sábado, 20 de novembro de 2021

Polos camiños do Alén.

 

Un barco viquingo non estaba preparado para navegar mentres non lle cravaban un par de moedas na quilla, coa esperanza de que, se naufragaban, sempre sabían de onde botar man para sacar unhas moediñas coas que subornar á deusa Ran cando, coa súa rede, viñese recoller ós afogados para levalos ós seus dominios, ó reino da néboa permanente, unha especie de inferno que nada tiña que ver co ansiado Valhalla, a morada dos deuses bos e dos benaventurados.

Esas moedas dos viquingos teñen moito que ver co costume grego de amortallar ós finados con cadansúa moeda sobre os ollos, para ter con que pagarlle ó barqueiro da lagoa Estixia, que os levase ó mundo dos mortos, pois de non facelo ficaban importunando ós vivos á espera de que un parente ou veciño pagase a peaxe necesaria para liberalos dun eterno vagar; como tantas ánimas penitentes de quen nos falaban os nosos avós, reclamando misas ou a corrección de erros nalgún testamento.

Para quen cre nunha segunda vida tras a morte, o camiño para chegar ó Máis Aló non é doado. O finado é como un cego nunha corredoira con múltiples ramais que obrigan a tomar un guía, alguén que o acompañe ata as portas onde san Miguel ten instalada a balanza do xuízo, como antes a tiña o exipcio Anubis, a fin de sinalar o camiño do ceo ou do inferno, segundo o fel indique. E se os gregos tiñan a Hermes e os romanos a Cástor e Pólux, para levalos da man ata o embarcadoiro de Caronte, nós temos á Virxe do Carme e a san Francisco, a quen xa en vida lle imos pagando o noso tributo para un bo rescate das chamas do purgatorio, santos que presiden moitos petos de ánimas que se espallan polos camiños do país, unha botando como cabo de auxilio o seu escapulario e o outro o cordón do seu hábito, como se ve no fermoso peto de Taragoña. E non debemos confundir estes petos cos esmoleiros, que aínda que semellantes na forma só son pequenos altares dedicados ás divindades protectoras dos aconteceres da vida neste Máis Acó, co fin de recadar esmolas para a súa veneración a troco de outorgar saúde e sorte. Os petos de ánimas imploran para favorecer un bo transo tras a morte como xa facían os etruscos e logo os romanos coas súas capeliñas a Mania, tamén nos camiños, deusa da morte e nai dos espíritos nocturnos, a quen o cabeza de familia invocaba con certos rituais que había que facer á media noite durante as festas Compitais, que acostumaban a celebrar cando o inverno xa se fai dono do tempo e os seus temidos efectos poñen en perigo as vidas, ofrecéndolle bonequiños de la coa esperanza de que esta deusa se dea por satisfeita e non reclame como compaña a ningún membro da familia. Rituais nos que tamén se pretendía espantar ós mesmos finados para que non viñesen a importunar ós vivos como unha Santa Compaña de malvados penitentes.

Pero, por moi bos guías que teñamos para cruzar as fronteiras do Alén, con todas as promesas de paraísos onde paspar eternamente, todos queremos seguir neste incerto e inseguro Máis Acó cargando co que nos boten e contrapoñendo esmoleiros para que outras divindades nos permitan gozar de boa saúde, canto máis tempo mellor. 

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia). 

xoves, 18 de novembro de 2021

ÉFESO, DURMINTES E OUTROS

Por Pepe de Rocaforte

 

    

 

A semana pasada, dándolle voltas ó caso dos Durmintes efesios, decateime de que a cidade onde se desenvolvía o relato, a pesar dunha evidente mala sorte ó longo da historia, chegou a acadar uns niveis de importancia, cultura e riqueza, que a min, desde a miña ignorancia, parécenme case incribles para a época en que se produciron.

Empezando polo malo, por dar só unha pequena relación de desgracias sufridas polos efesios podemos empezar polos continuos arrastres de sedimentos do río Caístro, que foron rebaixando o calado do porto ano tras ano, sen que os continuos dragados o puidesen evitar, ata impedir a chegada de barcos e afastar a comunicación co mar a cousa duns dez quilómetros, deixando así en beneficio da actual Kusadasi a recepción dos grandes cruceiros de turismo, hoxe atraídos precisamente pola sona de Éfeso.

Pero a desgracia maior para a cidade foi a destrución do templo de Artemisa, unha das sete marabillas do mundo antigo, o máis grande templo da época clásica, con cento vinte columnas das que hoxe tan só se conserva unha para recordo. Como me dicía un amigo: velaí o temos: unha charca, unha columna e catro pedras esparexidas polo arredor. Todo gracias a aquel tal Eróstrato que no ano 355 a.C. coa súa fazaña destrutiva conseguiu o que se propuxera: que o seu nome chegase ata nós.

E, entre outras perdas, ¿que se fixo da estatua en ouro da deusa, radiante de fermosura e abundancia, no interior do templo? En Selçuk, pequena cidade de trinta e tantos mil habitantes, a dous quilómetros de Éfeso, no museo local consérvase unha reprodución romana en mármore, “Artemisa Polimastia”, a deusa con moitas mamas.

  
    E entre as ruínas, sobre onde en tempos se atopaba o porto, dános outra idea da importancia de Éfeso o ben conservado Gran Teatro, con capacidade para vinte e cinco mil espectadores, desde o cal se chega, por unha avenida cun maxestoso pavimento de mármore, á Biblioteca de Celso, na cal había por aquel entón ¡doce mil! ¿libros? ¿volumes? ¿pergamiños? ¿papiros? (non sei ben como lle chamar, pero o seu número dános outra idea do nivel cultural daquela cidade onde o filósofo Heráclito nos ilustraba ós estudantes do bacharelato da miña época facéndonos saber (panta rei, todo corre) que ninguén se baña dúas veces no mesmo río (aínda que agora no Caístro tal vez si).

Tamén chaman a atención do turista as latrinas públicas, algo que a nós, pudorosos e aseados  europeos, nos resultan difíciles de imaxinar tal como eles as utilizaban. Nada menos que a práctica da defecación colectiva en salas abertas, á disposición da xente con necesidade quizais urxente, ou non, de utilizar ese lugar en algún momento do día, fóra da casa, e practicar a evacuación excrementicia ó tempo de falaren entre eles das últimas novidades producidas na cidade.  Tal vez estas latrinas inspiraron a Papini un dos seus relatos cuxo título non lembro agora, nin o libro en que foi publicado, pero que chamara moito a miña atención cando o lin de rapaz.

Chegando logo a tempos do cristianismo, vemos como o apóstolo Pablo acusaba ós malpocados efesios das penalidades sufridas por el cando por alí andou predicando a doutrina de Cristo e, na “Epístola ad efesios”, culpábaos de ser por eso encarcerado en Roma. “Estou preso por amor de Xesucristo” -dicíalles-, “por causa de vosoutros, os xentís”. E así abreunos un camiño ós chistosos baratos para converter “ad efesios”  nunha soa palabra, sinónimo de “mamarrachos”. Que Deus nos perdoe.

Mais tampouco podemos esquecer que os cristiáns déronlle as súas voltas ó maxín en busca de novos atractivos turísticos para viaxeiros crentes, como o que contei a semana pasada dos Sete Durmintes de Éfeso, aínda que a eses axiña lle saíron contrincantes coa aspiración de rendibilizar en proveito propio a fábula que, se folleamos un pouco a obra de Jung, non teremos moito problema para situar as súas orixes nun probable inconsciente colectivo, ou como se deba chamar.

Outro invento dos cristiáns efesios foi o descubrimento da casa onde viviu e morreu María, a nai de Xesús, co escaso acerto de situala nun edificio a cousa de cinco quilómetros da cidade, cuxos cimentos e estrutura se datan no século VII da nosa Era. Non debían ter daquela moito ollo clínico os inventores de tradicións.

Aínda habería algunhas cousiñas máis que ofrecer á consideración do lector, pero estáseme facendo un pouco tarde xa. E laméntoo, porque entre unhas cousas e outras non sei se se decataría vostede de que estou loucamente namorado da antiga cidade de Éfeso.

 

 

sábado, 13 de novembro de 2021

No bicentenario de Dostoiesvski

   O pasado once de novembro cumpríanse douscentos anos do nacemento de Dostoievski, un autor de quen sempre lembro o consello que, como quen sinala unha sentencia inapelable, me deran cando eu aínda era un aprendiz de lector (se é que algunha vez deixei de selo): Hai que ler Crime e Castigo. E entón lino. Agora tamén eu digo o mesmo, pero meto no carro a practicamente toda a súa obra.

Dostoiesvski naceu con mal pé. Pertencía a unha familia aristocrática, daquelas que eran donas de terras e servos, de maneira que cando vendía unhas parcelas co lote tamén ían os que alí vivisen. Naceu con mal pé porque lle tocou un pai déspota e bruto, a quen o vodka poñía moito peor do que xa era, tanto que os propios servos, dándolle da súa propia menciña, emborrachárono ata morrer. E naceu con mal pé porque sufriu durante toda a vida de epilepsia.

Ía para enxeñeiro, e de feito eses foron os seus estudios, que finalizou con vinte e dous anos para meterse logo no exército, que era a profesión da nobreza, pero por mor de acontecementos algo turbios, para saldar unha débeda, traduciu a obra de Balzac, Eugenia Grandet, con tanta boa sorte para as xeracións lectoras, que a partir dela decidiu abandonar o exército e dedicarse á literatura.

Pero a literatura é esa arma de dobre fío que, se ben, en xeral, lle aportou fama e boas críticas, obrigábao a reflexionar sobre a sociedade do seu tempo, e se non chegou a vestir como os campesiños, como facía o conde Tolstoi, si o levou a frecuentar grupos de opinión contra os que, con certa xenreira, o tsar Nicolás I argallou unha celada, prendeunos, xulgounos por conspiradores e condenounos a morte un tráxico vinte e dous de decembro de 1849. Con vinte e oito anos, el e os seus camaradas foron conducidos fronte ó pelotón de fusilamento. Vendáronlles os ollos e só podían escoitar as ordes do capitán preparando ós soldados. Debeu de ser terriblemente duro e atroz o que aqueles opinadores políticos sentiron en tan tráxico momento, cando sonaban as ordes de “Carguen” e “Apunten” nun escenario semellante ó pintado por Goya sobre o dous de maio. Pero xusto antes de sentenciar: “Disparen”, chegou a orde do propio tsar para conmutar a pena por traballos forzados en Siberia.

Supoño que esta simple anécdota bastaría para condicionar o resto da súa vida, pero se sumamos o seu novo paso polo exército, degradado a soldado raso, a súa caída na ludopatía, as lembranzas dun pai déspota e a vida nunha sociedade que loitaba contra os vellos roles para abrazar modelos máis modernos e europeizantes, temos ó autor debaténdose entre a tradición e a modernidade, como retratou en obras como Os irmáns Karamazov, onde cada un ten un marcado e diferenciado carácter, desde o relixioso ó déspota, do vividor ó mesquiño; todo un estudo das personalidades polo que o filósofo Nietzsche  chegou a dicir que Dostoievski era o mellor psicólogo de todos os tempos, e penso que moi merecedor do epitafio que o eterniza, sacado dunha pasaxe do evanxeo de  san Xoán: “En verdade vos digo que se un gran de trigo cae na terra, se non morre fica só, pero se morre produce novo froito”. E el foi semente imperecedoira.

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).