luns, 21 de setembro de 2020

Crónicas desde o Outro Mundo (89)

                             4 exiliados de luxo

O curmán de Undochán 

    

Couceiro, Coruña, 1977

 

            Fora García Durán (Crón. 35), Miguel Vázquez Valiño (1910-1990, de quen falaremos outro día) ou Rogelio Martínez (1923-2014, Crón. 78), reunimos hoxe catro figuras galegas do exilio, das cales unha só, Tobío, acabou voltando a España (que non a Galicia): o propio Tobío, Díaz e Couceiro (todos tres dun mesmo tempo) e Somoza (uns dez anos máis vello).

  Pedro Couceiro Corral (Perucho, Coruña, 1905-1982), pertencía a ese campo tan alleo a nós como é o científico: Gurriarán ilústranos sobre isto, en tanto Suárez Suárez nos achega o Couceiro galeguista e músico. Licenciado en Medicina (que nunca exercéu) e Química por Santiago, foi bolseiro en Alemaña, dedicado á investigación no terreo da Bioquímica (en temas tanto vexetáis canto animáis), ata que a guerra do 36 o mobilizou a favor do goberno lexítimo, tendo logo que se exiliar, xunto coa dona, Elvira Durán, a París (Instituto Pasteur) e Montevideo (1940).

            Aquí fundou, despóis de coestablecer un Laboratorio Proteo, os Laboratorios del Sur, focados na sanidade animal, coa elaboración de produtos fitosanitarios para o gando vacún. Falaba alemán, inglés e francés e disfrutaba tamén co violino. Compre destacar o ser cofundador (1950) da audición radiofónica Sempre en Galicia, da que foi editorialista por décadas. Obtivo a Vieira de Prata do Patronato da Cultura Galega (1978) e antes logrou viaxar á Terra (1977).

            Vidas paralelas en tres acontecementos, Luis Tobío Fernández (Viveiro, 1906-2003, Madrid, Crón. 59), chegou a Montevideo o mesmo ano que Couceiro e foi como el cofundador de Sempre en Galicia, mesmo tendo residido en Alemaña algún tempo: de resto, máis nada. A singularidade de Tobío radica en ter vivido en Montevideo 22 anos para finalmente voltar aló.

     

            Licenciado en Dereito e docente na Universidade compostelá, decantouse pola carreira diplomática (un de cuxos seus destinos foi Bulgaria). Dantes fora cofundador do Seminario de Estudos Galegos (1923). Exiliado na capital uruguaia, coa sua dona Ma. Carmen Soler, desempeñouse como colaborador do prestixioso xornal “El Día”, mentres se mantiñan coas suas traducións do inglés e do alemán para a porteña Editorial Sudamericana… rematando como publicitario na delegación do internacional Laboratorio Roche. (En 1949 consegue a cidadanía legal).

            Xa residindo na capital española, obtería a Vieira de Prata 2000 e o nomeamento para el do Colexio de ensino primario de Viveiro. Das suas moitas publicacións, é de destacar a especialización de Tobío na figura do conde de Gondomar. E as suas amenas e informativas memorias (As décadas de T.L., O Castro, 1994, nas que  lle dedica a Montevideo máis de 150 das 700 páxinas), de onde tomamos datos varios.

Alfredo Somoza

            O seguinte en arribar a estas hospitalarias costas (1948) foi Alfredo Somoza Gutiérrez (Coruña, 1892-1951), expresidente da Deputación coruñesa, que salvou a vida, incribelmente agochándose na propia cidade durante 11 anos (¡), ata lograr fuxir e radicarse en Montevideo, onde o agardaban sua muller Ángela Roibal e a sua filla Manuela. (Angelita sería convidada especial no acto de inauguración da montevideana rua Castelao, 1970).

            E velaí como Somoza -sobriño-segundo de Castelao, por seu pai Somoza Rodríguez- foi o terceiro destes en cofundar a audición Sempre en Galicia, no ano do pasamento daquel, co título da sua obra maxistral. (O Lcdo. Sixirei ten biografiado, 1987, a este coitado cabaleiro que tan pouco tempo disfrutou da sua liberdade e familia).

            Chegamos así ao último en arribar ao Uruguai (o mesmo 1951, un mes andado do pasamento de Somoza), cal foi Xerardo Díaz Fernández (O Son, 1907-1992) quen anos despóis (1955) conseguíu traer onda el a muller (Carmen Moreira) e fillos cativos. Mestre de profesión, desempeñouse como funcionario da Xustiza, até ser preso polos alzados do 36, pasando 4 anos nos cárceres de Compostela e Coruña, conseguindo, unha vez liberado, titularse de Procurador (1949)… sen poder exercer. É así como se decide a se exiliar.

            Aquí se manterá dos máis diversos traballos, entre eles o máis acorde coa sua formación, o de contábel, sendo o único destes homes que, malia a sua dilatada vida, non tornou á Galiza, tendo dedicada (desde 1992) unha praza da sua vila natal. Para o seu país e para a memoria democrática pode mostrar o grande mérito de ter publicado, alén dun volumen de Contos (1986), a triloxía d’O Castro: Os que non morreron (1982, memorias da cadea), A crueldade inútil (1985) e Desde la diáspora (1991). Sendo esta última, ao xeito da de Tobío, un relato dos seus anos uruguaios. (Ao igual que Pondal quen, con once  anos, oiu falar dos fusilamentos de Carral, Díaz lembraba, cos seus oito  aqueles crimes que documentou no volume de 1987, Nebra, historia dunha infamia). Todo isto valeulle a Vieira de Prata deste mesmo ano. (Díaz tamén tiña a cidadanía legal e militou na política progresista do país).

 Citas extemporáneas: As mulleres deste país [Uruguai, 1865] son xeitosas, francas, sensíbeis e máis instruiditas que as daló (Pérez Galdós). Que mulleres as uruguaias! (Unamuno). (Cit. Luís Tobío, quen engade): Como na miña terra, tiñan [as mulleres} alí [no Uruguai], naquela sociedade, un peso e unha influencia que non se dan dadoito noutros sitios.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario