sábado, 21 de setembro de 2024

Teitar camposantos

É mágoa que os cemiterios non teñan tellado, o que nos limita a visita en días de chuvia. E é que, ata agora, a ninguén se lle pasou pola mente teitar un camposanto. Talvez porque así, os finados, non teñen unha saída a ceo aberto, para ver as estrelas cando se xuntan en boa compaña.

Teitar espazos normalmente abertos non sempre é malo. Esta semana, visitando o mosteiro de Montederramo, onde ata hai uns poucos anos funcionou unha parte do mesmo como escola infantil (a falta de crianzas obrigou o seu peche), vimos como tiñan cuberto con cristal un dos claustros, usado como patio de recreo para o alumnado, incluso tras ver polo camiño varias casas con placas solares, imaxinámonos que os do mosteiro podían ser paneis solares que abastecesen de enerxía o colexio. Na Barbanza temos visto algún que outro alpendre teitado de placas fotovoltaicas, e cada día van en aumento as casas que optan pola instalación das enerxéticas pranchas nos seus tellados que, se ben non dan para abastecer todo o que unha casa necesita ó largo do ano, serven para rebaixar a factura da luz.

Entre o aproveitamento do espazo e dos recursos, dado que estes só son rendíbeis a partir dun certo número de elementos que depende da poboación a que se destina, o concello de Valencia retomou a idea de converter os seus cemiterios en campos de enerxía fotovoltaica recubrindo con placas solares os nichos, para aforrar algo en electricidade. A idea non é nova, pois no cemiterio de Bilbao xa teñen instaladas varias que reducen o custo enerxético do camposanto nun 60 por cento. E na Bretaña francesa, que non se distingue por ser un lugar moi soleado, levan tan adiantado o proxecto de teitar corredores entre as tumbas, que pensan abastecer a unha boa parte da veciñanza de Brière para o vindeiro verán. Un proxecto impulsado por un grupo de veciños da localidade de Saint Joachim, onde, ademais de permitir una visita ós finados prescindindo dos paraugas, coma quen camiña baixo os soportais dunha cidade, abastecerá de electricidade a unha boa parte da poboación. Seguramente unha solución moito mellor ca, como se ve nalgúns puntos de Castela ou polo sur da península, de ocupar enormes extensións de terreo privándoas de cultivo.



 Un dos maiores problemas para este tipo de xeración eléctrica será sempre a disposición dun espazo suficientemente amplo e despexado. Por iso entraron en xogo os camposantos, polo xeral afastados dos núcleos de poboación e de edificios que lle dean sombra.  

Claro que, como todo o que se pon de moda, o negocio non é barato, a colocación dos paneis e de toda a instalación eléctrica dos briereses bretóns superará os tres millóns de euros, para unha poboación de catro mil habitantes, unha cantidade que non todos os concellos están dispostos a gastar. Mais, por aportar ideas, hai outros moitos lugares públicos, que poden ser ocupados. Alguén apuntaba que se podían teitar cos devanditos paneis as subestacións transformadoras, ou os mesmos encoros, se non na súa totalidade, si por partes. Pero se non o fan é que non debe ir por aí o negocio das eléctricas.

Só nos queda agardar que algún día, as tellas, en vez de ser de barro, se fagan con materiais fotoeléctricos.

 

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

sábado, 14 de setembro de 2024

A voltas con Xan Quinto




Grazas ós investigadores Xosé Comoxo e Xesús Santos xa sabemos que Xan Quinto, de nome real Antonio Rodríguez Otero, era do Araño. Nin de Bealo, como dicía a señora Micaela, por pluma de Valle-Inclán, nin de Palmeira, como pensaba o amigo Xulio, quen agora se pregunta de onde viría ese alcume que se conserva nesta parroquia, e polo que durante moito tempo se pensou que o famoso buscavidas de trabuco en man fora veciño deste lugar. Eu, coma calquera, teño a miña teoría.

Historiadores como Xosé Antonio Durán ou Costa Clavel, xa nos teñen falado del a través dos seus artigos, e incluso don Leandro Carré escribiu unha curta peciña de teatro para contar algunha das súas aventuras, que se narraban entre a veciñanza sobre o fío gume que separa a realidade da ficción.

Din que este neto dun heroe da batalla de Pontesampaio, botouse ó monte porque non quería traballar terras alleas. Como queira que sexa, a vida deste “bandoleiro” está rodeada de mitos e lendas en todo o entorno da ría de Arousa e máis aló, incluso se conta dun encontro que tivo con aquel don “Jorgito” el Inglés, que andou polo país adiante vendendo biblias e tratando de converter ós devotos españois ó protestantismo. Dise que neste encontro o inglés contoulle do brutal axustizamento duns bandoleiros pola parte de Andalucía, e o valente Xan chegou a coller medo.

Como moitos outros bandidos, Xan, tamén tiña amigos que o estimaban e inimigos que o odiaban. Estaba moi ben considerado entre os aldeáns, pois segundo se conta só lle roubaba ós ricos e ós orgullosos, moitas veces para socorrer ós máis necesitados. A el escoitóuselle dicir que un ladrón non pode ter por inimigos ós que nada teñen, e por iso os papeis e os ricos lle poñían mala fama, pois que, como daquela os lectores de periódicos eran señores de reloxo con leontina e cadeira reservada no café da vila, as crónicas das súas aventuras adecuábanse ó gusto dos lectores. Así é que sobre el temos dúas historias paralelas, unha escrita e outra contada, e cada quen ha de acollerse á que máis lle guste ou conveña.

O mesmo Valle-Inclán pon en boca da tal Micaela algunhas das súas aventuras, polas que non se pode concluír que non estaba tan mal visto, a pesares de que lle atribúen unha morte da que non hai probas, ou que asaltaba ós feirantes, roubaba nos muíños e algún que outro pernil de porco. Pero nunca lle faltou onde refuxiarse, sempre había algún paisano que o acollía e lle daba pousada. E como a súa preferencia era asaltar as casas grandes e as reitorais, pero tamén sabía comprender as necesidades ou carencias da xente, non se consideraba malo de todo.

Contan que en certa ocasión fixo que un escribán lle redactase un papel para que un señor lle pagase a outro certa cantidade de diñeiro que el mesmo foi cobrar, provocando entre ambos señores un malentendido e unha forte inimizade, ata que comprenderon o timo.

Seguro que el tamén se tiña por un home xusto, aínda que non sempre fose ben comprendido. Nunha pelexa, unha coitelada rematou coa súa vida e crese que foi enterrado no Araño, sen que os libros parroquiais rexistrasen o seu falecemento nin o lugar onde descansan os seus restos.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

venres, 13 de setembro de 2024

A vida tras un cadaleito.

 


Así quixéramos ir todos, detrás do cadaleito e nunca dentro. Pero a vida ten data de caducidade. Sabémolo e procuramos alongala por todos os medios.

Setembro ábrelle as portas ó tempo frío e desapracíbel, e o santoral,  tratando de adiantarse ós problemas do cotián, invoca a protección dos intercesores coa divindade a fin de protexer a vida fronte a morte, neste mes en que non faltan festexos, case todos preventivos da vida e da saúde, tal as distintas advocacións da Virxe en lugares que van dende Malpica a Rianxo ou do monte Faro á Saínza ou á Franqueira. Xa temos contado como se invoca a Nosa Señora na mesma data en que os exipcios festexaban a Isis, a nai de Horus, moito antes de que a Virxe María se representase, como aquela, aleitando ó seu fillo, e hónrase a san Xil de Casaio (Ourense), onde antano se mercaban as aguilladas para ben guiar ó gando, a santo Exidio contra o medo ou a san Campio e santa Eufemia para evitar o endiañamento. A lista de mediadores que nos axudan a afrontar o vindeiro tempo de frío e tebras é moi longa, case de a santo por día, ata chegar ó san Migueliño das uvas maduras; e aconséllannos como untalos con donativos en forma de cera ou de esmolas para que intercedan por nós ante a alta divindade; como na vida mesma, que ninguén vai ó señor, ó ministro ou ó rei, para pedir un favor, senón ó seu intercesor, oficinista, operario ou subalterno, sempre co regaliño por diante e da man de quen sabe de que pé coxea cada quen.

Sen embargo, na festividade do Divino Nazareno da Pobra do Caramiñal, non valen intermediarios, vaise directamente a falar co mesmo Deus Fillo, con quen se trata sen man nin palabra interposta, porque a experiencia xa nos ten ensinado que os valedores, moitas veces, esquécense do recado ou de falar dereitamente en favor do doente. Esta da Pobra é a maior diferencia coas demais celebracións deste mes.

E como nunca se sabe que idioma entenden as divinas persoas, dado que hoxe como antano, segundo o coñecido adaxio, unha imaxe vale máis ca mil palabras, o agradecido doente xa curado ou coa esperanza de curar, por unha vez na vida camiña lavando o cadaleito diante, amosándose como o finado que non finou como un vencedor contra a morte, agradecido, orgulloso e satisfeito.

Da historia deste costume xa todos sabemos como naceu, co ofrecemento do rexedor don Xoán de Liñares, e como por imitación se mantivo a través dos séculos, pero ás veces esquecemos que este non é o único Nazareno que se festexa nestes días, pois aí temos o do Barco de Valdeorras ou o Ecce Homo de Becerreá, talvez, todos eles, en consonancia coa celebración da exaltación da Santa Cruz, que o calendario celebra o día catorce, en lembranza da recuperación daquela en que Xesús foi axustizado, atopada por estas datas do ano 629 en Palestina.


Así son as tradicións, que se lle dá máis importancia ó lugar onde se asenta a deidade ca a ela mesma, xa sexa por lembranza dun feito ou por herdanza de antigos costumes que alguén, por circunstancias varias, reinterpretou e adaptou no seu momento. E aínda que se disimule con oracións e elementos relixiosos, seguimos adornando con pináculos os hórreos onde se garda o gran, evocando o falo de Príapo que usaban os romanos para atraer a fartura, e se a Esculapio lle levaban  exvotos de barro hoxe ós nosos protectores levámosllos de cera. Así, na Pobra, para escorrentar a morte, que mellor que levar o cadaleito diante, como expulsándoa da nosa presenza. 

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado no especial sobre o Nazareno de A Pobra do Caramiñal, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

 

sábado, 7 de setembro de 2024

Camiños de mercadoría



Volvemos das vacacións apurados polos restos das rebaixas que nos axudarán a recuperar a economía que esfolamos durante un verán de festas e dispendios, dispostos a percorrer as rúas peonís, onde demorar diante dos escaparates para escoller o necesario de cara ó inverno.

Isto das rúas peonís parece cousa da modernidade, pero xa é de vello que as normas e os costumes se adapten ás necesidades de comerciantes e compradores. E con eles compiten os centros comerciais, deseñados para que camiñes devagar, sen présas e sen semáforos, entre trinques ben iluminados e altofalantes que nos atraen coas sedutoras voces dalgunha regateira anunciando o seu produto, a imaxe e semellanza dos antigos campos da feira dos que só nos diferenciamos pola vestimenta e pouco máis.

Talvez, a grande diferencia entre as rúas peonís e os centros comerciais está en que nas primeiras están os pequenos comerciantes da nosa vila, os veciños con quen aconsellarse, con quen se ten unha maior proximidade. Os centros comerciais, como di Xulio, son outra cousa. Algo máis distante e polo xeral alleos o barrio.

O amigo Xulio tamén ten a experiencia de percorrer estradas e sempre nos lembra que entre a súa vivenda habitual e a casa paterna, pode recomendar os mellores lugares de descanso sen necesidade de desviarse da rota, sempre fuxindo da autoestrada, contra a que os alcaldes e tendeiros das vilas por onde pasa protestaban porque lles quitaban clientes. A súa experiencia está avalada por máis de cincuenta anos entre unha e outra casa. Xulio dinos que os camiños abren portas, por iso fuxe das vías rápidas e só colle a autoestrada en momentos puntuais. E tamén por iso sabe onde parar a tomar un café, xantar, merendar ou cear segundo lle toque, onde mercar o queique de Ordes, os grelos de Oroso ou os pementos de Padrón. Onde tomar un bo churrasco ou unha ración de polbo andando por estes vieiros de concordia.

Fóra da autoestrada está o camiño aberto, como debeu ser o que noutro tempo percorría o sur de Ourense unindo as aldeas do histórico Couto Mixto, entre Galiza e Portugal, polo chamado “Camiño Privilexiado”, unha vía comercial duns once quilómetros de largo, ben sinalado a través do que se podía comerciar libremente. O Couto era toda unha república de tendeiros, que se ben algún día dependeu das casas de Braganza, de Lemos ou Monterrei, no século XIX rexíase por tres homes de Acordo, cada un veciño dunha das poboacións que o formaban, e cada un posuidor dunha das tres chaves da arca onde se gardaban os documentos que dispoñían e rexían as súas leis, ata que no 1868, dende España e Portugal, decidiron rematar con tantos privilexios, limitándolles o comercio do café, aceite, azucre, sal e tabaco; quitóuselles a dispensa do Servicio Militar, o dereito de asilo e a liberdade comercial pola que se rexían.


Antes de tal data a ninguén lle importaba que se fixese aquel pequeno comercio de subsistencia, pero cando o café e o tabaco circulaban polos camiños do Couto competindo cos exportadores das colonias, foi cando lle puxeron freo, non fose ser que aquel lugar de pobre produción agrícola se convertese nun dos precursores dos grandes centros comerciais de hoxe en día, coa diferencia de que aqueles fornecían e estoutros afogan ós pequenos comercios vilegos.

 

 Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

mércores, 31 de xullo de 2024

...E non me comas a man

 


 

Unha vez soltadas as amarradas, no momento en que o barco emproaba a saída de porto, un mariñeiro acercouse á popa e arroxou un anaco de pan dicíndolle ó mar “come o pan e non me comas a man”.

O mundo mariñeiro é un mundo cargado de crenzas que arrastramos dende tempo inmemorial e dende o mesmo momento no que comeza a construción do barco. Os gregos, colocaban unha moeda na quilla para pagar con ela a Caronte, quen se encargaba de guiar as almas dos finados polos sendeiros do Máis Alá; e os viquingos facían outro tanto pensando nos seus deuses mariños. Hoxe tamén hai qun mantén o costume, pero o que máis lle importa ós mariñeiros é portar o escapulario da Virxe do Carme, baixo a crenza de que así serán rescatados das profundidades en caso de naufraxio.

Contra os perigos do mar temos ó largo de toda a costa, dende Ribadeo ata santa Tegra, unha serie de advocacións a quen podemos pedirlle protección, xa sexa con oracións a modo de cantigas ou con rituais como o de virar unha tella, trocar a posición dunha imaxe ou a cruz dalgún cruceiro para que o vento propicie a chegada a porto. Case todos con pregarias e cerimonias que nos veñen de antigo, costumes que xa había en tempo de gregos e romanos e que nós, herdeiros do pasado, seguimos aplicando, acondicionadas ás novas crenzas.

Hai un par de anos, nun barco que nos levaba a Ons, sorprendémonos cunha restra de allos que o buque levaba ben á vista sobre a cabina do patrón, como noutro tempo tamén se colgaba das redes para espantar os malos fados e propiciar unha boa pesca, porque as divindades que nos gobernan son moi caprichosas e resentidas, e para exemplo temos ó infortunado Odiseo, quen por defenderse de maligno Polifemo, foi castigado a vagar polo mar durante dez anos, sen que os ventos da fortuna o retornasen á súa casa.

Uns días despois de ver como aquel mariñeiro tiraba o pan por popa, faláronme de moitos dos usos aprendidos dos nosos antepasados, como o de derramar aceite sobre o mar cando este se embravecía, non deixar subir abordo a un cura con sotana nin transportar cadaleitos, ou non saír ó mar en datas como Venres Santo ou o día de Todos os Santos para non atraer o mal fado. E se os gregos derramaban un copo de viño sobre a proa dun barco acabado de construír, como ofrenda ós seus deuses, nós, hoxe en día, rompemos contra ela unha botella de champaña, máis por rutina ca por invocar a ningunha divindade. Aínda que, segundo me contan, na botadura do Costa Concordia, aquel que encallara en Italia no 2012, a botella non rompeu, o que lle dá máis valor ó costume, á superstición e ós supersticiosos.

Tamén aquel mariñeiro que arroxara un anaco de pan pola popa, algún tempo despois, en plena faena, esbarrou e a punto estivo de caer pola borda, con tan boa sorte que puido agarrarse dun cabo e nin sequera mollou os pés. Asegura quen tal viu e xustifica quen niso cre.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado no especial das festas de Ribeira 2024 de La Voz de Galicia).