tratado hai algún tempo neste  artigo ou neste outro, ambos  neste blog.
Pero agora que me meto en fariña vou dar uns cantos títulos con esa temática por se alguén sinte interese por eles. Aí vai media dúcia (e un de propina): “Primeros pasos en el este de África”, de Richard Burton. “Viaje al Sudán”, de Edward Hoagland. “Viaje a Timbouctou” de Cristóbal Benítez. “Viaje a las regiones interiores de “Africa”, de Mungo Park. “Como eu atravessei África”, de Alexandre Serpa Pinto. “De Benguela ás terras de Iacca”, de Hermenegildo Capelo e Roberto Ivens. E “O Muata Cazembe”, de Antonio Pedroso Gamito.
Estes últimos títulos de viaxeiros portugueses tráenme á memoria o que me sucedeu con dous deles: Despois de remexer Roma con Santiago, ou neste caso e máis a propósito: Lisboa e Porto coa Coruña, sen atopar por ningures un mísero exemplar do libro de Gamito, dei con el en inglés, idioma no que non me manexo, “King Kazembe”, e aí botei man da miña filla máis nova para que mo traducise. ¡Moitas gracias, Laura, despois de tantos anos!

O “De Benguela ás terras de Iacca” foi un caso máis curioso. Un día, nunha librería de vello do Porto encontrei un exemplar da primeira edición, pero só o primeiro tomo, faltaba o segundo. Dubidei un pouco antes de mercalo, pero finalmente o libreiro ofreceumo moi barato e acabei índome con el para a casa.
Meses máis tarde, noutra librería de vello, neste caso no Bairro Alto de Lisboa, vin outro exemplar da primeira edición do libro de Capelo e Ivens, e si, tal como imaxinan vostedes, tratábase do segundo tomo. Seguramente debín mostrar algunha expresión que puxo en garda ó libreiro, quen me pediu un importe un tanto elevado por el. Escandaliceime. ¡O señor está maluco!, díxenlle. ¿Pero non ve que se trata somente do tomo II, e ademais en non moi bo estado? Pero nada, o fulano non cedía. Entón collín cara á porta (con idea de enviar logo a miña muller, quen esperaba pacientemente por min nun café xunto á praza de Camões, para que ela, que ademais sabe relear bastante ben, mo mercase). Xa tiña un pé fóra do local cando o libreiro se amoleceu un pouco. ¿Entón canto me quere dar? Lembrei canto me levaran polo exemplar do Porto. E díxenllo. Agora quen tratou de poñer cara de escandalizado foi o gajo. Discutimos un pouco, pero o caso estaba rematado. Tíveno que comprar polo dobre do que me custara o tomo I, prezo que así e todo era aceptable.
E das librerías portuguesas, que daquela, fins dos anos setenta, principios dos oitenta, eran unha regalía, podería contar unhas cantas historias máis; pero...
Esto... en fin, como parece quedarme aínda espacio, vou referir outra. Nunha ocasión, despois de percorrer case todas as librerías do centro de Lisboa, estas de libros de primeira man, sen atopar en ningunha “Perto do coração selvagem”, de Clarice Lispector, nunha da rúa do Carmo dixéronme que podía achegarme pola editorial, onde lle constaba que a debían ter en existencias. Déronme o enderezo, casualmente no Bairro Alto, na rúa dos Caetanos, e alá fun.
¡Santo ceu! Fixéronme pasar para buscar eu e vinme diante dunha manchea de libros, seguramente procedentes de devolucións. Atopei a novela de Clarice Lispector e preguntei se podía levar algúns títulos máis. Non houbo problema e marchei cun paquete de quince ou vinte libros, que me deron a coñecer autores totalmente ignorados por min ata entón: José Cándido de Carvalho, Érico Veríssimo, Otavio de Faria, Herberto Sales, Lins do Rego, Josué Montello, á parte doutros que me soaban algo, como Guimarães Rosa ou Machado de Assis. Non lembro canto me cobraron en escudos, pero creo que o equivalente actual non debía sobrepasar o prezo dun euro por exemplar. ¿Que lles parece o conto?

mércores, 22 de abril de 2020

Ulisíada (XII)


 Far O'McKwoo
De como a ambición se converteu na causa do seu penar
     Para contar de si mesmo, Ulises sente a tentación de engrandecer a súa liñaxe coas glorias dos seus antepasados, falando dun tataravó con dorna de seu, dun bisavó que continuou o oficio, dun avó que ampliou o herdado ata ser dono dun barco palangreiro que logo, vítima do minifundio, lle deixou en herdanza ós tres fillos a partes iguais, quen houberon de vendelo porque os gastos e as cotas de pesca non se corresponden na escangallada balanza da economía para darlle de comer a tres familias, e as leis comunitarias só lle poñían trabas para permitirlle pescar en razón ó número de mariñeiros enrolados; ata que ó final, cos novos tratados do mar ata lles pagaban máis pola nave convertida en chatarra ca polo peixe metido abordo, e os soños empresariais que naceran na súa familia séculos atrás, mutilados por normas e acordos, morreron coa lei de cotas. Os tres irmáns, resignados, decidiron largar pola borda toda unha tradición familiar e encetar de novo os chanzos da súa andaina tirando cada un polo seu lado; un metido a asalariado de artes menos produtivas nalgún porto do Cantábrico, outro buscando vida en terra allea, e Laertes, o pai de Ulises, mercando unha batea a longos prazos, que lle permitise vivir cun mínimo de dignidade mentres a administración non metese a cernante gadoupa, así como un alpendre preto da praia que servise de almacén e depuradora. E nese proxecto de futuro condicionado por tantos atrancos, leis, normas e controis, seu pai decidiu que o fillo estudiase unha carreira que o quitase dese mar ateigado de modernos piratas vestidos de gravata, enarborando sudarios negros desde despachos alfombrados, empavesados de cernantes decretos tronando a babor e estribor. Quería que estudase algo que o liberase das áncoras da miseria. E niso estaba cando os deuses da información proclamaron ós catro ventos as vantaxes que tiña un obreiro non cualificado con respecto a aqueles que, despois de anos de estudio, perdendo a mocidade encerrados en aulas de aire enrarecido acababan sobrevivindo con contractos a tempo parcial ou sen contractos nin Seguridade Social. Diante de si abríase daquela un mundo cheo de retos, sobre todo no intre en que a súa moza lle comunicou que ía ser pai.
     Ese día, despois de ler un anuncio por palabras solicitando peóns albaneis, arrecantou os libros e os apuntes no faiado da casa paterna, para desgusto do pai que quería redimilo das incertezas, e para pesar dunha moza incapaz de pasar as follas do almanaque durante tan longa espera. Converteu o seu bolso de ximnasio en macuto de emigrante e marchou ás Canarias, a poñer ladrillos por un salario superior ó de calquera dos seus profesores de cálculo matemático. E ó cabo dun mes, enchido de alegría ó ver a carteira rebordante de billetes gañados coas súas mans cuarteadas polo cemento e o xeso, foise a celebralo, el que nunca tantos cartos tivo polo xunto, decatándose axiña dunha lei irrefutable que os vellos da familia lembraban co refrán “o que se cría nun ano cómese nunha sentada”, que el traduce nun principio de economía elemental que vén falarnos do rápido que se gasta o que se gaña e do moito que custa gañalo. E cando as billeteiras fraquearon, escoitou as voces dos compañeiros protestando porque a relación de horas e salario non se correspondía, porque as horas extra tiñan que ter outro prezo, ou porque os domingos e festivos páganse o dobre; e as necesidades da empresa pasaban por poñer o loureiro do cume en tempo récord, e para abaratar costos aumentaban as horas e escaseaban os equipamentos e as medidas de seguridade, e facíanse oídos xordos a toda queixa, porque nas colas do paro hai milleiros de obreiros agardando.
     Durante os escasos seis meses que traballou na construción asistiu a outros tantos funerais por compañeiros caídos naquel campo da calamidade, e estando no camposanto para despedir ó último heroe dos rañaceos con vistas ó infinito, decidiu que aquel non era traballo para el. 

luns, 20 de abril de 2020

CRÓNICAS DESDE O OUTRO MUNDO (67)


                                                           Dous coleccionistas
                                                O Curmán de Undochán

   F. Ortiz de Taranco Viñal
            Haivos moitos xeitos de detectar a presenza galega no exterior, e, xa que estamos, neste país. Unha que non é de desprezar é a filantropía artística, noutras palabras, a doación por un coleccionista do seu acervo de arte a algún organismo estatal. No noso caso imos tratar de dous millonarios que doaron as suas coleccións ao Estado, un, galego de berce, o outro, galego-fillo, ambos contemporáneos… E apoiámonos decisivamente no importante ensaio que ven de publicar a uruguaia Carolina Porley
            Félix O. de Taranco (O Portazgo de Vilaboa, 1866-1940), a quen xa temos aludido a raíz de falarmos dos palacios de galegos de Montevideo (Crón. 29), precisamente para ornar a sua luxosa residencia da Cidade Vella, pasou trinta anos adquirindo arte (óleos, tapices, esculturas, móbeis en xeral) de procedencia europea e sinaladamente española e, entre esta (de Ribera a Sorolla), pezas galegas de Sotomayor como, por exemplo, Bergantiñana… ata redondear o medio centenar de óleos que, no 1940 do seu pasamento, a familia doou ao Estado uruguaio, ao tempo que lle vendía o inmóbel, coa condición de nel aloxar, como así foi, décadas andadas, o Museo de Artes Decorativas.
Fernando García

 (detalle da capa do libro de Porley)
            Pola sua parte, Fernando García (1887-1945, fillo do pontecaldelán Hipólito García Barros) acumulou máis de 350 pezas artísticas (a maiores doutras coleccións, a máis destacada, a de coches que, gardados na sua Casona da paraxe rural de Carrasco, foi doada ao Municipio montevideano para formar o Parque y Museo de Carruajes Fernando García), expostas no 9º andar da sua moradía no Edificio García, por el mandado construir (1940), en pleno centro capitalino, cuxa colección legou ao Estado uruguaio.
            Compre aclarar que estoutro coleccionista apenas posuíu arte galega: cítase, como anecdótico, o agasallo a seu pai (1930) do óleo Foliada, de Roberto González del Blanco; o resto reúne pintores europeos e concretamente españois, mais tamén un copioso número de artistas uruguaios. Ao respecto, Porley resume así aos dous filántropos e o seu acervo artístico: Taranco, máis conservador e europeo e hispano; García, máis moderno e con predilección polos autores autóctonos, mesmo algún aínda non consagrado.
            Como características comúns, orixe das suas fortunas, ambos eran exitosos comerciantes importadores, banqueiros e, o galego, cando menos, poderoso terratenente, en tanto o uruguaio actuou como industrial fabricante de cigarrillos… ambos formando parte de canta institución española e mesmo galega do seu tempo.
Un jueves en Compostela, por R. González del Blanco
            É de destacar que Del Blanco ten aquí duas obras de grande formato: o Adiós, de Casa de Galicia, e Un jueves en Compostela, do Museo Nal. de Artes Visuales (citándose un terceiro óleo noutro museo). Mais, amén da citada, hai máis arte galega en Montevideo: a famosa Santa de Asorei (que acaba de estar exposta en Galicia) e o seu busto de Cervantes; o mural de Nóvoa (a abrazar o estadio do Club Atlético Cerro, do que el quixo considerar continuación, tantas décadas despóis, o mural do parque coruñés de Santa Margarida); e algún óleo de Villafínez e, como non, de Castelao.
            (Outro día comentaremos os pintores galegos afincados no Uruguai: Méndez Magariños, Pailós, Otero…).

Dato extemporáneo: Na parroquia de Nuestra Señora de los Remedios, en Rocha (leste da república), áchase a Virgen de Mondoñedo ou de la Fundación (pequena advocación dos Remedios, representada sen Neno), chegada probabelmente desde o santuario mindoniense homónimo, durante o curato (1794-1829) do abegondense P. Amenedo Montenegro.