xoves, 9 de maio de 2024

PAUL AUSTER E SIRI HUSTVEDT

 


Por Pepe de Rocaforte

Paul Auster non foi precisamente un autor por quen eu sentise unha grande admiración. Xa antes de ler algunhas obras súas, que tampouco foron moitas, me sentía escasamente atraído pola súa imaxe, polo menos a imaxe que se vía nos artigos de prensa e nas fotografías relacionadas con el.

O primeiro libro seu que lin foi, se non me engano, “Leviatán”, que contén boa parte dos desenvolvementos máis típicos, e máis tediosos, do autor, onde atopamos a Peter Aaron (P. A.), o narrador, quen ó ter coñecemento da morte en estrañas circunstancias do seu amigo Benjamin Sachs, anteriormente activo loitador contra a guerra de Vietnam e autor dun libro de mocidade co cal, durante algún tempo, se convertera en autor de culto. Así comenza “Leviatán” a historia da amizade que unira a ambos escritores, Peter e Benjamin, amizade que acabaría marcando fondamente as súas vidas. Con este libro Auster ganou o “Premio Médicis” á mellor novela estranxeira publicada en Francia en 1993.

Tal vez unha das súas obras máis apreciadas fose “A triloxía de Nova York”, cuxos dous primeiros relatos, “Cidade de Cristal” e “Fantasmas”, non me chamaron particularmente a atención, aínda recoñecendo o seu atractivo, e a pesar da lectura doada que ofrecían, non me convenceron. A Juan Bonilla, autor do prólogo á “Triloxía” na súa edición castelá, nun texto que agora non atopo por ningures, linlle que algúns fragmentos deste libro facíanlle lembrar o “Molloy” de Samuel Beckett, opinión que comparto. Semellanzas curiosas que puiden observar , como as doutros varios fragmentos, probables axudantes no labor de formar en min unha opinión contraria.

E falo de semellanzas curiosas como aquela na que o narrador se pregunta: “¿que pasaría se, chegado a unha bifurcación na vida, en lugar de escoller este camiño, tivese seguido o outro?” Ou o desencadeante dunha acción por parte do narrador, a partir dunha chamada telefónica equivocada, fragmentos ambos que me parece ter lido noutros libros e escritos por outros autores.


E xa que me estou metendo en fariña, outro detalle moi común: o título da novela “Diario de inverno”, publicada en 1989, é idéntico ó doutra novela, dun autor galego, publicada en 1988. En fin, que como dicía aquel escritor de quen agora non lembro o nome, “nesta vida xa todo está escrito, incluído esto que acabo de escribir, naturalmente”. Así que falando de autor norteamericano e autor galego, tamén podería citar unha novela de aventuras do norteamericano, e outra novela de aventuras do galego. Máis curioso porque ningún destes autores escribira antes (nin despois) libros de aventuras.

E seguindo co tema das coincidencias curiosas, non está mal a dun autor atopar, nun medio de transporte público, unha descoñecida lectora dun libro seu. Curiosa, pero moi posible en realidade.

Chegado aquí vou parar nesta historia. E se vostede se pregunta que pinta logo o nome de Siri Hustvedt, direi que era dela de quen me propoñia escribir hoxe, pero chegado a este punto, paréceme mellor deixar o tema desa gran escritora, viúva de Auster, para a próxima ocasión con máis tempo e espacio. ¡Boa fin de semana!



sábado, 4 de maio de 2024

Bágoas

 


Chorar non é malo, o malo é ter que chorar, aínda que moitas veces o motivo sexa algo banal, coma cando estamos vendo unha película ou lendo un libro e nos emociona o que alí se conta, facéndonos brotar esas bágoas que nos refrescan a sensibilidade.

Xa sabemos o que nos van dicir os fisiólogos, que as bágoas son unha defensa do corpo, tanto para limpar os ollos como para alixeirar emocións, pero tamén son o desafogo da rabia e da angustia, da impotencia e da resignación, por iso nos entristecen tanto aquelas persoas que nunca choran como as que soltan o que damos en chamar bágoas de crocodilo, esas que caen sen dor nin pena, por puro finximento, símbolo de hipocrisía, como as que o animal derrama involuntariamente cando está devorando un antílope, tan só porque as mandíbulas do réptil comprimen os lacrimais, algo moi parecido a cando nós choramos de risa. Pero as bágoas de verdade, acompañadas polo xeral de beizos caídos e suspiros, son as que o corpo libera para amolecer a dor.

A ver quen non derramou unhas bágoas algunha vez. Incluso os varóns máis duros ante un acto de rabia ou de impotencia volven a cara para secar os ollos. Outras veces, a tristeza é tan grande que a sabedoría popular xa admite iso de que se lle secaron os ollos, cando a carraxe, a angustia ou a mágoa está tan metidas dentro de nós que o tomamos como algo natural, resignados a convivir coa dor.

Aí atrás saíu a noticia de que as bágoas teñen un olor que inflúe no comportamento camorrista, reducindo a agresividade, pero éme difícil de crer, a pesares de que sempre se lle dá máis valor a todo cando vén asinado por un grupo de científicos. A noticia falaba duns investigadores israelitas que observaron nun grupo de ratos como moderan a súa agresividade cando olen as bágoas das femias. Trasladando o experimento ás persoas comprobaron que os homes tamén diminuían a agresividade se ulían unhas bágoas femininas, incluso en xogos de mesa ou en campos de deporte.


E fáiseme difícil de crer porque daquela deberíamos ver algunha mostra de arrepentimento nalgún dos violentos machistas que cada pouco nos asaltan nos medios de comunicación, incapaces de refrearse, de ulir ou de sentir nada, por moito que a vítima bagulle despois da primeira trompada; a non ser que falten por demostrar os efectos secundarios dunha sobredose de pranto, que dexenere niso que se vén dando en chamar un corazón de pedra.

O mesmo feito de que fose un grupo de israelitas quen sacaron estas noticias é o que non me deixa darlle moito creto, pois, moi mal deben estar as pituitarias dunha boa parte dese país para non ulir a cantidade de bágoas que solta a poboación palestina. Ou talvez sexa que xa non teñen narices para sentir a dor allea.

A outra posibilidade é que sexa tan grande a dor dos gazatís, que tamén a eles se lles secasen os ollos.

E atención a iso que xa sabemos: que as bágoas dun neno só son a semente da ira e da vinganza. Que o moito pranto crea seres insensíbeis, resignados e dispostos a acadar os seus propósitos sen portar pola dor allea.

 

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbaanza de La Voz de Galicia).

sábado, 27 de abril de 2024

Alcumes e sambenitos



Lembrábamos estoutro día a crítica pretendidamente burlona e de ridiculización que fixo certo afamado académico da lingua española, quen, preguntando en Compostela por un enderezo contestáronlle con outra pregunta. Segundo el, iso de responder con outra pregunta era un sinal de identidade galego. A min quédame a dúbida de se non sería que el non preguntou con claridade, que non se expresou debidamente e o preguntado necesitaba máis información. Pero como o chiste era doado, non tardou o señor académico en poñer sobre papel a súa experiencia levando a ascua á súa sardiña.


Non hai pobo, aldea ou nación que se libre dalgún sambenito que lle colgan como sinal identificativo, como ás persoas lle colgan algún alcume. Aquí temos ós cataláns por agarrados e ós andaluces por graciosos, dicimos que os de Noia son zapateiros e os de Ribeira caixeiros, e nin todos os noieses lle daban á subela nin os ribeirenses roubaban a caixa das ánimas como fixo alguén que lle deixou o adeallo ese ós seus veciños. Hai uns anos todos os vascos eran etarras e agora todos os cataláns son independentistas, só porque as voces máis altas nos falen dun grupo que se fai oír sobre o resto da poboación.


Os mesmos apelidos foron no seu día alcumes e sambenitos, e aí temos Ferreiros, Blancos ou Capeláns para sinalar defectos físicos, oficios ou lugares de procedencia. Xa en tempo dos romanos, personaxes que pasaron á historia, como Cicerón, de nome Marco Tulio, recibiu o alcume por mor dun vultiño parecido a un garavanzo que tiña no nariz; e Nasón, de nome Ovidio, recibiu este apelido por mor do enorme nariz con que engalanaba a cara.

Tras a segunda Guerra Mundial todos os alemáns eran un malditos nazis, e ninguén se lembraba de grupos como a Rosa Branca que dende a mesma Alemaña loitaba contra os abusos do réxime, e moitos dos seus membros, por defender xudeus, acabaron na guillotina tras un xuízo sen dereito de defensa. A memoria é así de esquecediza.


Podes non coñecer O Grove, pero se un antepasado teu naceu alí hai douscentos ou trescentos anos, seguirás sendo Meco de por vida, e se ese antepasado naceu en Vilanova serás Repoleiro aínda que non che guste o repolo. Outros alcumes veñen de ter na familia a alguén con un nome pouco común, deses que nunca sabes cando é a súa onomástica, e así coñecemos a un Micaelo e a unha Nemesia, descendentes de alguén que levou tales nomes, porque unha das propiedades dos alcumes é que teñen xénero, así un Carpinteiro pode ter unha filla Carpinteira, e unha Costureira pode ter un fillo Costureiro aínda que no saiba enfiar unha agulla.

Os alcumes e sambenitos son unha marca de identidade, case sempre para recordar algo que, na maioría das veces só é unha anécdota, ou simplemente pola gracia que fai un nome mal pronunciado, como o dos Picheleiros de Santiago, dedicados a traballar o latón, a quen lle trocan o “e” por un “o” con claras intencións venéreas. Ou como aquela maneira de xeneralizar a conducta de toda una vila ou cidade, dicindo que mentres Vigo traballa, Santiago reza e A Coruña pasea, o mesmo que se dicía, na mesma orde, de Ribeira, Palmeira e a Pobra.


Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

sábado, 20 de abril de 2024

Bicos e morreos

Hai que ter moi mala memoria para non se lembrar dese noso primeiro bico, compartido e desexado, que quen máis e quen menos deu case na clandestinidade e logo nos quitou o sono. Esa ansia adolescente que se rememora durante toda a vida e nos fai soñar con un tempo sen volta. Aquelas promesas de amor eterno, polo que faciamos nosos os versos de Bécquer cando non sabía o que lle daría á súa amada por un bico.

Ninguén me sabe dicir por que son os bicos o preámbulo do amor, como a sinatura e acordo do mesmo, como tampouco me saben dicir por que dexenerou nunha forma de impoñer submisión, de abuso de poder, de botín de ladrón, como aquel do poema de Benito Losada que se xustificaba con que, como na cara llo deixara, non era roubo, e aínda pedía con todo descaro “vén, que aquí estou, e róubame outro a min” que tanto nos recorda a recentes acontecementos da maior vileza machista.

O que ninguén pode asegurar é como naceu esa idea de bicarse nin como evolucionou ata o morreo. Xulio asegura que os primeiros bicos eran lambetadas entre nais e fillos, unha maneira de lavarlle a cara ou de pasarlle a comida mascada como fan as gavotas cos poliños, que dalgunha maneira iría evolucionando ata converterse nun aloumiño de beizos e mostra de cariño e afecto. Os rusos danse tres bicos cando se saúdan, nós bicamos na fronte ós anciáns, na meixela ós parentes e nos beixos ás e ós amantes. Pero os bicos tamén son símbolo de traizón coma a de Xudas

Dise que antes de que Alexandre Magno chegara á actual India, a este lado do Mar Negro non se sabía dos seus praceres. Pero o Magno morreu tres centos anos antes de Cristo e Homero, catro centos anos antes ca el, xa nos falaba dos cariñosos bicos de afecto.


Andando o tempo, aquel costume que xa se usaba na India máis de dous mil anos antes da nosa era, pasou a tomar o valor dun obxecto a posuír pola forza, como quen procura con el o triunfo do seu poder, nada que ver con ese cadro de Gustav Klim, que tanto se pode contemplar en vertical como en horizontal, de pé como deitado, ou aquel bico de Rodin, que nos mostra ós amantes envoltos nun cariñoso e compartido abrazo sen submisión.

Do afecto ó abuso hai un paso. Celebrar unha vitoria con un bico roubado só é un abuso de aproveitado, de sometemento, como foi aquel que o fotógrafo Einsenstaedt captou entre un mariñeiro e unha enfermeira na celebración do final da Segunda Guerra Mundial, que Greta Friedman, unha austríaca refuxiada do nazismo, con quen todos concordan que era a verdadeira protagonista daquela escena, só lembraba que o mariñeiro era moi forte, apertábaa moito e para nada foi un momento romántico. Non, ningún roubo é romántico e esa famosa foto, que para moitos celebra a vitoria contra o nazismo, tamén denuncia o que durante séculos foi unha constante en todas as contendas, dende Troia ata os abusos dos máis recentes conflitos bélicos, onde a muller é o ser máis vulnerábel e sometido polos vencedores.

Recoméndovos A historia, unha fermosa novela da italiana Elsa Morante.


Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia.)

sábado, 13 de abril de 2024

A fin do mundo

 

                                 

Dende que sabemos da expansión do universo, a pregunta é ata onde vai chegar ou se acabará nun deses enigmáticos e desastrosos furados negros que engolen todo o habido e por haber. Sexa cal sexa o destino que lle agarda a todo este mundo, nin nós nin os nosos descendentes o imos ver. Moito antes de que ocorra apagarase o sol e a vida na terra desaparecerá en todas as súas formas e manifestacións.

Aínda así, pensar no final de canto nos rodea foi algo que sempre estivo presente, xa fose por análises e formulacións científicas ou por fantasías mitolóxicas en que todas as relixións nos amosan un castigo final con aparencia de xuízo para condenar, con algún tipo de tortura sen fin, á inmensa maioría, polo simple feito de querer vivir, cando moitas veces o castigo xa se nos aplica en vida coas múltiples e desastrosas guerras que nos amosan a cara da apocalipse. E se na Biblia nos falan dunha Sodoma e Gomorra, na Barbanza temos a mítica Valverde destruída, tamén, cunha chuvia de brea e lume, fortes ventos e xigantescas olas que lle fixeron dicir a Nosa Señora de Moldes aquilo de “non quero tal ver nin ver tal”. Máis drástico foi o asunto do diluvio, que tomaron para si distintas culturas e que Alejo Carpentier nos expuxo no inesquecíbel relato Os advertidos, onde non falta Noé co seu barco cargado de animais. E peor será a que nos espera se se executa esa tremenda Apocalipse do evanxelista, sobre a que tanto trataron freires e beatos medievais, con fogo, tronos e malvados seres padexando pecadores para alimentar as caldeiras do inferno, mentres uns poucos escollidos suben en anxelical compaña polas escadas da gloria.

Dá medo pensar nese drástico final que os viquingos asociaban cunha destrutiva guerra, o seu Ragnarok, unha batalla que acabará poñendo a cada quen no seu sitio para reformar ós desenfreados. O malo é que ningunha guerra puxo nunca a ninguén no seu sitio.

Os mitos e as lendas amósannos os medos de quen os creou e se para nós non pode haber nada tan duro como que chova lume e brea, tampouco é moi agradable que durante corenta días con corenta noites arrolle sen parar. Cada cultura e cada época ten a súa maneira de interpretar como vai ser o seu final. Estes días veume á memoria un conto bérber que contempla a fin do mundo como unha enchenta que o inunda todo, algo moi parecido ó de Noé, pero sen chuvia, pois neste caso a auga saía das mesmas pedras do lar de cada casa ou haima, xa que os berberiscos non entenderían que a chuvia, ese ben escaso que poucas veces os visita, fose ser mala para eles.

Modernamente inventouse o dun asteroide que vén de camiño para chocar coa Terra ou que o sol vai expulsar un relampo de lume que nos abrasará a todos. Pero os únicos asteroides e relampos de lume son os que caen cada día sobre a poboación civil de Gaza. Iso si é a fin do mundo para os gazatís sen que ninguén poida ou queira facer nada por impedilo.


Non sabemos como vai acabar o mundo pero polo de agora méteme máis medo a irresponsabilidade dos señores da guerra.

 Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición deBarbanza de La Voz de Galicia).