Unha
das versións da lenda que explica a orixe deste apelido conta que todo
aconteceu naqueles tempos en que, por perder unha batalliña de nada contra os
infieis, ou por faltarlle a axuda dalgunha divindade que si axudou por mor
doutras máis interesadas causas, os bos dos paisanos da bisbarra das Mariñas
habían de pagar un tributo de cen doncelas ó ano para folganza dos haréns
mouriscos. E pagaban, porque a ameaza era a morte de toda a poboación se tal
cousa non facían. Pero un día tocoulle no lote á irmá duns mozos que tiñan
outras expectativas para a rapaza, e interveu na conversa un medio mozo que ela
tiña, que a este paso non ían ter crianzas que os herdasen, pois sen mozas non
hai nais e sen nais non hai fillos, e se aqueles mataban con coitelo, tal renda
a pagar exterminábaos para sempre. Polo que andaron a dar voltas e argallar que
podían facer para liberar ás súas rapazas, a pesar de que aquel fato de labregos
e pescos non tiñan máis ca ferramentas e aqueles outros viñan armados de mortíferos
alfanxes.
E
como a necesidade crea o valor, cando as mozas xa estaban no peirao do río
Mandeo, listas para subir abordo con rumbo ós cálidos pazos de Córdoba, dun
figueiral próximo empezaron a saltar os aguerridos mozos, armados coas ramas
das figueiras do lugar, contra aquel ben equipado e sorprendido exército ata
facelos fuxir a ramallazos, e aínda sendo como é, a rama da figueira unha das
madeiras máis febles que coñecemos, dado o valor e a furia dos nativos, os
curvos coitelos non puideron con elas.
E
por iso é que aqueles tomaron por apelido o de Figueiroa, e o seu escudo amosa
esas cinco follas de figueira sobre campo de ouro.
Outra
versión da lenda di que foi o pai dunha das mozas, quen, na dura batalla
emprendida por liberar ás rapazas, perdeu a espada, e entón arrincando unha
rama de figueira, púxose á fronte das hostes betanceiras arreando contra o
inimigo ata aniquilalo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario