sábado, 11 de outubro de 2025

Reciclaxe de redes

                        


Xa ninguén se lembra daqueles chaquetóns de lona untados con sebo para protexerse dos salseiros, cuxa vida útil remataba converténdoos en trapos de fregar. Non tan lonxe quedan os manteis e chuvasqueiros de hule, talvez moito máis hixiénicos, que despois de protexernos dos vendavais durante moitas mareas, acababan, cos seus parches multicolor, nos tellados dos galiñeiros.

Non hai nada que dicir contra a reciclaxe, aínda que esta non sempre sexa posíbel nin esteticamente adecuada. Lembrade os somieres nas fincas. A pasada semana soubemos que aquí, na Barbanza, xa temos autorizada unha planta destinada á reparación e recuperación de redes, que boa falta fai, porque darlles unha segunda vida sempre será positivo para o medio ambiente e para a economía; co que, moi axiña, todo ese refugallo que vemos a un lado da autovía á altura de Boiro, converterase en aparellos de novo uso. Pero aínda podemos preguntarnos onde acaban todos eses fíos e anacos de redes irrecuperábeis, maioritariamente de material plástico, ciscados por portos e peiraos, tan resistentes e duradeiros que non hai bicho que acabe con eles. E ideas para volver a usalos non faltan, como a que tivo o escultor Manolo Paz, quen non encontrou mellor xeito de representar os reflexos do mar, ca expoñendo fardos de redes que, nalgún caso, só era necesario deixalos, máis ou menos combinados, para que os observadores visen ou intuísen neles as cores do océano a distintas horas do día.


Máis aló do mundo da pesca, da arte ou de facer bolsos de malla, a reciclaxe destas pezas chegou á industria téxtil. Xa antes tiñamos no mercado moitas prendas de poliéster, que non se engurran, son lixeiras, resistentes e non necesitan que se lle pase o ferro, pero os fabricantes piden máis.

Os de Inditex, por exemplo, teñen en mente o aproveitamento deses refugallos mariños, experimentando con retallos das redes que xa non van ser reparadas, enormes cantidades de fíos sintéticos que, ben tratados e mesturados con outros máis naturais serven para confeccionar prendas adecuadas para o noso clima. De feito, a empresa radicada en Arteixo xa se adiantou a elaborar roupas a partir destas fibras e con un esperanzador resultado de cara a un futuro próximo.

É bo que as cousas poidan recuperarse e reutilizarse, aínda que ó uso de polímeros na vestimenta engádese o problema de que non deixan de ser un mal medioambiental a largo prazo.


Se non fose porque as modas lles poñen data de caducidade a todas as vestimentas, a estes materiais non hai couza ou traza que os estrague e ata os netos poderían aproveitar as roupas que foron de seus avós, para desgraza de xastres e costureiras. E por moi ben que funcione o negocio da moda ó estilo das mellores películas de ciencia ficción, esas que nos presentan un futuro sen garabatas nin camisas de liño, pero si con moita licra e poliéster, non creo que a todos nos guste, pois preferimos o aloumiño quente da lá ou do algodón.

De momento para abastecer o mercado con estes fíos reciclados, quen sabe se non se porá de moda o de recoller retallos de redes polos peiraos, como outrora se recollían en Coroso cunchas na mallante, para que os da outra banda da ría confeccionasen recordos para turistas.

Francisco Ant. Vidal

 (Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

 

 

sábado, 4 de outubro de 2025

Benestar animal

                        


Xa sabedes aquela fábula de Samaniego, do cocho e o burro que envexaba a boa vida daquel, cando el se pasaba todo o día cargando sacos e levando paus, que acaba con esa sentenza de non envexar a sorte de outros se non se coñece a súa realidade. E con ela tamén acode á mente aquel costume de cando se facía matanza nas casas, de darlle a noite anterior unha boa comida ó porco, como se lle dá ós condenados unha derradeira cea. Amargo xantar para calquera.

Dicíanos Xulio que, despois de todo o que os animais nos dan en carne, ovos ou peles así como en corazóns e riles para transplantes, ben merecen que lles facilitemos unha vida de hotel, antes de que, se acaso, se nos rebelen como aqueles da granxa Manor, do señor Jones, segundo nos ten contado George Orwell.

Lembrábamos toda esta literatura en forma de novela, fábulas e moitos máis contos cando lemos a nova da enorme cantidade de mimos que os expertos recomendan dar ós animais de granxa, e dos beneficios económicos que tales garatuxas aportan á economía, despois de que na pasada primavera, se fixese oficial unha normativa obrigando a darlle máis espazo ós animais estabulados, para que poidan estirar as patas sen molestar a outros compañeiros de cela, algo que non a todos os gandeiros lles parece ben, porque tal implica ampliar as cortes ou criar menos animais, e iso peta directamente na carteira.


Sen embargo, aquí na Barbanza, hai quen está convencido de que, cantos máis mimos lles deas, mellor se portan, que pasándolle a man polo lombo, a vaca dá máis leite, a galiña pon máis ovos e o porco cría máis touciño. Que o cariño da beneficios e o benestar animal non se limita a limpar as arañeiras do teito dos cortellos ou a renovar a palla dos seus leitos, para que se sintan frescos e limpos, asegurándolles un bo descanso niso que se vén dando en chamar o cow confort. Tamén, como non todo é durmir e engordar, e gústalles gozar dos seus momentos de ocio, temos granxas nas que os animais practican algún tipo de ximnasia, xogan con pelotas adecuadas ó seu tamaño, e cando cansan de xogar e facer deporte pasan pola sala de masaxe, onde uns cepillos automáticos acariñan o seu corpo, peitéanos e apórtanlle un relaxamento que xa para si quixeran moitos dos humanos que pasan o día en tensión fronte a un ordenador ou cargando con un martelo percutor.

O certo é que as vacas de hoxe xa non se ven con aquela cotra de zurro e bosta pegada ás súas ancas, agora non só teñen un veterinario que mira pola súa saúde, senón tamén un nutricionista para controlar a calidade da comida inxerida ou un podólogo que lles fai a manicura.

Está claro que, se o señor Jones, da granxa Manor, non fose tan desatento, como se di que era, e se preocupase máis dos seus animais, non tería que soportar unha rebelión tan sonada como foi aquela, en que porcos, cabalos, vacas e demais moradores dos seus cortellos, galiñeiros e currais se levantaron contra a explotación inhumana do granxeiro, aínda que logo, por problemas que non veñen a conto, a rebelión acabou en nada.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

 

sábado, 27 de setembro de 2025

Servizos sociais


 


Ancianos en un banco, Gregorio Luelmo Serra - Artelista 

Cando Ana Kiro cantaba aquilo de Casadiña de tres días/ xa levaches unha tunda./ Se cho saben as solteiras/ xa non se casa ningunha./ era un tempo no que prevalecía aquilo de a casada casa quer, pero non como aspiración de propietaria, senón como reclusión. Ata no instituto tiñan as rapazas unhas clases de labores domésticos para non importunar ós futuros maridos. Elas eran a coidadoras de vellos e nenos, ou a que lle traía as zapatillas ó esposo cando chegaba á casa. O que non se conta na canción é por que a casadiña levou esa tunda celebrada tan graciosamente, algo que, hoxe en día non creo que se lle ocorra cantar a ninguén.

O malo é que aquelas casadiñas, convertidas en servidoras sociais, cando chegaban a vellas tiñan que conformarse coa pensión do esposo ou a de viuvez para que alguén as coidase a elas. Pero agora a muller quere casa para vivir, pero tamén traballar na profesión que ela elixiu, con todos os dereitos que iso implica no presente e para o futuro, e faise necesario que alguén cubra as funcións que noutrora cumprían súas nais e avoas: coidar da casa, de crianzas e anciáns. Uns servizos de primeira necesidade cando os colexios empezan ás nove e o horario laboral ás oito, cando chegan as vacación de Nadal, de verán ou de primavera, pero as oficinas, talleres e conserveiras non pechan.

Estes servizos de atención e coidado, tanto de maiores como de crianzas, son imprescindíbeis, e por iso demandados como de primeira necesidade pero non sempre cobren todas as perspectivas que o usuario demanda ou hai que pagar por eles tanto que non chega a pensión do demandante.

300 ideas de Ancianos en la gráfica y la pintura | retratos, ancianos,  pinturas 

Hai colexios con axudas públicas, que se ben non cobran matrícula, impoñen a maiores o uniforme e o material escolar que se ha de mercar na tenda do colexio, co que xa non é tan gratuíto como nos anuncian. Os maiores teñen residencias, pero onde non che piden a pensión completa e algo máis, só teñen praza a quilómetros de distancia de onde o residente ten amigos e familiares, provocando o desarraigo da persoa no momento máis crucial da súa vida. Con estas perspectivas os servizos sociais son máis un negocio ca un servizo para axudar a levar con dignidade e dentro da normalidade nesa difícil etapa da vida. Dirán que sempre lles queda a Sirenia de Google ou algunha outra asistente virtual, que se ben non che fai a cama pode darche leria.

E é que nada é barato cando hai demanda, cando se trata de dar acubillo e prestar coidados; mais, aínda que escasos, hai exemplos que desdín estas trabas, como en Mazaricos, un concello, segundo nos contan, con cinco Casas do Maior, que só pagan, se o desexan, a comida. E se este concello pode, ¿por que non o copian concellos moito máis ricos e poboados?

Se pasar unha noite nun albergue de peregrinos custa dez euros, trescentos euros ó mes, e nunha pensión de Vigo por menos aínda tiñan cama cada un dos seus vinte e dous hóspedes durante todo o mes, dáme a impresión de que os Servizos sociais deixan de ser sociais cando son subcontratas pensadas como negocio para quen os xerenta. Ou unha mala xestión de quen os financia. 

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

sábado, 20 de setembro de 2025

Somos previsores

                     


Ser previsor é unha das facetas máis comúns do reino animal, humanos incluídos. É coñecido como os osos se enchen a fartar durante estes días, para ter reservas suficientes antes de botarse a durmir en canto cheguen os fríos. E os humanos tamén procuramos encher hórreos, anllares, despensas e armarios. As tendas de roupa xa mostran os modelos para este inverno, e un servidor xa mercou o seu gabán.

 Setembro é un mes de previsión ante o que vai vir. Os cautos e precavidos veciños, agora que os días van minguando e baixa a temperatura, comezan a adaptar a dieta, para prever catarros e outros males propios da estación, con zumes de laranxa, mel e comidas quentes; pero, por se isto non chega, tamén botan man dalgunha divindade para reforzar a efectividade de remedios e xaropes.

Así comezamos xa dende o día oito coas distintas advocacións da Virxe, á que nestes días é moi común que se lle dea o sobrenome de Nosa Señora dos Milagres ou dos Remedios, o que non impide que tamén se festexe como a Guadalupe ou a de Loreto, por citar a dous puntos afastados entre si dentro da nosa bisbarra, cando non se lle dá o nome do lugar onde se venera, como a Franqueira ou a Saínza. Sen saír da Barbanza tamén temos o Nazareno, para recibir os cadaleitos dos agradecidos devotos que polo de agora burlaron a morte ou o san Campio coa romaxe contra o Mal Cativo, todas elas advocacións preventivas para pedir o favor da súa intervención agora que o inverno xa está á porta ameazando coa gadaña segadora. E para quen é amigo de excursións pode saír a dar unha voltiña que en todas as bisbarras temos romarías para os cautelosos por se nos fallan os médicos, dos que, segundo me contan andamos escasos, ata o punto de que pides unha cita por mor dun trancazo, e dancha para dentro de quince días, cando xa o curaches a base de castañas asadas e viño con mel.

As razóns para converter un santuario en lugar benfeitor para a saúde son múltiples, polo xeral asociadas a algunha intervención que o santo ou santa titular do lugar teña feito. E aló imos a facerlle festa e garatuxas, a acariñar o seu hábito, a cara, as mans ou algún elemento propio para que o aloumiñado nos faga caso. O que nos falta por saber é se é máis eficaz unha cuantiosa esmola, unha devota oración ou un simple agarimo.


Un caso aparte dáse na fermosa igrexa románica de Cambre, nas Mariñas coruñesas, onde se conserva unha hidria traída, segundo a lenda, polos templarios dende Terra Santa, convencidos de que nela foi onde Xesús operou o milagre de converter a auga en viño. Esta bacía foi usada como pía bautismal durante tantos séculos, que sempre pensei que o desgaste que se lle nota no borde era debido ó roce das moitas criaturas que alí se bautizaron, ata que me desenganaron contándome que os devotos ían á igrexa a rascar na pedra para conseguir un pouco de area, que logo mesturaban con algún xarope para darllo a beber ós doentes como remedio eficaz contra todos os males do corpo.

En fin, que a falta de médicos sempre nos quedan os remedios.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbabza de La Voz de Galicia).