martes, 22 de setembro de 2020

COUSA DE MEIGAS – e 6

Por Pepe de Rocaforte


Ata aquí vimos un pouco como funcionou o negocio das meigas durante a súa época de esplendor no país, durante os tempos da Santa Inquisición. Agora, como remate, non estará de máis botarlle unha ollada a como continuou a cousa por estes lares durante os máis próximos séculos XIX e XX, e un impagable tesouro para o coñecemento de como se desenvolveu a meiguería no seu principal foco de supervivencia nesa época, o mundo rural galego, é o libro que un xuíz de Primeira Instancia e Instrución, natural de Villalba del Alcor, Huelva, e chegado a Galicia no último ano do século XIX para exercer o seu primeiro destino profesional na vila de Viana do Bolo, iría redactando nas súas horas de lecer. O nome dese señor era don Nicolas Tenorio Cerero, e o título do seu libro “La aldea gallega”.

No capítulo V, “Supersticiones de la aldea”, define á meiga pouco máis ou menos así: «Unha vella de corpo corcovado, brazos e mans longos e osudos, cara engurrada, boca sen dentes, ollos pequenos e de ollar malicioso, fala mentireira, cabelo cincento e desgreñado, cotrosa e cun xenio insufrible, esa é a meiga ou bruxa do país. Polo xeral, na mocidade levou unha vida alegre; non casou, pero tivo algún fillo, viviu sempre soa e rosma coas veciñas por calquera cousa. Un día algunha delas chámalle meiga; ó seguinte outra conta que oíu ruídos estraños na casa; algunha máis di que a vella lle mirou o porco de certa maneira e o animal enfermou; e así se vai formando a opinión ata que os veciños todos declaran meiga e feiticeira á pobre muller».

María Rosario Castells é algo máis compasiva na descrición da bruxa do século XX: «A meiga ten pacto co demo, bota o mal de ollo e fai canto dano pode ós seus veciños, tanto nas súas persoas como nas súas facendas. Este é o retrato malévolo da personaxe. Porén moitas veces a quen se acusa de meiga é xente simple, miserable, vella e desdentada, que arrastra a súa desgracia en espera dunha morte liberadora. Na vila de Viana existiu unha muller a quen a opinión popular consideraba meiga. Chamábase “a tía Javiera” e sufriu moito polos aldraxes da veciñanza inculta. Esta muller xustificábase ante os que a maltrataban, dicindo que se fose meiga non pasaría tantas miserias».

E agora unhas historia edificante. Cóntanola don Nicolás Tenorio. Son personaxes principais Tomasa Yáñez, de 74 anos, veciña de Covelo, meiga. E Lisardo Barja, o neno sabio de Camba, Vilariño de Conso. Nota aclaratoria: Cando unha muller ten sete fillos seguidos varóns, o sétimo, se fala dentro do ventre materno durante a xestación, terá no ceu da boca unha cruz e unha pomba e será “sabio”. E a el acudirán os enfermos en busca de remedio para os seus males.

Así chegaron un día primaveral de 1901 Rafael González, de Covelo, enfermo, Crisanto García, irmán doutro enfermo, e Miguel Vázquez, a quen lle morreran os porcos. Recibiunos o pai do sabio, quen axiña chamou ó neno, que andaba coidando as ovellas no campo. Veu o Lisardiño, meteu as ovellas na corte e foise sentar nos xeonllos de seu pai para que este lle empezase a preguntar. Porque compre saber que o sabio só responde ás preguntas de seu pai.

O rapaz, despois de escoitar as consultas paternas, dixo que a culpa do que lle consultaran tíñaa a meiga de Covelo. Deu logo a cada un dos consultantes as receitas correspondentes que non referirei porque ocuparían moito espacio, advertíndolles que de non dar resultado esas menciñas, como de certo non o deron, era preciso acudir a un remedio maior, consistente en propinarlle unha boa malleira á meiga, para o cal puxéronse de acordo Nicanor e Rafael González, Miguel Vázquez e Crisanto García, os cales, na madrugada do día de San Pedro, romperon a porta da corte da casa de Tomasa Yáñez e subiron ó cuarto do sobrado onde a vella durmía. Sacárona da cama, arrastrárona por toda a casa collida polos pelos e, pau sobre pau, déronlle tal somanta que a deixaron por morta debaixo dun banco, co brazo dereito e catro costelas rompidas e sen un sitio no corpo que non tivese sinal dos palastrazos.

No proceso iniciado por esta causa instruíu o sumario o xuíz Nicolás Tenorio. Gracias a un rapaz de oito anos que durmía na casa da vella non houbo problema para descubrir os autores da agresión e facer xustiza. Consecuentemente o neno sabio Lisardo Barja perdeu a sabedoría e uns anos despois marchou a América. Tomasa Yáñez curou das feridas e viviu ata os oitenta anos. E colorín colorado, queda o conto rematado. Nin que fose cousa de meigas, ¿eh?

¿Gustoulle a vostedes esta fermosa e instrutiva historia? Pois miren esto outro fagan as súas comparacións e díganme despois.

(Fin da serie).

 

luns, 21 de setembro de 2020

Crónicas desde o Outro Mundo (89)

                             4 exiliados de luxo

O curmán de Undochán 

    

Couceiro, Coruña, 1977

 

            Fora García Durán (Crón. 35), Miguel Vázquez Valiño (1910-1990, de quen falaremos outro día) ou Rogelio Martínez (1923-2014, Crón. 78), reunimos hoxe catro figuras galegas do exilio, das cales unha só, Tobío, acabou voltando a España (que non a Galicia): o propio Tobío, Díaz e Couceiro (todos tres dun mesmo tempo) e Somoza (uns dez anos máis vello).

  Pedro Couceiro Corral (Perucho, Coruña, 1905-1982), pertencía a ese campo tan alleo a nós como é o científico: Gurriarán ilústranos sobre isto, en tanto Suárez Suárez nos achega o Couceiro galeguista e músico. Licenciado en Medicina (que nunca exercéu) e Química por Santiago, foi bolseiro en Alemaña, dedicado á investigación no terreo da Bioquímica (en temas tanto vexetáis canto animáis), ata que a guerra do 36 o mobilizou a favor do goberno lexítimo, tendo logo que se exiliar, xunto coa dona, Elvira Durán, a París (Instituto Pasteur) e Montevideo (1940).

            Aquí fundou, despóis de coestablecer un Laboratorio Proteo, os Laboratorios del Sur, focados na sanidade animal, coa elaboración de produtos fitosanitarios para o gando vacún. Falaba alemán, inglés e francés e disfrutaba tamén co violino. Compre destacar o ser cofundador (1950) da audición radiofónica Sempre en Galicia, da que foi editorialista por décadas. Obtivo a Vieira de Prata do Patronato da Cultura Galega (1978) e antes logrou viaxar á Terra (1977).

            Vidas paralelas en tres acontecementos, Luis Tobío Fernández (Viveiro, 1906-2003, Madrid, Crón. 59), chegou a Montevideo o mesmo ano que Couceiro e foi como el cofundador de Sempre en Galicia, mesmo tendo residido en Alemaña algún tempo: de resto, máis nada. A singularidade de Tobío radica en ter vivido en Montevideo 22 anos para finalmente voltar aló.

     

            Licenciado en Dereito e docente na Universidade compostelá, decantouse pola carreira diplomática (un de cuxos seus destinos foi Bulgaria). Dantes fora cofundador do Seminario de Estudos Galegos (1923). Exiliado na capital uruguaia, coa sua dona Ma. Carmen Soler, desempeñouse como colaborador do prestixioso xornal “El Día”, mentres se mantiñan coas suas traducións do inglés e do alemán para a porteña Editorial Sudamericana… rematando como publicitario na delegación do internacional Laboratorio Roche. (En 1949 consegue a cidadanía legal).

            Xa residindo na capital española, obtería a Vieira de Prata 2000 e o nomeamento para el do Colexio de ensino primario de Viveiro. Das suas moitas publicacións, é de destacar a especialización de Tobío na figura do conde de Gondomar. E as suas amenas e informativas memorias (As décadas de T.L., O Castro, 1994, nas que  lle dedica a Montevideo máis de 150 das 700 páxinas), de onde tomamos datos varios.

Alfredo Somoza

            O seguinte en arribar a estas hospitalarias costas (1948) foi Alfredo Somoza Gutiérrez (Coruña, 1892-1951), expresidente da Deputación coruñesa, que salvou a vida, incribelmente agochándose na propia cidade durante 11 anos (¡), ata lograr fuxir e radicarse en Montevideo, onde o agardaban sua muller Ángela Roibal e a sua filla Manuela. (Angelita sería convidada especial no acto de inauguración da montevideana rua Castelao, 1970).

            E velaí como Somoza -sobriño-segundo de Castelao, por seu pai Somoza Rodríguez- foi o terceiro destes en cofundar a audición Sempre en Galicia, no ano do pasamento daquel, co título da sua obra maxistral. (O Lcdo. Sixirei ten biografiado, 1987, a este coitado cabaleiro que tan pouco tempo disfrutou da sua liberdade e familia).

            Chegamos así ao último en arribar ao Uruguai (o mesmo 1951, un mes andado do pasamento de Somoza), cal foi Xerardo Díaz Fernández (O Son, 1907-1992) quen anos despóis (1955) conseguíu traer onda el a muller (Carmen Moreira) e fillos cativos. Mestre de profesión, desempeñouse como funcionario da Xustiza, até ser preso polos alzados do 36, pasando 4 anos nos cárceres de Compostela e Coruña, conseguindo, unha vez liberado, titularse de Procurador (1949)… sen poder exercer. É así como se decide a se exiliar.

            Aquí se manterá dos máis diversos traballos, entre eles o máis acorde coa sua formación, o de contábel, sendo o único destes homes que, malia a sua dilatada vida, non tornou á Galiza, tendo dedicada (desde 1992) unha praza da sua vila natal. Para o seu país e para a memoria democrática pode mostrar o grande mérito de ter publicado, alén dun volumen de Contos (1986), a triloxía d’O Castro: Os que non morreron (1982, memorias da cadea), A crueldade inútil (1985) e Desde la diáspora (1991). Sendo esta última, ao xeito da de Tobío, un relato dos seus anos uruguaios. (Ao igual que Pondal quen, con once  anos, oiu falar dos fusilamentos de Carral, Díaz lembraba, cos seus oito  aqueles crimes que documentou no volume de 1987, Nebra, historia dunha infamia). Todo isto valeulle a Vieira de Prata deste mesmo ano. (Díaz tamén tiña a cidadanía legal e militou na política progresista do país).

 Citas extemporáneas: As mulleres deste país [Uruguai, 1865] son xeitosas, francas, sensíbeis e máis instruiditas que as daló (Pérez Galdós). Que mulleres as uruguaias! (Unamuno). (Cit. Luís Tobío, quen engade): Como na miña terra, tiñan [as mulleres} alí [no Uruguai], naquela sociedade, un peso e unha influencia que non se dan dadoito noutros sitios.